Ponteareas aproba a súa ordenanza de mobilidade e utilización do espazo público

Uso compartido do espazo público, redución do tráfico e maior seguridade
O Concello de Ponteareas aprobou no pleno a nova Ordenanza de Mobilidade Amábel e Utilización do Espazo Público.

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou no pleno a nova Ordenanza de Mobilidade Amábel e Utilización do Espazo Público. A nova norma foi aprobada con tan só 4 votos en contra (ACIP), a abstención do PP e o voto favorábel do goberno (BNG-PSOE). A aprobación da ordenanza estivo precedida dun proceso participativo no que se facilitou o borrador de ordenanza a colectivos sociais e no que se celebrou un encontro con todos eles.

Ademais os grupos municipais dispuxeron de case un ano para facer propostas e suxestións, aínda que non se achegou ningunha. Tamén se expuxo ao público o borrador de ordenanza para que a veciñanza puidera achegar as súas opinións.

A nova ordenanza supera a normativa actual, que databa do ano 2003, baseada nun concepto de mobilidade obsoleto, no que toda a mobilidade se centraba e supeditaba ao vehículo a motor.

A Ordenanza de Mobilidade Amábel configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e o Plan de Accesibilidade, así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta, e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

A nova normativa aborda a regulación da utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a gozar destes espazos. Nesta liña apóstase polo uso plural e compartido do espazo público con prioridades claras a favor das persoas, concibíndose coma lugares non só de paso senón tamén de estancia e convivencia.

A utilización do vehículo a motor, especialmente nas áreas concibidas para os peóns, supedítase ao concepto do tráfico de necesidade, que engloba o acceso de residentes con ou sen garaxe, a carga e descarga de profesionais, as persoas con mobilidade reducida ou o acceso de comerciantes e clientes para recoller ou deixar mercadorías non transportabeis a pé, así como os servizos públicos e de emerxencias.

A nova ordenanza regula as zonas de preferencia peonil, os supostos de necesidade nos que o tráfico a motor e paradas se permiten nestes lugares e as condicións de seguridade nas que debe realizarse e contémplase que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas, que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía deberá ser de plataforma única con preferencia peonil.

A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patíns eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas.