Ponteareas presenta o orzamento máis alto da súa historia

O Alcalde Xosé Represas destaca o incremento da partida no gasto social, a incorporación de 150.000€ para traídas de Augas e conxelación de taxas

Ponteareas presenta o orzamento máis alto da súa historia

Ponteareas | O goberno de Ponteareas, presidido por Xosé Represas, presentou na comisión de Facenda, celebrada este xoves, o orzamento máis alto da historia de Ponteareas que suma un total de 16.936.298,83€.
“Estes orzamentos marcan un antes e un despois na historia económica do concello, consolidan a liña de actuación marcada hai tres anos, tempo no que rematamos coas débedas millonarias arrastradas durante décadas por gobernos da dereita e situamos nestes anos a Ponteareas en condicións de afrontar novos retos con todas as garantías”, manifestou o Alcalde.

Os investimentos xa incorporados nos orzamentos suman un total de 3.045.067,61€ e son financiados fundamentalmente coa subvención de fondos europeos da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”.
Entre os investimentos máis destacados, o Alcalde remarcou a relevancia que se lle da a priorizar o gasto social que suma un total de 2.692.784,62€ nas diferentes liñas cos servizos socias, a residencia de maiores, a axuda no fogar, o centro Asprodico ou a escola infantil entre as prioridades. O gobernou volveu incrementar a partida para as axudas de emerxencia social que subirá ata os 120.000 euros, cifra que multiplica a destinada no ano 2014, último ano de goberno do PP.
Outra das partidas económicas creadas polo actual goberno de Ponteareas para apoiar ás familias con menos ingresos é a das axudas para libros e material escolar que por importe de 21.000 euros sirve de apoio económico a máis de 200 familias.

Pola súa parte, Educación e Cultura suman un total de 2.305.070,96 euros que se investirán no Conservatorio, centros educativos, biblioteca, auditorio e as actividades festivas e culturais. Outra das partidas de gasto corrente máis relevante; o servizo de limpeza viaria, recollida do lixo e tratamento en SOGAMA, suma un total de 1.650.000 euros.

Outra das novidades é a incorporación dunha partida de 150.000 euros para traídas veciñais de augas. Este liña de axudas ten como finalidade subvencionar as obras prioritarias de novas captacións e depósitos ás comunidades veciñais que sufriron en maior medida as consecuncias da seca no verán e outono pasado.

Entre outras medidas que recolle este documento está a conxelación de taxas e impostos con rebaixas relevantes como a do imposto de construcións e reformas. “Son uns orzamentos que garanten a estabilidade econónica municipal e sitúan ao Concello de Ponteareas na mellor situación da súa história para afrontar os grandes retos de investimentos que ten pendente Ponteareas e que a partir xa deste ano pode acometer con garantía e solvencia económica”.

Entre os acordos ligados aos orzamentos e tendo en conta acordos plenarios e aportacións de Esquerda Unida, ao borrador achegado con antelación a todos os grupos da oposición, figura a previsión de financiación do incremento salarial dos traballadores municipais, pendente de concretar xa que a negociación aínda está aberta, incrememto que se financiará contra a partida de vacantes de persoal sen incrementar o gasto por este concepto.

Outro dos acordos é a previsión de amortización de licencias de taxi que contará cunha previsión de 36.308,50€, partida que se financiará tamén a cargo das prazas vacantes de persoal.

Contémplanse incrementos do 25% para as axudas para Casas Culturais e clubes deportivos que pasan dos 80.000 euros a 100,000 euros a suma das dúas liñas de axudas. ,” matizou o Alcalde de Ponteareas.

Represas destacou que “o orzamento permitirá facer investimentos imprescindibles e que tamén recolle o saneamento das contas municipais na que figuran as últimas partidas destinadas a pagar sentenzas e débedas atrasadas”. En 2018 destinarase máis de 500.000 euros ao pago de sentenzas xudiciais por débedas e préstamos.