Ponteareas, primeiro Concello pontevedrés en aprobar os seus Orzamentos 2026

Con 22,5M€, as contas serán levadas a pleno este 25 de novembro para a súa aprobación

Ponteareas | O Goberno Municipal de Ponteareas elevará ao Pleno Ordinario do próximo 25 de novembro a aprobación definitiva do Orzamento Municipal para o ano 2026, situando ao municipio como o primeiro da provincia de Pontevedra e un dos primeiros de Galicia en aprobar as súas contas en tempo e forma. Este avance permitirá que o orzamento entre en vigor o 1 de xaneiro, garantindo unha planificación eficaz, axilidade administrativa e unha execución inmediata dos investimentos previstos para o novo ano.

O documento económico acada os 22,5 millóns de euros, a cifra máis elevada da historia municipal, e supón un incremento do 9,45% respecto ao exercicio 2025. Este crecemento é posible grazas á recuperación financeira lograda polo actual executivo, que conseguiu equilibrar as contas municipais tras corrixir o remanente negativo herdado do mandato anterior. Así, o Concello conta hoxe cun marco económico sólido e estable, que permite mirar ao futuro con garantía e acometer proxectos de impacto real para a cidadanía.

A aprobación do orzamento antes de finalizar o ano supón importantes vantaxes para Ponteareas. A primeira delas é a posibilidade de iniciar xa a comezos de 2026 a licitación do novo contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, un servizo que mellorará de forma moi significativa grazas á incorporación de máis medios, máis limpeza en rúas e parroquias e unha ampliación da rede de contedores. Todo isto será posible sen incrementar a taxa do lixo, demostrando que unha xestión eficiente permite ofrecer máis e mellores servizos sen cargar máis custos sobre a veciñanza.

Ademais, o novo orzamento tamén permitirá activar a licitación do contrato do ciclo integral da auga, que marca un antes e un despois na historia do municipio. Grazas a este contrato será posible iniciar por fin as obras de saneamento en todas as parroquias que aínda carecen de rede municipal, cumprindo así un compromiso histórico coa veciñanza do rural. Este proxecto, cun investimento estimado de 106 millóns de euros ao longo dos próximos 25 anos, suporá unha transformación estrutural e dotará ao concello dunha planificación estable e sostible. O orzamento incorpora ademais unha partida municipal de ata 500.000 euros anuais para contribuír á execución das obras, o que garante a súa viabilidade.

Outra das grandes vantaxes de contar cun orzamento aprobado en tempo é que permitirá avanzar con axilidade na contratación de obras, servizos e melloras dende o primeiro día do ano. Evítanse así os atrasos asociados ás prórrogas orzamentarias e increméntase a capacidade do Concello para responder ás demandas da veciñanza, atender o mantemento das parroquias, executar investimentos e mellorar o funcionamento da administración local. Esta situación ofrece tamén seguridade xurídica e estabilidade ás empresas, entidades e colectivos que colaboran co Concello ao longo do ano.

A nivel social, educativo e cultural, a entrada en vigor inmediata do orzamento permitirá activar sen demoras todos os servizos municipais. Isto inclúe a continuidade dos convenios sociais, os programas de apoio ás persoas maiores, ás familias e aos colectivos máis vulnerables, así como a posta en marcha da nova escola infantil, que incrementará nun 25% as prazas dispoñibles, e da nova ludoteca municipal. Tamén garante o mantemento da programación cultural, festiva e deportiva e das axudas aos clubs e asociacións, fundamentais para dinamizar a vida social do municipio.

O Goberno Municipal destaca que “aprobar o orzamento antes de rematar o ano é un exercicio de responsabilidade e de boa xestión pública. Significa planificar con rigor, actuar con eficiencia e garantir que Ponteareas poida avanzar dende o día 1 de xaneiro con todos os recursos dispoñibles. É unha mostra clara do compromiso deste goberno coa modernización da administración, coa mellora dos servizos públicos e co benestar da veciñanza”.

Con este orzamento, Ponteareas dá un paso decisivo na consolidación dun modelo de futuro: un concello máis moderno, eficiente, próximo e comprometido co desenvolvemento das súas parroquias e coa mellora da calidade de vida de todas as persoas que viven no municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.