“Ponteareas e o Condado son unha canteira importante para o tenis galego”

Juan Carlos Fernández Márquez | Presidente do Club de Tenis de Ponteareas

Con quince anos de traxectoria, o Club de Tenis de Ponteareas está crecendo e alcanzando logros deportivos como o ascenso do seu equipo masculino absoluto á máxima categoría do tenis galego. Falamos co seu presidente Juan Carlos Fernández Márquez sobre a historia, logros e necesidades desta institución deportiva.

Cando e como nace o Club de Tenis Ponteareas?
O Club nace como consecuencia da posta en marcha dunha nova escola de tenis en Ponteareas en setembro de 2007, con moi boa acollida e conta con numerosos alumnos que se apuntan para aprender e mellorar neste deporte. Meses despois plantexamos a creación dun club para para poder competir a nivel galego e así darlle un plus á escola e ao noso alumnado, comezando a competir nos campionatos galegos por equipos.

Que actividades realiza o Club para fomentar o tenis a nivel local?
A actividade no noso club non para durante todo o ano. A competición por equipos (absoluta, alevín, infantil, júnior, veteranos +45, etc.) comeza en xaneiro e prolóngase ata xuño, mes que aproveitamos para organizar o Open Vila do Corpus (un dos mellores torneos de Galicia) En xullo dispútase o Torneo Social no que participan todos os xogadores do noso clube. Neste mes tamén comeza o noso Campamento de Verán, que comprende os meses de xullo e agosto. En setembro damos paso ao Torneo Concello de Ponteareas. En outubro volve a competición por equipos (veteranos +35, cadetes, etc.) que se prolongará ata decembro.

“Este 2021 o noso equipo absoluto masculino A acadou o ascenso
á máxima categoría do tenis galego, División Ouro”

En canto a éxitos deportivos, que nos pode comentar?
Este 2021 o noso equipo absoluto masculino A acadou o ascenso á máxima categoría do tenis galego, División Ouro onde só xogan os 12 mellores clubs de toda Galicia. O equipo absoluto feminino ascendeu á División de Prata. Os nosos equipos de veteranos +35 e +45 tamén están nas categorías máis altas da División de Honra. Tamén ascendeu o equipo alevín feminino, o infantil e o júnior masculino quedou na mesma división.

Podemos afirmar que Ponteareas e o Condado son unha canteira importante para o tenis galego?
Sen dúbida, Ponteareas e o Condado teñen moitos nenos e nenas e iso fai posible ter unha gran canteira. Onde compiten os nosos equipos de menores e xa comezan a chegar os resultados do traballo que se leva a cabo durante todos estes anos.

“Levamos sete anos reivindicando vestiarios”

Recentemente, o clube fíxose eco de determinadas carencias en infraestruturas. Cales son as necesidades nesta materia?
Si, levamos anos traballando e medrando, para iso necesitamos o apoio do Concello de Ponteareas. Foise mellorando sen dúbida a base de traballar e dedicarle horas, conseguíronse dúas pistas de tenis máis, púxose iluminación en dúas destas pistas para poder adestrar cando escurece, que no inverno todos sabemos que despois das 18:00 ou incluso antes xa non se ve. Notamos que nos últimos anos as cousas se estancaron xa que levamos sete anos reivindicando vestiarios, algo básico para a escola e as diferentes competicións e torneos. Isto tamén nos impide aspirar a celebrar competicións e torneos maiores.

Non ter baños, duchas, un lugar onde cambiarse… todo isto é unha necesidade e non un capricho. O número de licenzas este último ano foi de 173, o que supón unha cifra bastante importante xa que somos o sexto club de Galicia con máis licenzas. A actividade no clube agora mesmo é de luns a domingo, entre as clases que temos todos os días e as competicións da fin de semana.

“Somos o sexto club de Galicia con máis licenzas”

Ten apoio institucional do Concello? E doutras entidades, empresas privadas?
Si, temos un convenio de colaboración co Concello para o uso das instalacións, onde tamén temos uns deberes que cumprir e eles tamén. Tamén temos colaboración puntual de algunha empresa privada, basicamente en publicidade.

Como ten sido a aceptación cidadá ao clube de tenis?
Pois paréceme moi bo xa que cada vez veñen máis nenos a probar a nosa actividade e cada ano temos caras novas na noso escola. Por outra banda, os nosos torneos son cada vez máis visitados polos cidadáns e o certo é que moitos deles saen alucinados co nivel de tenis que temos nestes torneos e aquí tan preto da casa.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.