Ponteareas | O Concello de Ponteareas homenaxea ao mestre Reveriano Soutullo cunhas xornadas que se desenvolverán en distintas datas arredor de conferencias, concertos e presentacións de partituras, co obxectivo de poñer en valor a figura e o legado musical deste destacado compositor ponteareán.
As actividades deron comezo este 20 de outubro cunha charla a cargo de María Rosa Arija, neta de Reveriano Soutullo, quen achegou ao alumnado do Conservatorio Municipal un percorrido pola vida e pola obra do mestre.
A segunda xornada terá lugar este domingo 26 de outubro ás 12:00 horas, nun acto que se celebrará diante da Casa do Concello —ou no Auditorio Reveriano Soutullo en caso de choiva—. Nesta ocasión, a Banda de Música de Xinzo interpretará varias pezas do compositor, nun emotivo evento no que se presentará a nova edición crítica da obra “Carpio”.
Os responsables desta edición, Iago Sobrino e Marcos Amado, musicólogos, farán entrega ao Concello e ás bandas da localidade da partitura e ofrecerán unha breve introdución sobre a obra e o traballo de revisión e edición realizado. O público asistente poderá gozar da interpretación deste magnífico pasodobre flamenco, composto por Soutullo no ano 1916.
As xornadas de homenaxe culminarán o martes 29 de outubro, cunha ofrenda floral ao pé do busto do mestre diante do Concello ás 19:30 horas. De seguido, ás 20:00 horas, terá lugar unha charla-concerto “Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano” a cargo de Alejo Amoedo, experto na obra de Soutullo e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.
Amoedo, galardoado co Premio da Crítica de Galicia (2021) e co Premio da Música Gregorio Baudot (2022), ofrecerá un percorrido pola vida e a obra do compositor ponteareán.
Alejo Amoedo ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). «Música de Salón» con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).
Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano
Reveriano Soutullo é recoñecido como un dos compositores importantes do primeiro terzo do século XX no xénero lírico. Con todo, o repertorio onde inclúe o piano pasou desapercibido. Na charla, Alejo Amoedo, fará un resumo da vida e obra do compositor ponteareán e interpretará unha selección do repertorio escrito polo autor para o devandito instrumento, que está enmarcado no que podemos denominar xenericamente “música de salón”.
O concerto é unha invitación a escoitar o pasado desde o presente, establecendo unha conversa imaxinaria con Reveriano Soutullo onde o piano convértese aquí nun espazo de encontro, unha forma de escoitar con memoria, de falar coa música como quen conversa cun amigo que nunca deixou de inspirarnos.
Alejo Amoedo, pianista
Especializado no repertorio de compositores/as galegos/as, realiza estudios de acompañamento vocal en Madrid co lendario pianista Miguel Zanetti. Alejo é doutor pola Universitat Politècnica de Valencia (2019).
A súa ampla traxectoria, no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Antonio Paz Valverde, Rogelio Groba, Luís Carro, Juan Durán, Margarita Viso, Miguel Brotóns, María Mendoza, entre outros/as.
Dos seus traballos discográficos destacan o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (Ouvirmos, 2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva; Mélodies (Mans, 2012), con Iria Cuevas, mezzosoprano; Evocación (Dos Acordes, 2016), coa obra para piano só de Reveriano Soutullo; (di) Versos Femeninos (RDC, 2022), coa mezzosoprano Nuria Lorenzo e a música de Juan Durán; e o mais recente A mansión dos anxos. Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX (Dos Acordes, 2024).
Exerceu de pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio con Piano para Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Foi galardoado co «Premio Círculo, 2004» na modalidade de Música; “Premio da Crítica de Galicia” (2021) e co “Premio da Música Gregorio Baudot” (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolana.
É integrante do colectivo cultural Pertenza; asesor da Fundación Reveriano Soutullo; membro fundador da Irmandade da Música Galega; membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega (2022), vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.
Ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). “Música de Salón” con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).