Ponteareas pon en marcha unha enquisa e reunións para coñecer os hábitos de mobilidade da veciñanza

Enmárcase no proceso de participación cidadá para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel

Ponteareas | A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera puxo en marcha o proceso de participación cidadá para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel. O proceso de participación desenvolverase a través de dous instrumentos, unha enquisa aberta a toda a poboación e reunións con colectivos sociais.

En canto á enquisa, poderase cumprimentar por parte de calquera persoa a través da web do Concello de Ponteareas onde se atopa dispoñíbel no apartado “Plan de Mobilidade” ou directamente nesta ligazón.
Tamén se farán ao longo desta semana enquisas a pé de rúa no centro urbano da localidade.

A enquisa pretende coñecer os hábitos de desprazamento dos e das ponteareás, que tipo de medio de transporte utilizan en función da clase de desprazamento, en qué días e franxas horarias, as orixes de destinos das viaxes e a súa duración, o nivel de uso compartido do vehículo a motor. Tamén se pretende coñecer a opinión da veciñanza respecto a aspectos xerais da mobilidade como os problemas para desprazarse a pé, en vehículo ou en bicicleta, as problemáticas do aparcamento, da seguridade viaria ou da accesibilidade para persoas con discapacidade.

No ámbito dos desprazamentos a pé, a enquisa dá a oportunidade aos participantes de pronunciarse sobre os espazos peonís, o estado das beirarrúas e as súas dimensións ou os pasos de peóns e a súa seguridade.

O Goberno Local tamén quere coñecer a postura da veciñanza en relación coas peonalizacións. Así, na enquisa pregúntase se son necesarias máis rúas peonís en Ponteareas e, en caso afirmativo, o enquisado pode indicar que rúa ou rúas deberían ser peonalizadas, total ou parcialmente.

Sobre o vehículo a motor, pídese opinión sobre o nivel de conxestión e atascos, a seguridade viaria, as prazas de aparcamento ou o funcionamento da zona azul, as prazas para persoas con discapacidade, cargas e descarga, a valoración do cumprimento das normas por parte dos condutores ou da regulación do tráfico pola Policía Local. As persoas enquisadas poderán pronunciarse sobre as medidas que o Concello debería adoptar para mellorar a circulación dos vehículos a motor no centro urbano. Neste aspecto, o enquisa pretende indagar nos hábitos dos condutores á hora de estacionar.

O transporte público é outro dos capítulos relevantes na enquisa e dá a oportunidade aos enquisados de pronunciarse sobre o servizo de autobuses e de taxis. Respecto ao primeiro, o goberno local quere saber os motivos da cidadanía á hora de decidirse a empregar ou non o autobús como medio de transporte, a frecuencia coa que se emprega, o nivel de satisfacción coas rutas existentes, os horarios e as frecuencias, as tarifas, paradas, etc.

Por último, respecto ao transporte en bicicleta, coa enquisa o goberno local busca averiguar o nível de uso deste medio para desprazamentos, as razóns polas que non se utiliza e que medidas considera a cidadanía que debería implementar o Concello para potenciar este medio de transporte.

A enquisa estará dispoñíbel e poderase cumprimentar durante quince días, até o domingo 17 de novembro.

Respecto ás reunións, celebraranse encontros con todos os colectivos sociais e veciñais para abordar a mobilidade en xeral, o transporte público en particular e a accesibilidade a edificios públicos das persoas con discapacidade ou mobilidade reducida.