Ponteareas/Ponteareas en común | No pleno municipal de Ponteareas do pasado 29 de setembro, Ponteareas en Común presentou dúas propostas encamiñadas a reverter a privatización de dous servizos municipais: o da xestión da auga e o da xestión do lixo. As dúas propostas foron rexeitadas cos votos en contra de PP, IP, BNG, PSOE. Para PeC este feito deixa claro unha vez máis que a diferencia entre estes partidos, polo menos no plano económico, é puramente estética.
Ponteareas en Común explica que no caso concreto do rexeitamento da proposta de paralización do procedemento de licitación da xestión da auga, todos estes grupos se xustificaron nun informe feito pola empresa Lagares Oca, empresa que obtén precisamente parte dos seus ingresos da redacción de pregos para as licitacións de servizos. Dito informe ven concluíndo que para Ponteareas é lixeiramente máis rendible economicamente a xestión privada que a xestión pública.
Por se non fora suficiente, esta empresa apóiase á súa vez en informacións dunha organización empresarial, o “Instituto Coordenadas”, que entre os seus principios recolle precisamente a liberalización da economía. É dicir, a privatización dos servizos. Para PeC, resulta chamativo que o portavoz do BNG se apoiara nestes referentes para rexeitar as propostas de remunicipalización.
A parte da tendenciosidade e das medias verdades nas que se fundamenta, o certo é que ese informe no que se xustifican non vale absolutamente para nada no que respecta aos procedementos públicos. Por un lado porque non contempla as diferencias entre os dous modelos en canto ao retorno das inversións, algo esixido pola Lei de Bases de Réxime Local. Por outro, porque a lexislación tamén reserva ao funcionariado público a potestade de informar sobre cuestións que afecten aos intereses públicos, polo que un informe dunha empresa privada carece totalmente de validez nestes casos.
Outro tanto aconteceu coa proposta de paralización da licitación da xestión do lixo. Neste punto o PSOE retou ao concelleiro de Ponteareas en Común a aceptar o resultado dun eventual informe que se fixera ao respecto por parte dunha consultora.
PeC lembra que estes informes “a medida” non teñen ningún valor en canto á elección da forma de xestión dos servizos municipais e que xa existe un procedemento moi claro para este fin contemplado na lexislación. Procedemento este que foi aprobado no 2018 por parte de todos os grupos da Corporación Municipal a proposta de EU, pero que nunca se chegou a iniciar por falta de vontade dos distintos grupos da corporación.
Ponteareas en Común entende que todas estas cuestións son do coñecemento dos demais grupos municipais polo que xustificarse no informe dunha empresa privada non pode ser outra cousa que o exercicio da mala fe e da intención de ocultar as súas verdadeiras políticas económicas.
No que respecta a PeC, esta organización ten moi claro que os principais servizos públicos deben manterse fora dos intereses das multinacionais, polo que seguirá traballando pola súa remunicipalización.