Ponteareas esixe seguridade na N-120

Cunha manifestación veciñal este 12 de setembro

Ponteareas | Os grupos políticos da Corporación de Ponteareas e a Plataforma en Defensa da N-120 apoiados polos veciños e veciñas sairán á rúa este venres día 12 ás 19:00 horas para reclamar a mellora da seguridade viaria na N-120, estrada que cruza o centro urbano e divide en dous as parroquias de Areas e Xinzo.

A deste vernes será a primeira das accións reivindicativas ante a falta dunha resposta satisfactoria por parte do Ministerio de Transportes. Dende este día 12 en diante veciñas e veciños sairán á rúa cada venres ás 19:00 horas para cortar a N-120 á altura da capela dos Remedios no punto quilométrico 649-950, lugar onde faleceu a última persoa atropelada “ao igual que o fixo no ano 1834 a estrada Villacastín-Vigo, orixe da actual nacional que tomou este nome no ano 1923 cando foi reconvertida co nacemento do sistema actual de estradas nacionais de España.

Ancorada no tempo, a N-120 segue a cortar a vida das veciñas e veciños en tempos nos que a súa función xa non ten sentido. Por este motivo, hai máis de 8 anos que Ponteareas reclama melloras urxentes para a N-120, unha estrada cun alto volume de tráfico e risco de sinistralidade. Porén, o único que existe a día de hoxe é un proxecto en fase de redacción, sen datas nin prazos concretos para a súa licitación e execución.

Sen avance, últimas novas
A carta remitida o pasado 1 de agosto polo Director Xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández Palomino, foi considerada por todos os presentes como unha falta de lealdade institucional, ao non acceder á solicitude de reunión formulada polo Concello e a Plataforma da N120.

Na última reunión mantida polos voceiros dos grupos municipais sinalaron que un ano de espera é máis ca suficiente. “Estamos fartos de promesas e atrasos. Non imos parar ata que se comprometan de forma clara cun calendario de obras que garanta a seguridade viaria na N-120”.

A partir de hoxe, e ata que o Ministerio acepte manter un encontro, levaranse a cabo as seguintes accións:
– Corte da estrada N-120 dende o vindeiro 12 de setembro de 2025 ás 19:00h.
– Mobilizacións cidadás e concentracións en puntos estratéxicos da N-120.
– Desprazamento e manifestación diante do Ministerio de Transportes en Madrid, que se manterá ata ser recibidos polo Director Xeral ou polo propio Ministro.

Todas estas accións desenvolveranse de forma pacífica, mais coa firme determinación de acadar unha resposta efectiva a unha demanda lexítima, urxente e unánimemente respaldada pola veciñanza e polos seus representantes políticos.

Os voceiros de todos os grupos coincidiron en que a situación actual é insostible e que a seguridade dos usuarios da N-120 non pode seguir en risco pola inacción administrativa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.