Artistas de Cabo Verde e Portugal en Ponteareas

Do 10 ao 12 de marzo en Artistea

Ponteareas | O Concello de Ponteareas deu hoxe a benvida ás e aos novos residentes da residencia artística Artistea que participan programa de creación e formación escénica deseñado polo Centro Dramático Galego e que reunirá na vila a artistas procedentes de Cabo Verde, Portugal e Galicia. Durante os días 10, 11 e 12 de marzo, as persoas participantes desenvolverán un programa de traballo centrado na adaptación de textos clásicos ao teatro contemporáneo.

“Esta residencia combinará investigación, formación e práctica escénica, convertendo Ponteareas nun espazo de encontro para a creación teatral e o intercambio cultural”, así o explicou a concelleira de Emprendemento Silvia Fdez. Táboas Ao longo destes días, as e os residentes profundizarán en procesos de reinterpretación e actualización de obras clásicas, explorando novas linguaxes escénicas e formas de levar estes textos ao escenario desde unha mirada actual.

Como parte do programa, o alumnado dos obradoiros de teatro recibirá formación especializada da man de Santiago Cortegoso autor, director de escena, actor e produtor teatral galego. Cortegoso é coñecido principalmente polo seu traballo como fundador e membro central da compañía Ibuprofeno Teatro, e conta cunha sólida traxectoria no ámbito das artes escénicas. Entre os recoñecementos á súa carreira destacan o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, varios Premios María Casares e distintas nominacións aos Premios Max das Artes Escénicas, consolidando o seu traballo tanto no panorama teatral galego como no ámbito estatal. Tamén recibirán mentorías de Rosy Timas e Jeff Hesney que veñen dende Cabo Verde con apoio do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.e mentorías de creación de Neto Portela, creador brasileiro afincado en Portugal.

A través dun proceso intensivo de investigación e práctica escénica, as persoas participantes experimentarán con diferentes ferramentas de dramaturxia, dirección e composición física para actualizar materiais dramáticos clásicos desde unha perspectiva contemporánea. O programa está dirixido a integrantes de grupos de teatro afeccionado e grupos de teatro xuvenil que adquirirán ferramentas prácticas e conceptuais para achegarse aos textos clásicos desde unha mirada actual, fomentando procesos de investigación e creación escénica que integren dramaturxia, corpo e posta en escena. A través de dinámicas de análise, reescritura e experimentación performativa, o curso pretende estimular novas formas de lectura e reinterpretación do repertorio dramático, explorando a relación entre palabra, movemento e imaxinario escénico.

Ao mesmo tempo, promoverase o traballo colaborativo e a creación colectiva como espazo de aprendizaxe compartida, favorecendo a incorporación de enfoques actuais de dirección e composición escénica. A metodoloxía do curso terá un carácter eminentemente práctico e experimental. O traballo incorporará tamén a dimensión física da escena, mediante prácticas de composición corporal e exploración coreográfica que permitirán integrar o movemento como elemento fundamental da dramaturxia.

Achegar os coñecementos de expertos aos veciños e veciños para que sen saír de Ponteareas poidan beneficiarse dos coñecementos de expertos. “Como Concello queremos que as nosas veciñas e veciños teñen as mesmas oportunidades de medrar, neste caso, artísticamente, por este motivo as residencias Artistea teñen entre os seus obxectivos a formación e o intercambio entre artistas consagrados e artistas noveles”, explicou a alcaldesa, Nava Castro.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.