Ponteareas honra a 19 alfombristas coa medalla de prata do Corpus Christi 2022

Medalla de honra in memorian para María de la Concepción Ojea

Ponteareas | Ponteareas continúa preparando todo para un Corpus Christi que volve á normalidade. A apenas dúas semanas da celebración máis grande da vila, o Concello aprobou por unanimidade en pleno a concesión das medallas de prata do Corpus 2022 ás e aos alfombristas propostos polas entidades de cada tramo así como a entrega da medalla de honra in memorian a María de la Concepción Ojea Sarmiento polo seu labor a prol do corpus ponteareán ao longo da súa vida.

Un galardón que reflicte “un sentir común e o esforzo de todas e todos os alfombristas, que coa súa unión conseguen que a maior obra de arte colectiva da nosa vila engalane as nosas rúas cada ano”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Pola súa banda, o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, deu os parabéns a todas e todos os premiados e agradeceu “todo ese traballo que fan desinteresadamente porque grazas ao seu esforzo, á súa paixón e á súa entrega é posible que ano tras ano as alfombras florais de Ponteareas sigan namorando a todo o mundo con esa gran mostra de arte efémera”.

Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi a proposta de cada tramo alfombrado son:
Dna. María Nieves Domínguez Fortes polo primeiro tramo da Praza Maior.
D. Óscar Porto Lavandeira polo Cantón de Boavista.
D. Jesús Saubeira Brea, pola Anpa Pena do Equilibro.
D. Dámaso Ignacio Benítez Fernández, pola alfombra da Orotava.
Dna. María del Carmen Cubillas Lamora , polo tramo Ferreiros San Roque.
Dna. Adelaida Díaz Martín, polo primeiro tramo de Ferreiros.
Dna. Margarita Chabert Pena, pola rúa Oriente.
Dna. María Rocío Rodríguez Tellado, por Santa Bárbara de Prado.
Dna. María Paz Varela Malga, pola Fonte do Baratillo.
Dna. Olga Rodríguez Cuevas , pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
Dna. Vanesa Bernárdez Groba, por Fernández Vega.
Dna. Rosana González Carballido, polo tramo de Reveriano Soutullo.
Dna. Josefa Estrella Rodríguez, pola rúa Constitución.
Dna. Pilar Consuelo Ucha Groba, pola Praza Maior.
D. José Antonio Cristóbal Barrio, pola Praza de Bugallal.
D. José Luis Rey Lamas, polo Cruceiro San Roque.
Dna. Azucena de la Fuente Mateo, polo tramo da Castiñeira.
Dna. Bienvenida Martínez Abal, polas Monxas Reveriano Soutullo.

Proxecto de transformación para o Complexo Deportivo Álvaro Pino
O Concello de Ponteareas traballa na rehabilitación integral do Complexo Deportivo Álvaro Pino, unha edificación construída en 1989 que o Concello queere converter nun espazo “inclusivo e accesíbel seguindo criterios de sostibilidade ambiental, económica e social”.

“Dende o Concello seguimos centrados na mellora de espazos, instalacións e servizos que ofrecemos á veciñanza e que son de todas e todos, e creando unha vila que aposta polas persoas e pola sostibilidade”, destaca o edil de Deportes, Miguel Bouzó.

A remodelación do complexo deportivo, que suporía un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, presentarase ao Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que procura a rehabilitación sostíbel do parque público institucional de concellos e comunidades autónomas a través dos fondos europeos Next Generation.

O concelleiro presentou o proxecto de rehabilitación nun acto participativo aberto á veciñanza no que se debullaron as principais accións que se levarán a cabo e se recolleron ideas e suxestións dos e das participantes. Os traballos de reforma suporán unha mellora integral da envolvente, trasladando o consumo con fines térmicos a biomasa e dotando ao centro de sistemas de autoconsumo solar, mellorando a eficiencia enerxética do inmoble nun 73% nas enerxías non renovábeis que emprega actualmente.

Unha aposta pola inclusión e a sostibilidade que irá acompañada da mellora da accesibilidade ao centro, a dotación de vestiarios adaptados e a mellora das saídas de emerxencia para persoas con mobilidade reducida. Ademais, realizarase unha transformación integral da habitabilidade do centro con reforma integral dos vestiarios, do pavimento do chan ou dos sistemas e ventilación e climatización.

Durante o acto de participación social, que se celebrou no salón de plenos do Concello, os veciños e veciñas fixeron as súas achegas e suxestións para mellorar un proxecto que busca “potenciar os servizos dos que poidan gozar os e as ponteareás”. Entre as ideas achegadas polas e polos participantes destacaron a petición de mellora da accesibilidade para persoas con mobilidade reducida á piscina pequena ou ao SPA, para o que se estudará a instalación dunha grúa, e a xeración de filtracións na canle do vaso de piscina polivalente rematado en ladrillo visto.