Ponteareas presentou o seu Calendario Galego 2023

Achegará á veciñanza algúns dos penedos máis coñecidos da vila

Ponteareas | O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do Calendario Galego de Ponteareas 2023. Esta nova edición permitirá achegar á veciñanza algúns dos penedos máis coñecidos da vila, como o penedo do Equilibro ou a Pena dos Namorados, pois recolle unha escolma das propostas que participaron no concurso de fotografía ‘Pontepenedo’.

O mes de xaneiro cédelle o paso ao Penedo dos Namorados, un dos máis senlleiros de Ponteareas, retratado baixo a ollada de María José Prado, mentres que febreiro amosa outra perspectiva do mesmo penedo cunha foto de Isaac Sánchez coa que descubrimos o rito das tres pedras.

En primavera é momento de sorprenderse coas figuras dalgúns penedos como o captado por María del Mar Lorenzo no Provizo, en Guláns, que protagoniza o mes de marzo. En abril volve o Penedo do Equilibrio da man de Analía Martínez, en maio é a quenda da pena senlleira do Monte da Picaraña recollida por Sabela Rodrígues e en xuño visitamos o agocho dos namorados cunha nova imaxe de Isaac Sánchez.

No monte de San Cibrán, en Guláns, Arístides Carrera amosa o penedo do Curucho, que nos acompañará o mes de xullo, mentres que en agosto as protagonistas son ‘as penas furadas’ vistas coa óptica de Isaac Sánchez. O verán vaise coas rochas xigantes que salpican a paisaxe nos montes de San Cibrán fotografados por Patricia Fernández e outubro aterra coas similitudes atopadas coa lúa chea nunha fotografía feita no Provizo por Carmen Barrera.

Isabel María Montenegro sorpréndenos cun penedo en forma de cogomelo, habituais do mes de novembro e a maxia e a luz do Nadal cóanse no mes de decembro coa fotografía ‘Noite máxica’ de Patricia Fernández co Penedo do Equilibrio como protagonista. Rochas en forma de dinosauro durmido captadas por Susana Lamela, as pedras no leito do río de María Victoria Gándara e unha visión distinta do Penedo do Equilibrio achegada por Analía Martínez pechan este especial calendario.

“A alcaldesa apelou a un 2023 ‘positivo e de ilusión, reforzando o orgullo que sentimos de Ponteareas”

O acto comezou co tradicional saúdo da alcaldesa, Cristina Fernández, quen avanzou no seu discurso as principais liñas de actuación do goberno municipal no vindeiro ano: “Seguiremos traballando para lograr avances importantes para toda a veciñanza e seguiremos contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas, a loitar contra a emerxencia climática, a potenciar a economía e o emprego local, a avanzar na igualdade e a inclusión social e a acadar un gran dinamismo cultural, deportivo e de lecer”. A alcaldesa apelou a un 2023 “positivo e de ilusión, reforzando o orgullo que sentimos de Ponteareas, dos elementos que a compoñen e da nosa xente”.

Pola súa banda, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a todos os veciños e veciñas a “que se achegen á Casa do Concello ou á Biblioteca Municipal nos vindeiros días para recoller de balde o calendario, “un pequeno detalle co que agasallar a ponteareás e ponteareáns nestas datas tan sinaladas”.

Reciclaxe con sentido solidario
O Concello de Ponteareas levou a cabo nos pasados días a instalación dun contedor con forma de corazón para a recollida de tapóns de plástico. Está situado na Praza Fernández Vega, nas inmediacións da praza de Abastos, e nel pode depositarse calquera tipo de tapón ou tapa de plástico procedente de artigos de uso doméstico.

“Desde o Concello entendemos que é fundamental que se traballe coa veciñanza na necesidade de tomar conciencia da importancia de reciclar a fin de adoptar hábitos máis respectuosos co medio ambiente que nos rodea, para coidar o noso planeta”, explica a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila. “A iniciativa, ademais do beneficio ambiental contribúe á concienciación das xeracións futuras, así como a labores sociais”, salientou a rexedora.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, indicou que “malia que xa se realizaba a recollida de tapóns no interior do Mercado para a súa reciclaxe, coa instalación deste contedor facémola máis visíbel e cómoda para a veciñanza”. Cando o contedor estea cheo, os tapóns serán recollidos para darlles unha segunda vida e colaborar así con fins solidarios, xa que irán destinados a asociacións que colaboran con familias afectadas polas enfermidades raras.