Ponteareas afina a seguridade para o Corpus 2025

Activada a Mesa Local de Seguridade co Plan de Autoprotección

Ponteareas | O Concello de Ponteareas celebrou a mesa local de seguridade do Corpus Christi 2025 presidida pola alcaldesa Nava Castro e polo subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, e na que tamén participaron o tenente de alcaldesa Juan Carlos Glez. Carrera, a Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, AXEGA 112 e a Policía Local.

Na mesa local presentouse o Plan de Autoprotección que establece as medidas de seguridade e prevención en materia de Protección Civil cun sistema baseado en recursos propios. Ante as diversas situacións de emerxencia que poidan xurdir na celebración da festa do Corpus Christi de Ponteareas establécese unha organización que dea rápida resposta a distintos tipos de riscos. A previsión de asistencia á festa é de 50.000 persoas motivo polo cal se fai necesaria unha detallada planificación na que consten as vías de acdeso para vehículos de emerxencia externo, as vías de evacuación cara a A-52 e cara a N-120, as evacuacións en helicóptero dende o colexio As Veigas.

Dende as 15:00 horas do día 21 de xuño ata as 15:00 horas do día 22 de xuño quedará prohibida a circulación de vehículos no entorno das rúas afectadas polo acordo do Plan de Tráfico deseñado pola Policía Local.

Este Plan de Autoprotección, que se axusta ao Decreto 172/2022, e consta de 9 Capítulos, sinala como zonas e momentos de especial atención as zonas de postos de venda ambulante, a masificación no ámbito do percorrido das rúas alfombradas, a instalación eléctrica e grupos electróxenos e tráfico rodado.

Garda Civil, Policía Local, Autonómica, Cruz Vermella, Bombeiros en coordinación co parque comarcal de Porriño e Vigo, Protección Civil e outro persoal da organización e técnicos de infraestruturas do Concello velarán pola seguridade de todas as persoas pé de rúa e dende o Posto de Mando Avanzado que se instalará na rúa Vidales Tomé e estará en contacto permanente co servizo de emerxencias 112 de Galicia.

O Punto Violeta instalarase na rúa Rogelio Groba, preto da zona de lecer nocturno e estará integrado por un axente de Policía Local e por un axente da Garda Civil. Na mesma rúa e a carón este Punto Violeta, instalarse un posto de expedición de pulseiras identificativas.

Alcaldesa e tenente de alcaldesa agradeceron o traballo desenvolto polos corpos e forzas de seguridade na anterior edición e puxéronse a disposición dos mesmos para garantir, que un ano máis, as festas discorren con total normalidade.