Ponteareas asina convenio para a mellora da praza de Covitea

Coa Comunidade de Propietarios nos terreos ofertados pola Cooperativa Covitea

Ponteareas | A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, informa que o pasado martes 13 de abril tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Ponteareas e a Comunidade de Propietarios na zona de Avenida Fernández de la Mora volta con rúa dos Amieiros e rúa das Lavandeiras, co obxecto de regular os dereitos e obrigas de ambas partes nos terreos ofertados pola Cooperativa Covitea.

A superficie alcanza 3.500 metros cadrados para a utilización pública de zonas interiores e xardíns. Trala sinatura do convenio o Concello de Ponteareas farase cargo do mantemento da praza pública e da zona axardinada, limpeza urbana, conservación do alumbrado, así como dos elementos auxiliares de seguridade (barandas) incluida a cuberta xa existente na zona cedida.

A concelleira socialisata Chus Garrote, supervisou o avance das obras de recuperación e restauración desta nova praza praza pública, que foron adxudicadas por un importe de 10.974,57 euros de fondos propios, e que comprenden entre outras actuacións: lixado e pintado do soporte da estrutura de madeira, retirada e cuberta de tella, limpeza de solo, reparación de losetas de pavimento rotas así como rodapés.

“Agradezo a colaboración da veciñanza da urbanización Covitea e a súa paciencia ao longo tanto do proceso como do desenvolvemento das obras. Dende a miña concellería traballamos para que os veciños e veciñas, os nosos pequenos e os nosos maiores gocen do espazo público en consonacia coas liña marcadas polo Goberno de España e tamén pola Unión Europea. En colaboración coa cidadanía Ponteareas avanza e progresa en calidade de vida”, afirma a concelleira socialista Chus Garrote.

Con esta actuación Ponteareas mellora un espazo público para o encontro de veciñas e veciños que convida ao goce do tempo de lecer. A recuperación desta praza complétase con mobiliario urbano.