
Ponteareas | Hoxe é un día importante para o Concello de Ponteareas e, especialmente, para o seu persoal laboral. O goberno municipal presenta o proceso para a redacción da Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal laboral, unha ferramenta fundamental que dá resposta a unha demanda histórica das traballadoras e traballadores municipais e das organizacións sindicais, recollida xa no convenio asinado no ano 2019 co anterior goberno que o deixou gardado no caixón.
Con este paso, o Concello amosa de maneira clara o seu compromiso co persoal laboral, arredor de 133 persoas que cada día prestan servizo á veciñanza, representan á institución no desempeño do seu traballo e fan posible que Ponteareas conte con servizos públicos de calidade. Sen o seu esforzo e profesionalidade, a administración local non podería cumprir coa súa función.
A nova RPT supón unha actualización necesaria que revisa e mellora as condicións salariais, adapta os postos á realidade actual e incorpora melloras que recoñecen o traballo que se realiza a diario. Trátase tamén dunha mostra da importancia que este goberno lle dá a unha xestión responsable, planificada e rigorosa dos recursos humanos municipais.
Desde o Concello sublíñase que este compromiso co persoal municipal non é algo puntual. Proba diso é que cada ano se procede á actualización da Relación de Postos de Traballo do funcionariado, garantindo así unha administración moderna, ordenada e acorde coa normativa vixente. O goberno municipal quere agradecer o papel fundamental dos sindicatos e a colaboración e implicación de todas e todos os traballadores municipais.
Ademais, coa chegada deste goberno reactivaronse os procesos selectivos convocando nestes anos a maior oferta de emprego público da historia e avanzando na regularización de diferentes situacións laborais, co obxectivo de ofrecer emprego estable, garantir a seguridade xurídica do persoal e cumprir rigorosamente coa lexislación vixente. O Concello de Ponteareas continuará traballando nesta liña, convencido de que coidar ás persoas que traballan na administración local é a mellor maneira de mellorar os servizos públicos e atender mellor á veciñanza.
Tecnoloxía para atención de maiores
O Concello de Ponteareas vén de asinar un convenio de colaboración con Cruz Vermella para promover a inclusión dixital, a saúde e o benestar das persoas maiores a través da tecnoloxía e da sensibilización social, mediante o proxecto “Proceso de innovación e dixitalización de servizos para persoas maiores en Ponteareas”.
Esta iniciativa estrutúrase en tres liñas de actuación fundamentais. En primeiro lugar, fomentar a autonomía persoal e os hábitos saudables, incorporando tecnoloxías de atención personalizada como a teleasistencia, o seguimento familiar a través de sensores no domicilio, ou a monitorización de indicadores de saúde, permitindo así promover rutinas adaptadas ás necesidades de cada persoa usuaria.
A segunda liña céntrase en reducir a brecha dixital, capacitando ás persoas maiores no uso seguro e práctico de ferramentas dixitais de uso cotián como aplicacións móbiles, banca en liña, videochamadas ou outros servizos dixitais esenciais.
Por último, o proxecto pretende combater o illamento social e o edadismo, creando espazos de interacción social mediante multivídeo, obradoiros ou robótica social, ademais de desenvolver accións de sensibilización cidadá sobre o envellecemento normal e patolóxico, a través de experiencias inmersivas como escape rooms ou traxes de simulación.
Para dar cumprimento a estes obxectivos no ámbito territorial do Concello de Ponteareas, Cruz Vermella porá en marcha o programa “Proceso de innovación e dixitalización de servizos para persoas maiores en Ponteareas”, que complementará os recursos xa existentes e para o que o Concello destina 70.000€.
O goberno municipal dá así os primeiros pasos para combater un grave problema social, derivado dunha poboación progresivamente máis envellecida. En Ponteareas, máis do 22 % das persoas maiores de 65 anos viven soas, nun municipio ademais moi disperso, con 22 parroquias, e con importantes carencias en recursos dixitais.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “este convenio supón seguir avanzando no proceso de modernización do Concello en todos os ámbitos e áreas municipais, deixando atrás a obsolescencia coa que nos atopamos e poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas”. A rexedora subliñou tamén “a importancia de combater a soidade non desexada, mellorar os coidados e garantir que ningunha persoa maior quede atrás por falta de acceso ou coñecemento dos recursos dixitais”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, puxo en valor que “os programas de Cruz Vermella son recursos imprescindibles que veñen complementar o traballo dos servizos sociais municipais”, destacando que “a tecnoloxía, ben aplicada, permite mellorar a autonomía, reforzar a seguridade, manter o contacto familiar e favorecer un envellecemento activo e saudable”.
Desde o Concello de Ponteareas insístese en que este tipo de iniciativas son clave para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización e construír unha sociedade máis inclusiva, xusta e adaptada ás necesidades reais da cidadanía. Este proxecto conta co apoio das axudas Leader,cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.




