Ponteareas presentou o seu primeiro Centro de Dinamización Empresarial

Financiado nun 80% con fondos FEDER

Ponteareas | “Un lugar para traballar e crecer”, así será o primeiro Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas que foi presentado onte polo concelleiro de participación cidadá, Roberto Mera, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, acompañados da segunda tenenta de alcalde Chus Garrote e dos técnicos redactores do proxecto.

O estudio de arquitectura Irisarri-Piñera S.L.P expuxo diante de autónomos/as, empresarioas/os, emprendedores/as e comerciantes o proxecto de reforma dos dous andares do coñecido edificio da Seguridade Social na Praza Maior mercados con fondos propios do Concello grazas ao saneamento económico realizado polo actual goberno.

Agora, a reforma será financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, FEDER, no marco da estratexia “Ponteareas, hábitat saudábel” e nun 20% con fondos propios do Concello.

O Centro de Dinamización Empresarial ofrecerá espazos de traballo para emprendedores, unha oficiña Smart PEME, sala de reunións, zona de traballo informal, coworking, zona de reprografía e almacén, unha oficiña de asesoramento e espazo de formación. Ademais, complétase cun patio-terraza que oferta a posibilidade de traballar ao aire libre.

“O Centro de Dinamización Empresarial ofrecerá espazos de traballo para emprendedores, unha oficiña Smart PEME, sala de reunións, zona de traballo informal, coworking, zona de reprografía e almacén, unha oficiña de asesoramento e espazo de formación”

Na sala multiúsos do auditorio municipal coñeceron o que será o seu centro de apoio e no que poderán realizar reunións, participar en xornadas, recibir formación e interactuar con outros empresarios e emprendedores. Os usuarios e usuarias disporán de oficiñas e medios informáticos, materiais e de reprografía, tamén se beneficiarán dun servizo de asesoramento con persoal cualificado.

“Permite que calquera autónomo ou persoa que teletraballa dispoña de salas tecnolóxicamente dotadas para manter reunións con outros profesionais, atender proveedores, recibir clientes ou interactuar nos espazos coworking xerándose máis oportunidades de negocio.

Este centro estará aberto para todo o tecido empresarial de Ponteareas, tanto para os que comezan como para os que están asentados”, explica o alcalde en funcións Roberto Mera.

Enriquecerse mutuamente e enriquer a nosa vila cun deseño arquitectónico aberto que permita a participación e un redeseño diario que se adapte ás necesidades de cada momento, “é dicir, que pasado o tempo e atendendo á demanda poida ser adaptado con facilidade.

Trátase de espazos de traballo para necesidades diversas e cambiantes no tempo con material e ferramentas que faciliten o traballo diario daqueles que non dispoñen de espazo ou tecnoloxía nos seus fogares, oficiñas ou locais”, engade a concelleira Eva Gil.

Priorizar os espazos que permitan traballar en grupo e aproveitar as sinerxias dos usuarios/as, mobiliario multifunción, acabados de doado mantemento e durabilidade, mamparas de cristal e cores neutras son algunhas das claves do deseño interior segundo explicou a arquitecta Guadalupe Piñera.

A accesibilidade está garantida con percorridos de circulación transitables por calquera tipo de mobilidade reducida así como con sinalización a distintas alturas e con lectura Braille.

A concelleira Chus Garrote engade que esta iniciativa contribuirá na revitalización desta céntrica praza do casco vello sumándose as accións iniciadas coa declaración ARI e a creación do centro cívico nesta mesma praza.

Bioclimática activada
O proxecto aproveita a reforma para mellorar o funcionamento enerxético e ambiental do edificio. Mellorando o aillamento, a iluminación natural co acristalado das fachadas ao patio e a ventilación cruzada achegándose aos estándares passive-house e outros.

“Aberto, dinámico, versátil e conectado coa vila para que ambos se enriquezan e sempre con expectativas de medrar á par do tecido empresarial e da inquedanza dos e das emprendedoras”, sinalou o arquitecto Jesús Irisarri que salientou a importancia de ofrecer un espazo que se nutra da vida na praza e que á vez lle dea vida á mesma.