
Ponteareas | “Hoxe é un día emotivo no que se producen dous feitos importantes, por un lado a posta de largo da figura realizada por Sargadelos da Menina Agustina Sarmiento, nada en Ponteareas e unha das protagonistas do cadro de Velázquez e por outro lado o recoñecemento ás ponteareás e ponteareáns que levan con paixón e orgullo o nome da nosa vila”, así se dirixía a alcaldesa Nava Castro ao público do auditorio municipal que acolleu a gala de entrega dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as, un acto aberto ao público no que o Concello de Ponteareas recoñeceu a traxectoria e o labor destacado de persoas e colectivos que contribúen de maneira decisiva ao avance social, cultural, educativo, deportivo e económico da vila.
A alcaldesa Nava Castro subliñou durante a súa intervención que estes galardóns “nacen coa vontade de agradecer e visibilizar a todas aquelas persoas e entidades que, coa súa dedicación, talento e compromiso, axudan a construír día a día unha Ponteareas mellor”.
Premiados e premiadas na edición 2025
O xurado, formado por profesionais de recoñecido prestixio como a soprano Teresa Novoa; Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra; a músico Blanca Represas; o gañador de La Vuelta, Álvaro Pino; Ana Besada da Asociación Galega de Deseño e Celso Álvarez de COGAM, decidíu que o premiado na categoría de “Cultura” recaese no Rancho de Reis de Guláns, polo seu labor de preservación da tradición e patrimonio cultural.
Na categoría “Ensino” subíu a Federación de ANPAS do Condado Paradanta e A Louriña, pola súa defensa da educación pública e a participación das familias; na de “Compromiso Social”, Avelaíña, pola súa incansable dedicación ao apoio ás persoas con problemas de saúde mental e na de “Inclusión” o ponteareán Jorge Rodríguez, polo seu exemplo vital e a súa contribución á sensibilización social.
Na categoría “Empresa”, o premio recaeu na empresa local Don Disfraz / Costumalia, polo seu espírito emprendedor e pola súa proxección empresarial a nivel europeo mentres que a de “Deportes” foi para á campioa Melania Rodríguez, polos seus méritos deportivos e pola súa traxectoria en constante ascenso. O futbolista do Celta “Damián Rodríguez” recibíu o premio “Nova Promesa” e o de “Embaixada de Ponteareas” para a Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas, pola súa contribución excepcional á proxección internacional da vila. Na categoría “Emigración” destacouse aos irmáns Rodríguez Sobral, polo mantemento do vínculo coa súa terra e a difusión da identidade ponteareá no exterior e, por último, fíxose unha mención especial a Francisco González Groba, histórico mestre de Guláns, polo seu legado educativo e humano.
Unha gala que une historia, identidade e futuro
Ademais do recoñecemento ás persoas premiadas, a gala dedicou un especial recordo á figura de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, coñecida como a Menina Sarmiento ou a menina galega, retratada por Diego Velázquez e nacida no convento de Canedo. O nome dos premios recupera así unha figura inseparable da identidade cultural de Ponteareas, reforzando o orgullo colectivo e o vínculo coa historia da vila.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, pechou xunto á alcaldesa un acto que contou coa actuación do pianista Alejo Amoedo e un numeroso público que xa agarda unha segunda edición.
BNG denuncia “exclusión”
O BNG denuncia as manobras do goberno de Nava Castro e da dereita para “secuestrar” os premios “Ponteareán Distinguido do Ano” e poñelos ao servizo dos seus intereses, afastándoos do espírito de recoñecemento colectivo co que foran creados. Estes galardóns nacían, segundo o propio Concello, para recoñecer proxectos, programas e accións que no último ano destacaran pola súa innovación, o seu impacto positivo no territorio e a súa contribución ao benestar da veciñanza.
Porén, tras coñecer as propostas dos grupos da oposición, o goberno local decidiu modificar as bases de forma unilateral e sen ningunha comunicación, apropiándose dun proceso que debería ser participativo, plural e democrático. “O que naceu para unir, o PP convérteo nun acto propagandístico á medida da dereita”, denuncia o BNG.
As bases iniciais establecían que as persoas distinguidas debían ser aprobadas polo Pleno con maioría cualificada de dous terzos. Agora, por decisión do goberno de Castro, “os premios pasan a ser decididos exclusivamente pola Xunta de Goberno, tras a valoración dun xurado designado directamente pola alcaldesa e dunha comisión técnica presidida polo seu cuñado”. Para o Bloque, isto supón unha “usurpación política que vulnera o espírito das bases iniciais e abre a porta a un uso partidista e opaco dun recoñecemento que debería pertencer ao conxunto da cidadanía”.
O BNG denuncia tamén a “precipitación e improvisación coa que actúa a dereita para eliminar a pluralidade, adiando os premios de setembro a decembro sen explicación e forzando prazos e procedementos”. Os membros da Corporación xa non poden presentar candidaturas, e as veciñas e veciños só poderían facelo se reunisen máis de 2.300 sinaturas en 5 días, un requisito que o BNG cualifica de “muro antidemocrático que anula a participación cidadá”. Para o Bloque, isto evidencia que “o goberno de Nava Castro prefire gobernar en clave de imposición e propaganda antes que en clave de pluralidade e participación”.
O BNG esixe ao goberno municipal que rectifique, devolva ao Pleno a capacidade de decisión e restaure unhas bases que garantan un proceso realmente plural, democrático e participativo, que reforce o orgullo pola nosa vila e a nosa xente. “Os recoñecementos ás e aos ponteareáns distinguidos do ano deben pertencer ao pobo de Ponteareas, non ao Partido Popular e os seus satélites”, conclúe o BNG.
PSOE: “falta de participación e consenso”
Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista lamentou que o goberno local (PP-ACIP-IdeP) entregou o pasado 13 de decembro os Premios Menina Sarmiento, integrados na iniciativa Persoas Ponteareás Destinguidas 2025, sen contar coa corporación municipal, sen información oficial e a través dun xurado decidido de maneira unilateral pola alcaldesa, Nava Castro.
Estas distincións, que no seu día se concibiron como un recoñecemento plural e consensuado, requirían un acordo plenario reforzado de dous terzos da corporación. O PSdeG lembra que na anterior convocatoria fallida se introduciran modificacións para garantir criterios éticos e democráticos, como impedir premiar a persoas ou entidades vinculadas coa ditadura.
Vanesa Fernández, portavoz socialista, sinala: “Estamos ante un novo exemplo de como a señora Nava Castro utiliza iniciativas que poderían ser compartidas para convertelas en actos propagandísticos persoais. O que debería ser un **recoñecemento plural e institucional, representativo de todo Ponteareas, queda reducido a unha decisión unilateral que exclúe aos grupos da oposición e á cidadanía.”
“É lamentable e un tremendo erro que os Premios Menina Sarmiento non poidan contar cun consenso amplo, que sería posible e necesario se o goberno tripartito non aplicase o seu rodillo. O PSdeG defende que estas distincións deben ser aprobadas en pleno, con maioría cualificada, porque só así se garante que representen á pluralidade política e social do noso concello.”
O Grupo Municipal Socialista reitera a súa disposición a apoiar iniciativas que recoñezan o talento, o compromiso e a representatividade de colectivos e persoas de Ponteareas, sempre que se fagan con transparencia, participación e respecto institucional.




