
Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou este martes o calendario municipal 2026, baixo o título “Ponteareas no tempo”, unha edición está dedicada ás 24 parroquias do municipio e pon o foco no valor do rural como espazo de memoria, identidade e tradición.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Glez Carrera, destacou durante a súa intervención que o calendario “non é só unha ferramenta práctica para organizar o día a día, senón tamén unha maneira de mostrar quenes somos como vila e de poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial”.
Subliñou ademais que “Ponteareas no tempo” é unha invitación a recoñecer o papel fundamental das parroquias na construción da identidade colectiva, salientando o rural como “un modelo de vida que conserva a memoria e mantén vivas as tradicións propias”.
Desde o Concello, explicou, apóstase por proxectos que chegan a todos os fogares e contribúen a reforzar o sentimento de pertenza, agradecendo o traballo das persoas e entidades que fixeron posible esta edición, así como a colaboración das pandereteiras de Pedra da Garza, que puxeron a nota musical ao acto.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou que esta presentación “xa se converteu nunha cita fundamental de final de ano” e que o calendario “representa moito máis ca doce meses: simboliza o compromiso deste goberno municipal coa cultura, coa identidade propia e coa posta en valor do patrimonio cultural, social e humano de Ponteareas”.
A alcaldesa puxo en valor o labor da Concellería de Cultura e das asociacións e colectivos culturais que manteñen viva a tradición, e destacou a importancia de que iniciativas coma esta cheguen a toda a veciñanza. “O reparto dos calendarios é un xesto simbólico, pero moi significativo, porque permite compartir cultura, identidade e orgullo de vila con cada fogar”, afirmou.
Durante o acto proxectouse tamén un vídeo explicativo no que se detalla o contido das imaxes que acompañarán mes a mes ao longo de 2026. Todas as persoas interesadas poderán recoller o seu exemplar do calendario 2026 “Ponteareas no tempo” a partir do venres 2 de xaneiro, tanto na Biblioteca Municipal como na Casa do Concello.




