Ponteareas inaugura a primeira ruta mineira do Condado

Un roteiro lineal de 22,3 km dende Confurco ata Mondariz Balneario

Ponteareas | O Concello de Ponteareas inaugura xunto á Cámara Oficial Mineira de Galicia o primeiro roteiro mineiro da comarca, o do Tranvía do Confurco ao Balneario de Mondariz que conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación Veciñal Unidade Parroquial de Xinzo e Balneario de Mondariz.

O ata agora esquecido Túnel do Confurco, entre O Porriño e Ponteareas, é unha mostra do proxecto de tranvía que pretendía conectar Vigo co Balneario de Mondariz. Este proxecto centenario quería potenciar o uso deste balneario por parte dos visitantes de zonas máis afastados facilitando o acceso desde a cidade de Vigo. Agora, o Concello de Ponteareas revive o soño de Enrique Peinador para conectar a pé o túnel co balneario promovendo así hábitos de vida tan saudables como as augas termais e o coñecemento destas terras nas que se atopan importantes zonas de minería histórica como o O Castro da Croa situado dentro dunha mina de ouro romana ou o Castro de Troña no que se atoparon unhas pinzas e un mazo mineiro utilizados na siderurxia, un alxibe así como pías ou cazoletas e canles asociados á moenda de minerais para a súa posterior fundición.

Durante o roteiro os profesionais da Cámara Oficial Mineira de Galicia explicaron que as rochas dominantes en toda a zona de Ponteareas son granitos de diferentes tipos de sedimentos moi recentes depositados polos ríos nas súas canles. O ouro extraído nas minas na contorna do castro da Croa orixínase nas rochas graníticas situadas augas arriba no val do río Tea. Nas fases finais de cristalización destes granitos, hai uns 300 millóns de anos, formáronse diques de cuarzo e de reochas de composición semellante ao granito, enriquecidas con ouro e outros minerais como o estaño. A erosión provocada polos ríos nos últimos millóns de anos desgastou estes diques, liberando o ouro presente neles.

Explicaba a alcaldesa, Nava Castro, que ao igual que Enrique Peinador pretendía atraer visitantes, este novo roteiro será un novo recurso para a dinamización turística e supón unha posta en valor do terreo que pisamos. “Tan só dende o coñecemento podemos valorar e coidar do que nos rodea. Ponteareas é unha terra rica en historia que queremos que coñezan non só os visitantes tamén os propios habitantes”.

No comezo da ruta ao pé do túnel do Confurco a alcaldesa agradeceu o apoio da Xunta de Galicia “que creu no valor deste soño que agora revivimos para completar aquel proxecto tan ambicioso de Enrique Peinador e que en tan só uns meses puxo todo en marcha para que hoxe poidamos camiñar e coñecer”.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, recordou a importancia da colaboración veciñal para facer realidade este proxecto, “quero salientar a boa disposición da asociación de veciños e dos propietarios dos terreos porque é así como se conseguen melloras, aportando todos para un ben común. Administracións, cidadanía e expertos son a combinación perfecta para avanzar”.

Explica a concelleira que este roteiro mineiro, de dificultade alta, presenta un traxecto lineal de 22,3 km que acada a súa altitude máxima no monte Bugarín con 320 msnm en contraste co altitude mínima á beira do río Tea na praia da Freixa con 20 msnm. O roteiro parte dende o túnel do Confurco, na parroquia de Xinzo, preto da N-120 e remata en Mondariz Balneario.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.