Ponteareas celebrará en agosto o X Aniversario do Festival Groba

Con grandes intérpretes internacionais e innovadoras iniciativas formativas

Ponteareas | Do 13 ao 19 de agosto a vila do Tea acollerá a gran número de solistas de corda, frauta, piano, clarinete, a voz dunha soprano e un cuarteto.

Por primeira vez, o festival pon en marcha un programa de mentorship para grupos de cámara impartidos polos principais artistas convidados.

Sete días celebrando a música clásica, a música de cámara universal e, sobre todo, a música do mestre ponteareá Rogelio Groba. O Festival Groba chega este mes de agosto ao seu décimo aniversario cunha programación acorde con esta data especial, con gran número de intérpretes de recoñecemento internacional e innovadoras iniciativas formativas.

Así se anunciou este venres na presentación desta nova edición “que impulsamos de novo con máis ilusión se cabe despois de dous anos de pandemia e de celebración contida. Temos por diante unha semana de actuacións coas que poñer de novo en valor a figura do Mestre Groba, o compositor máis prolífico do noso país, e do que cada ano descubrimos unha nova obra coas estreas agochada entre o programa de actuacións”, como recoñeceu a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, que quixo poñer en valor a estreita colaboración do Concello de Ponteareas, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra “sen a que non sería posible facer un evento do calado do Festival Groba”.

Entre as novidades deste ano destaca o lanzamento dun programa de mentorship co que se ofrecerá non só clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas invitados ao festival, senón que complementará a formación destes novos talentos con consellos profesionais de management e carreira profesional. Tamén ofrecerá a oportunidade ao novo grupo de residencia de presentarse ante o público do festival participando en varios concertos e incluso compartindo escenario con algún das súas e dos seus mentores.

“Poñemos en marcha novas e innovadoras iniciativas pero tamén damos voz e visibilidade aos grandes intérpretes internacionais que veñen a Galicia a participar nun festival totalmente gratuíto para o público”, explicou o director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero. Para o director “grazas ás institucións, ao público e a toda Ponteareas con este festival conseguimos que non se esqueza a obra dunha persoa que tanto traballou pola cultura. Porque este festival é semente de coñecemento, pero tamén de pracer”.

Unha das actuacións destacadas do festival será a que se celebrará o martes 16 de agosto no Convento de Canedo, un concerto dedicado a Pepe Represas na que se fará a estrea absoluta dunha nova peza do mestre Groba centrada nas danzas antigas e interpretada pola Orquestra de Cámara Galega.

Por outra banda, entre outros artistas, esta nova edición contará coa presenza da frautista portuguesa Adriana Ferreira, a soprano catalana Laura del Río, as violinistas Stella Chen desde Estados Unidos e Karen Gomyo dende Xapón ou o cellista portugués-israelí Kyril Zlotnikov, que repite tras a súa experiencia a pasada edición. Tamén se contará con catro pianistas, a vasca Judith Jauregui, a moldava Marianna Prjevalskaya e os galegos Ricardo Blanco e Gema Arias, que xa participara como Xoven Talento Galego na edición de 2019. O programa completarase co clarinetista galego Luis Miguel Méndez, a cellista ponteareá Alba Reirís e o cuarteto finés Erinys, que tocará entre outras unha obra do mestre Groba.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destacou a importancia “deste festival que este ano celebra un número redondo e que xa é cita indispensable para as e os ponteareáns, pero tamén para moita xente que vén de fóra para gozar da música clásica deste xeito tan especial”.

Mentres, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, sinalou que o Festival Groba “ten dous elementos fundamentais: a homenaxe ao mestre Groba e a importante difusión cultural e musical, que crea e fideliza público”.

Pola súa banda, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra Victoria Alonso recalcou que “estamos ante un festival consolidado, que cada ano énchese de público para desfrutar dun concepto de festival e da música clásica que temos moi interiorizado”.

Ángel Stanich, cabeza de cartel do festival Rock in Río Tea 2022
O Rock in Río Tea volve este mes de xullo a Ponteareas coma sempre foi deseñado: sen cadeiras, sen distancias, sen límites e cun cartel inmellorable encabezado por Ángel Stanich. O festival, que conta coa financiación do Concello de Ponteareas, celebrará este 22 e 23 de xullo o seu décimo aniversario “con música de alto nivel e con toda a emoción contida nas últimas edición por mor da pandemia. Queremos recuperar o espírito musical cun cartel no que todos serán primeiros pratos cargados de ritmo”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Ángel Stanich será unha das actuacións estrelas destes dous días de festival. O cántabro aterra en Ponteareas o sábado 23 co seu último traballo “Polvo De Battiato”, un conxunto de 10 temas inéditos que nos descobren a un Stanich aínda máis indómito, explorando paraxes inusuais por un territorio quizais máis intimista.

Tamén estará presente ese día no Rock in Río Tea Grande Amore, o proxecto persoal do lucense Nuno, que mestura rock and roll, pop e techno dos oitenta. Os e as presentes no Feira Vella tamén poderán gozar do espírito punk, a sensibilidade pop e o rock’n roll máis aguerrido da man de Los Fusiles, que acaban de lanzar o seu agardado segundo LP.

Esa mesma xornada o Rock in Río Tea 2022 contará tamén cos portugueses Best Youth, a banda formada pola voz de Catarina Salinas e a música de Ed Rocha Gonçalves, cun son en loita entre o indie rock e o dream pop. E cos granadinos Sibelclan, gañadores do Concurso de Bandas do Rock in Río Tea, que xa cruzaron a Península ata tres ocasións para facer desfrutar ao público da súa potente música, e que nesta décima edición volverán achegarnos o seu rock con sons heavys e á vez melódico, presidido por unha voz ao alcance de moi poucos.

Como non podería ser doutro xeito, volve un dos grupos máis importantes do rap en galego: os ponteareáns SonDaRúa. Nesta ocasión o publico poderá desfrutar deles a xornada anterior, o 22 de xullo. Ese mesmo día tampouco podería faltar unha das bandas máis laureadas da historia de Ponteareas: O Caimán do Río Tea. Os seus concertos son pura enerxía, cun estilo entre o rock e o punk e a súa canción “Estou na lavadora” marcou a xeracións e xeracións de cativos do Xabarín Club. Xunto aos alumnos e alumnas do CDM (Rock School) e SonDaRúa reunirán, na xornada do venres, ao pasado, presente e ao futuro da musica ponteareá. O festival terá lugar no parque da Feira Vella con apertura de portas tanto o venres 22 como o sábado 23 ás 20 horas e inicio dos concertos ás 21.00 horas. A entrada será de balde.