Ponteareas presidirá o grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico

Da man da súa alcaldesa Cristina Fernández Davila

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de converterse na nova presidenta do grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico, entidade transfronteiriza que reúne a preto de 40 municipios para promover a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e á que a vila adheriuse recentemente.

Este é un dos catro grandes grupos temáticos nas que divide a súa actividade o Eixo Atlántico, a través dos que se traballa en proxectos de futuro vinculados ao turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

O grupo que preside xa a rexedora ponteareá ten como obxectivo desenvolver con todos os concellos integrantes medidas para reforzar as políticas de sustentabilidade urbana centrándose en diferentes aspectos, como pode ser un novo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Eixo Atlántico, presentado hai uns meses en Póvoa de Varzim.

“É un orgullo presidir unha área que para o noso concello é tan importante e coa que buscamos ter municipios cada día máis sustentábeis a todos os niveis, desenvolvendo modelos urbanísticos que non degraden a nosa contorna e que primen a calidade de vida da veciñanza”, salienta a rexedora.

Deste xeito, Ponteareas dá un paso máis para converterse “en referente de vila cun modelo de crecemento organizado e planificado, baseado no desenvolvemento sostíbel que ten como pedra angular a estratexia ‘Ponteareas hábitat saudábel’, que conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea”.

Día do Libro na Biblioteca Municipal
A Biblioteca Municipal de Ponteareas súmase á conmemoración do Día Internacional do Libro cunha actividade pensada especialmente a público infantil. O vindeiro 21 de abril, ás 18.00 horas, chegará ás instalacións ‘Conversas con Tana’, un espectáculo teatral de Alejandro Gustavo Guanella dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos encadrado nas actividades do programa ‘Ler conta moito’.

Será un espectáculo baseado na ventriloquía onde un granxeiro e a súa cadeliña, Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que van aflorando temáticas como Don Quixote, o fomento do hábito da lectura, o coidado e respecto polo medio ambiente, a alimentación, a igualdade de xénero, a música, o cepillado dos dentes e outras cuestións de cans e humanos e humanas tratadas dende o humor. Con música interpretada a dúo, a obra consta dun apartado de contos propios e con outro no que a propia Tana recita a poetas como Rafael Alberti, María Victoria Moreno ou Pablo Nerura.

Con estas actividades “buscamos promover entre o público máis novo non só o amor pola lectura, senón tamén a comprensión oral en galego ou o desenvolvemento da creatividade, facendo ver aos nenos e nenas a biblioteca como un espazo de lecer, aberto e participativo”, explica o concelleiro de Cultural, Fernando Groba. As persoas interesadas poderán inscribir aos nenos e nenas a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 660 765.