“Ponteareas precisa xa dun orzamento realista”

Juan Carlos González Carrera | Primeiro Tenente de Alcalde e voceiro de Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACiP)

Tras pactar a mediados de outubro un novo goberno de coalición coa Alcaldesa Nava Castro (PPdeG), Juan Carlos González Carrera (ACiP) ocupará a partir de agora o cargo de primeiro Tenente de Alcalde ademais de membro da Comisión de Goberno.

Sendo o máis veterano dentro da Corporación Municipal (ingresou en 1995), o voceiro de ACiP aspira a que, con esta nova etapa, o goberno municipal logre a estabilidade política suficiente para sacar adiante as súas iniciativas.

Despois de varios meses vén de acordar un pacto de goberno con Nava Castro. Cales eran os obstáculos iniciais para ese acordo?
Nós presentámonos ás eleccións municipais co fin de liderar unha alternativa de goberno neste Concello. Os resultados non foron os esperados aínda que estamos satisfeitos coa resposta que nos deron os veciños. Existía unha lista, neste caso a de Nava Castro, que é a máis votada.

Antes do día da investidura nós tivemos reunión con tódolas opcións políticas, sempre coa premisa de que nós debíamos liderar a Alcaldía. Non se deu e saiu a lista máis votada. Nós fomos responsables votándonos a nós mesmos aínda que se dixo que coa nosa abstención lle demos o goberno a Nava Castro, e non é certo porque tivemos conversas coas demais formacións políticas. Algunhas si estaban de acordo pero unha delas non por iso non hai outro goberno distinto ao actual. Pasaron os catro meses e a situación é totalmente distinta.

Distinta por qué?
Hai un goberno en minoría que non pode sacar as cousas adiante. Estamos en momentos de moita dificultade económicas para todos, para as familias, as empresas e o Concello non é alleo a eses problemas. Precisamos con urxencia uns novos Orzamentos axustados á realidade actual para iso era preciso un goberno capaz de sacalos adiante. Por iso chegamos a este acordo. Ese era o cambio que nós entendemos que pasaran nestes catro meses. Nós fomos consecuentes apoiando algunha cuestión puntual no Goberno; noutras propostas apoiamos á oposición e tumbándoas co resto das forzas políticas. Se ao cidadán lle están subindo as hipotecas, o Concello ten que ser responsable á hora de facer os gastos e priorizando dende longo as inversións.

Durante eses catro meses, ACiP tivo algunha conversa cos outros grupos da oposición para chegar a algún acordo?
Non. Eses encontros tivémolos antes da investidura. O BNG  non aceptaba a nosa proposta. O PSOE estaba totalmente desmarcado. O concelleiro de Podemos (Manoel Ucha. Ponteareas en Común, PeC) si estaba disposto. Posteriormente si tivemos algunha reunión para temas de interese do Concello como os salarios, as dúbidas e incertezas sobre a situación do programa EDUSI, entre outros.

Nas conversas co PP renunciaches a liderar a Alcaldía aínda que foran dous anos. É certo?
Si, é certo.

“ACiP non se quitou ‘a careta’. Nunca a tivo. Sempre foi de frente”

Houbo algunhas reaccións dos partidos a este acordo. O PSOE dixo que ACiP. “quitouse a careta”; o BNG fala de “volta ao pasado”. Que ten que dicir ao respecto?
Son moi respectuoso coas declaracións que fan as demais formacións políticas. ACiP non se quitou “a careta”. Nunca tivo careta, sempre  foi de frente. Proximamente haberá un pleno para os cambios nas asignacións e dedicacións nas concellerías e será unha oportunidade moi importante para demostralo. Eu fago a pregunta coa típica retranca galega: que pasa? que ACiP valía a semana pasada antes do pacto e agora non vale? Que é o que cambiou? Os grupos de esquerda cando tíñamos algunha reunión comprendían que nós estábamos ás veces máis á esquerda que eles. Esa é a diferenza. Que un grupo local que leva catro lexislaturas presentándose teña unha resposta tan clara por parte dos veciños. Eles saben que nos sempre chegamos a acordos. Iso non significa ‘quitarse a careta’, significa que  somos quen de poñernos a carón dos veciños cando é preciso, para mín algo moi importante. En política temos que ter claro que non hai horarios e que sempre debes atender aos veciños e darlle unha resposta.

O BNG que di que “volvemos ao pasado”. Eu diríalle que fosen respectuosos cos votantes de Ponteareas. Os veciños cambiaron, votaron outras opcións políticas. Porque hai un dato que é moi importante: o BNG tiña nove concelleiros e pasou a seis. Perdeu máis dun 33% dos votantes. Deberán reflexionar en que fallaron, en que se equivocaron. Chegamos a un acordo de gobernabilidade para poder sacar adiante os problemas, pero non renuncio nin renunciarei a chegar a acordos con tódolos grupos da Corporación Municipal cando sexa preciso.

Hai discusións sobre este tema económico. Por unha banda, o PP din que o goberno anterior deixou unha serie de débedas. O BNG din que unha cousa é o saldo ao 31 de decembro de 2022 no que aumentaron patrimonio pero que quedaban 1 millón e algo de euros por cobrar. O goberno actual, antes de Vde. incorporarse, calcula o saldo ao 31 de decembro onde pode haber un déficit de 3 ou 4 millóns. É verdade que quedan pendentes esas cantidades que din o BNG para que ese saldo puidera quedar en positivo?
O que si é certo é que o Concello ten unha débeda de case nove millóns de euros. Outra cousa distinta é o saldo negativo da pregunta que me facías que non se computa como débeda exacta. O Concello ten asignado préstamos por valor de nove millóns de euros, a distintos anos pero hai que pagalos. Estamos pendentes de ingresos de subvencións pero tamén é certo que vimos cun orzamento prorrogado de 2022 a 2023 e no que o ano 2022 non ten nada que ver co 2023. Por exemplo no tema da luz no orzamento había unha partida de 300.000€ e este ano lévase recoñecido un gasto de máis de 900.000€. Temos un desfase de 600.000€.

Pero evidentemente se ese contrato é feito antes do orzamento e non se pudo renovar no novo orzamento non se pode actualizar.
Pero o goberno o ano pasado tiña entón unha maioría absoluta para facer un novo orzamento.

Estás falando do 2023?
Estou falando que temos un orzamento prorrogado do ano 2022. O goberno anterior debería ter presentado un orzamento realista para o 2023. Porque o recibo da luz xa subiu o ano pasado no verán. O goberno anterior prorrogou un orzamento sabendo que non se podía cumprir e que estaba desfasado en moitas partidas. Ese é o problema de fondo da falta de liquidez que temos agora mesmo.

Creo que debemos evitar que o Concello saia declarando nun medio de comunicación de que nos cortan o subministro eléctrico. Damos unha imaxe patética. Iso é o que non podemos permitir. Hai que ter capacidade de xestión e non chegar a esas situacións.

É certo que o resultado negativo da Tesourería dun 1,4 millóns de euros sería positivo en 1,6 millóns ao mes cobradas as subvencións xa xustificadas?
As subvencións estanse revisando porque estas subvencións como a da EDUSI, a fiscalización por parte do Estado, de Europa e da Comisión Antifraude son moi exhaustivas e estritas. Moitas delas despois fanse as rebaixas. Eu agardaría unhas dúas semanas para convocar á comisión da EDUSI, que xa foi pedida por tódolos grupos da Corporación. Aí é cando se vai mirar como se atopa o programa EDUSI cunha previsión de cinco millóns € de ingreso e un millón máis que tiña que poñer o Concello. Eu quero pensar que imos ingresar os cinco millóns pero temos que agardar a ver que pasa para entón poder falar cos números claros.

Estasme dicindo que estas acusacións sobre os orzamentos foron precipitadas sen ter antes os datos?
Eu estou dicindo o que eu creo e estou convencido.

“Para o goberno saínte non foi unha prioridade o tema do saneamento das parroquias”

Tamén se lle acusa ao goberno anterior de non haber saneado as parroquias. A resposta xa sabes cal é: vinte ou trinta anos de gobernos anteriores e tampouco estiveron saneadas. E agora pídenlle ao último goberno que en oito anos solucione o problema. Cal é a resposta correcta?
Para o goberno saínte o tema do saneamento non foi unha prioridade. Loxicamente en oito anos non se pode facer o saneamento de tódalas parroquias pero é certo que en todo ese tempo non fixeron un só quilómetro de saneamento. É certo que fixeron un plan director que estamos revisando porque nos parece demasiado simple para acudir aos recursos de programas europeos e da propia administración. Non vale culpar á Confederación Hidrográfica porque esta permite facer obras, o que non permite é verter na depuradora sen ampliar. Porque ese era o debate que había co saneamento de Ribadetea; agora a Confederación recoñece que era perfectamente compatible realizar as obras do saneamento de Ribadetea cos da depuradora. Estamos pendentes de asinar un convenio coa Xunta de Galicia para conseguir unha subvención dun 80% para a primeira fase do saneamento de Ribadetea. Hai mais fases e queremos cumprir cos veciños.

Centro de Saúde. É verdade que os terreos da N120 non eran aptos? Porque da Xunta viñeron a velos e non dixeron que non eran aptos.
O goberno anterior ofreceulle á Xunta tres solos distintos. Un era o da antiga fábrica de madeira na entrada de Canedo; outra era a parcela de Aceros; e o terceiro era a parcela ao lado do cemiterio que este goberno xa comprou. O equipo técnico da Xunta viu estas parcelas. Agora mesmo compráronse os últimos terreos indicados de 12.000 m2, cun custe asumible para o Concello; unha media de 15€ o m2. O goberno anterior estaba empeñados en leva-lo Centro á parcela da fábrica de madeira obviando que hai unha área de reparto que ten uns coeficientes de edificabilidade e de beneficio industrial. É dicir que no terreo que o goberno anterior pretendía non nos chegarían 300.000€.

“Cos terreos do Centro de Saúde non hai pelotazo urbanístico”

Podemos falar dun ‘pelotazo‘? De quen son os terreos?
Os terreos son de diferentes propietarios de Ponteareas. Pero un ‘pelotazo‘ sería pagar unha cantidade fora do normal. Hai un informe do coordinador de Urbanismo  do goberno do bipartito BNG-PSOE cunha avaliación deses terreos. Onde está o pelotazo urbanístico? Non podemos xogar cun tema tan serio.

A utilización destes terreos non van incrementar a mobilidade pola rúa Xoán Trovador García de  Guillade que está agora parcialmente peatonalizada?
Non. Era unha das dúbidas que eu tiña; un dos puntos para chegar ao acordo con este goberno era a construción dun vial entre a N120 e Xoán Trovador García Guillade para dar un paso peonil de acceso ao IES do Barral. Dende a gasoliñeira vella de Repsol, dentro do Plan Xeral, hai un vial que cruza e vai conectar coa estrada de Trovador García Guillade e así estaría solucionado ese acceso e o tema do tráfico. Tampouco renunciamos a que se faga o enlace coa N120 mellorando así o acceso ao Centro de Saúde e tamén o parking no colexio Ramiro Sabell, un problema moi grande pola falta de espazo.

Dentro dese acordo co goberno plantexaches unha solución sobre a dotación correcta do Centro de Saúde? Porque ese é o verdadeiro problema nestes momentos, xa que hai unha falta de persoal abraiante.
Comparto plenamente o que estás dicindo. Todos estamos sufrindo esas deficiencias. Dentro do pacto de goberno hai un apartado no que temos liberdade de votar no pleno, se hai diverxencias entre os dous grupos. Mais que a mellora o que estamos pedindo é médicos e persoal profesional. Os veciños non saben qué médico teñen asignado. O mesmo para as baixas médicas. Tamén reivindicamos a solución do aparcamento no Centro de Saúde. Para mín é unha prioridade que o día a día sexa máis cómodo e factible para os veciños.

Por tanto, acordado dentro deste pacto de goberno, estás disposto a ir adiante con iso?
Por suposto.

Está prevista máis peatonalizacion no centro da vila? Xa se comenta que as obras previstas na Avenida Sarmiento Rivera non se van a realizar.
O tema da Avenida Sarmiento Rivera foi unha decisión do goberno antes do acordo de coalición. É certo que unha obra de máis de 700.000€, nestes momentos cando non sabemos con exactitude se imos poder afrontalo, os pagos das subvencións de Europa, do Estado, require dunha decisión prudente. Ese diñeiro non viña unicamente da Deputación de Pontevedra senón que o Concello tiña que poñer unha porcentaxe. Iso non me preocupa tanto porque podemos asumir esa cuestión nos vindeiros catro anos. Estamos de acordo totalmente coas peatonalizacións pero racionais. Temos que mellorar os espazos para os peóns pero tamén convivir con que as actividades económicas requiren de servizos. Temos como prioridade a mellora da sinalización. Non vai haber cambios senón pequenos matices en determinados sitios.

Praza do Concello. Iso vai arriba?
Si, estamos vendo o proxecto e vaise reformar pero non temos unha decisión definitiva. Isto entra no Plan Agora da Deputación Provincial e non ten problemas cos prazos. Pero temos claro que queremos mellorar a contorna ó redor do Concello.

Vde. é o membro máis antigo da Corporación Municipal. Agora que volve ao goberno, estamos ante a fase final da súa carreira política? Ten prevista ACiP unha renovación no seu liderado?
Vouche contestar moi honestamente. Cando comprobamos que non éramos a lista máis votada fixen un replantexamento: algunhas cousas terían que cambiar. En asemblea decidimos entrar en coalición co actual goberno do PP, pero con independencia total na xestión dos gastos, convenios, etc. que nos correspondan á hora de gobernar. Á data de hoxe non pensei mais alá. Creo que nos quedan tres anos e medio por diante. Os veciños decidiron un cambio político e temos que demostrar que somos capaces de xestionar e pór en marcha o que dixemos estes anos. Creo que agora mesmo podo aportar moito porque Ponteareas o merece. Eu estou en política por vocación.

Cres que podes cumprir coa túa oferta política?
Si, completamente. Asumimos a concellería de Vías e Obras que inclúe iluminación, saneamento e augas que son os servizos básicos das parroquias. Apostamos polo deporte base e fomentar a colaboración con tódolos colectivos. Tamén pola cultura, o turismo, a mobilidade e unha policía que sexa próxima ao veciño. Estamos convencidos de que abarcamos tódalas Concellerías que realmente chegan ao cidadán.

“Temos independencia total dentro da coalición do actual goberno municipal”

Significa que no teu departamento, as cantidades que aparecen no Orzamento as manexades vós con independencia do resto do goberno?
O orzamento é moi claro e moi diferente do goberno anterior que ía como unha ‘bolsa única’, que podía facerse coa autorización do concelleiro de Facenda. No noso caso, e así está no pacto, cada concellería ten a asignacion económica correspondente e só pode gastar esa concellería, coordinado polo noso grupo, supervisado polo Interventor e cumprindo cos requisitos normalizados por Contratación.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»