Ponteareas e Salvaterra abordan o Ciclo da Auga

O pleno de Ponteareas aprobou a licitación. Salvaterra avanza na súa dixitalización

Ponteareas | O goberno de Ponteareas aprobou en pleno a licitación do proxecto do Ciclo Integral da Auga, unha actuación estratéxica cun investimento de 32,5 millóns de euros co que o Concello dará resposta a unha das demandas históricas do municipio: o saneamento nas parroquias.

Este contrato de xestión da auga permitirá a modernización e o mantemento de todo o sistema hidráulico do Concello e que todos os veciños, vivan onde vivan dispoñan de rede de saneamento. Pasarase dun sistema de mantemento reactivo a un sistema de mantemento preventivo. A licitación que sae por 107 millóns de euros por 25 anos inclúe os 32,5 millóns de investimentos, os 350.000€ anuais que debe devolver o Concello ao Estado pola construción da nova depuradora da Moscadeira, o mantemento desta e do resto e todos os gastos materiais e humanos derivados da execución do contrato.

O ciclo da auga é un plan integral de gran alcance que contempla actuacións en todas as parroquias e que combinará diferentes solucións técnicas adaptadas ás características de cada contorna, tal e como explicou no pleno a concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista. A concelleira destacou que “hoxe é un día histórico para o noso rural. Apostamos por un modelo sostible, moderno e respectuoso co medio, que garante o acceso a un servizo esencial e que mellora a calidade de vida da veciñanza”.

Bautista explicou ademais que as bases da licitación incorporan criterios que permitirán axilizar ao máximo posible a execución do proxecto, de maneira que se puntuarán positivamente aquelas propostas que contemplen un maior número de actuacións executadas no ano 2027, co obxectivo de acelerar a implantación do sistema de saneamento nas parroquias. A licitación esixirá un calendario minuicioso das obras e tempos e posibilitará que por vez primeira Ponteareas.

A concelleira aclarou que os veciños e veciñas pagarán a partir da entrada do novo contrato según os consumos de auga que fagan, eliminando as cuotas mínimas e reprochou ao goberno anterior a prórroga á empresa actual e non ter aplicado as subas do IPC facendo que agora hai que devolver máis de 700.000€.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou a importancia deste paso administrativo que permitirá facer realidade un proxecto moi agardado pola veciñanza. A rexedora explicou que despois de máis de dous anos e medio de tramitación administrativa, o goberno municipal fai un importante avance para levar adiante esta actuación.

“Logo de dous anos e medio de espera polos procedementos administrativos, por fin podemos avanzar para facer realidade este importante proxecto que permitirá dotar ao rural de Ponteareas dun sistema de saneamento moderno e eficiente”, sinalou a alcaldesa. Nava Castro destacou tamén que esta iniciativa suporá un paso sen precedentes na protección e mellora do medio ambiente, ao permitir unha xestión máis sostible das augas residuais e contribuír á conservación do territorio.

O proxecto foi deseñado seguindo criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, co obxectivo de minimizar o impacto ambiental e garantir un sistema de mantemento viable ao longo do tempo. Con esta iniciativa, Ponteareas sitúase á vangarda na xestión da auga no ámbito rural, ofrecendo unha resposta real a unha das principais necesidades das parroquias do municipio.

Desde o goberno municipal salientan ademais que este proxecto representa unha aposta clara pola igualdade de servizos entre o núcleo urbano e o rural, lembrando que “todas as persoas, vivan onde vivan, teñen dereito a contar cun saneamento digno, moderno e adaptado ás necesidades do territorio”.

Voto en contra do PSOE por “falta de garantías”
O Grupo Municipal Socialista votou en contra da aprobación dos pregos do novo contrato do ciclo integral da auga ao considerar que o procedemento chega ao pleno sen garantías suficientes, sen tempo real para ser fiscalizado e cun modelo económico que traslada á veciñanza o custo das obras mediante unha subvención millonaria e unha subida nas tarifas sen precedentes.

A documentación foi remitida con tal precipitación que nin sequera a Intervención Municipal puido revisala adecuadamente. No seu informe oficial afirma que a documentación chegou con “escaso marxe de tempo, o cal fai practicamente imposible unha axeitada revisión”. Para o PSdeG, é inaceptable que un contrato que compromete ao Concello durante 25 anos se tramite con esta falta de rigor e transparencia.

O goberno municipal insiste en que será a concesionaria quen asuma as obras, pero os pregos desmenten esa afirmación. O contrato establece unha subvención municipal de 12.500.000 €, repartida en 25 anualidades, que comezará a pagarse un ano despois da formalización. A isto súmase a suba masiva das tarifas aprobada recentemente, que entrará en vigor precisamente con este contrato. O resultado é claro: as obras non as paga a empresa, senón a veciñanza e o propio Concello, deixando así a futura concesionaria en unha posición onde o risco para ela e practicamente inexistente.

Os pregos apostan por instalar numerosas EDARs de leito bacteriano por gravidade, autónomas e prefabricadas, instalacións que na práctica funcionan como fosas sépticas de gran tamaño e que requiren un baleirado periódico de lodos. O PSdeG considera que este modelo resulta especialmente inadecuado despois de que se investise máis de 14 millóns de euros na ampliación e modernización da EDAR de Moscadeira, unha infraestrutura dimensionada precisamente para asumir e tratar os caudais das parroquias. Apostar agora por espallar pequenas depuradoras illadas supón renunciar a aproveitar esa inversión estratéxica e substituíla por un sistema pensado só para núcleos afastados, pero non para a escala e as necesidades reais de Ponteareas. Ademais, trátase dun modelo que xera lodos que deben ser baleirados periodicamente, incrementa os custos de mantemento e crea unha dependencia permanente da concesionaria, que será quen cobre polos servizos asociados ao baleirado e xestión dos lodos.

A alcaldesa, a Sra. Nava Castro, comprometeuse publicamente a acadar o saneamento total en dous anos. Ese prazo xa rematou. Porén, os documentos oficiais do contrato prevén actuacións ata oito anos vista, e nin sequera así se contempla o 100% do saneamento prometido. Para o PSdeG, isto confirma que o goberno municipal non cumpriu nin vai cumprir a súa principal promesa da campaña electoral.

O PSdeG lembra o sucedido co contrato do lixo, onde só se presentou a empresa xa concesionaria tras un proceso cheo de sombras, advertencias e irregularidades. Agora, coa auga, o temor é que se repita o mesmo patrón: pouca transparencia, présas e condicións que poden limitar a concorrencia real. Pasará en este contrato o mesmo? En poucas datas sairemos de dubidas, pero con estes precedentes todo apunta a que a historia pode repetirse novamente o que sería prexudicial para os intereses das veciñas e veciños.

Dende o PSdeG consideramos que Ponteareas merece un contrato da auga sólido, transparente e pensado para garantir un servizo moderno e eficiente durante as próximas décadas. Os pregos aprobados esta mañá non cumpren ese obxectivo, pois nacen con présas, cargan o custo sobre a cidadanía, renuncian a aproveitar investimentos xa realizados e non aseguran un modelo de depuración acorde co que o municipio necesita. Por responsabilidade e por defensa do interese público, o PSdeG votou en contra e seguirá traballando para que Ponteareas dispoña dun servizo de auga á altura do que merece.

Dixitalización en Salvaterra
O Concello de Salvaterra de Miño segue coa inversión en dixitalización, mellora de eficiencia e renovación de equipos no ciclo integral da auga. Esta semana empezaban os traballos para automatización e dixitalización da xestión de filtros da ETAP e mellora do sistema de lavado de filtros, o que permitirá facer de forma máis eficiente e programada o lavado, reducindo tempos e minimizando o consumo de auga de lavado e perdas de auga por colmatación de filtros.

O primeiro paso é o cambio de todas as válvulas de mariposa con accionamento pneumático dos dous filtros, implementación de válvulas adicionais ,e posteriormente posta en servizo dun cadro eléctrico de maniobra con pantalla táctil e servidor web con comunicacións para a xestión de filtros e un cadro eléctrico de protección e arranque suave de bombas de lavado de filtros e soplantes. Estas obras súmanse as xa realizadas polo Concello nos últimos anos, tanto no sistema de abastecemento como no servizo de saneamento.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.