Ponteareas debateu sobre a axenda urbana europea en Viana do Castelo

No marco dun encontro do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular

Viana do Castelo | A nova política urbana europea prioriza unha serie de elementos e obxectivos para impulsar as cidades e o concepto de Axenda Urbana protagonizará o vindeiro período de programación a través do Pacto Verde e da Nova Bauhaus Europea impulsadas pola Comisión Europea.

O Eixo Atlántico, creador da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza Europea, desenvolveu este venres en Viana do Castelo un encontro no que participaron alcaldesas, alcaldes e responsábeis da Comisión Europea dos eixos prioritarios da Política Urbana para afondar sobre as políticas que vai desenvolver Europa e sobre que instrumentos de financiamento se van a por en marcha en cada territorio.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, moderou unha das mesas de debate sobre as políticas urbanas post-covid, na que puxo sobre a mesa que “unha das cousas que máis nos preocupan nas cidades pequenas é como facer para dar resposta aos retos do cambio climático e aos demais desafíos ao tempo que creamos cidades que ofrezan á súa veciñanza unha maior calidade de vida”.

A rexedora recalcou que “despois da COVID-19 a forma de pensar da xente cambiou moito e fixo que moitas persoas se mudaran a zonas máis rurais, tranquilas e con máis áreas verdes e abertas”. “Nós somos conscientes do reto e o que queremos agora é saber como dar resposta aos concellos máis pequenos”, explicou.

O seminario celebrado esta mañá en Viana do Castelo foi inaugurado por José María Costa, secretario de Estado do Mar de Portugal, antigo presidente do Eixo Atlántico e ex alcalde de Viana do Castelo, que abordou o impacto que a maritimidade ten sobre a política urbana e os enfoques cos que se traballa.

Pola súa banda, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, afirmou que “agardamos que a partir desta xornada se poñan en valor as boas prácticas existentes nas cidades do Eixo” e destacou que nos concellos “ten que haber unha transformación económica que vaia da man da sostibilidade, da economía de proximidade e circular”.