
Ponteareas | O salón de plenos do Concello de Ponteareas acolleu hoxe a presentación do IX Torneo Internacional Sub-2200 de Xadrez – IV Gran Premio Confitería Regino, unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego e que reunirá o mellor do xadrez afeccionado internacional os días 15 e 16 de novembro de 2025 no CEIP Plurilingüe As Veigas.
No acto participaron a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, e o presidente do Club Xadrez Ponteareas, entidade organizadora do evento. A rexedora destacou “a importancia de acoller en Ponteareas probas deportivas desta relevancia, que non só fomentan o deporte e o pensamento estratéxico, senón que tamén contribúen a dinamizar a economía local e a dar a coñecer o noso concello”.
Nava Castro convidou tamén “a toda a cidadanía a achegarse ao CEIP As Veigas para gozar dun auténtico espectáculo aberto ao público, no que poderán vivir en directo o desafío e a emoción do xadrez competitivo”.
Implicación e tradición
O IX Torneo conta co patrocinio dunha empresa local, Confitería Regino, e así se aprecia no cartel no que podemos ver a dous mestres pasteleiros. Alcaldesa e tenente de alcaldesa agradecen o apoio e implicación do tecido comercial e empresarial que respaldan aos clubs locais.
O IX Torneo Internacional Sub-2200 de Xadrez – IV Gran Premio Confitería Regino seguirá o sistema Suízo a 5 roldas con 60 minutos máis 30 segundos por xogada. A ponteareá Juana María Martínez Fernández será a árbitra da FIDE que terá o peso deste torneo válido para ELO FIDE.
Todas as persoas que desexen inscribirse ou obter máis información poderán facelo a través do blog do Club Xadrez Ponteareas https://xadrez-ponteareas.blogspot.com/ O Club Xadrez Ponteareas continúa así co seu labor de promoción do xadrez entre todas as idades e niveis, convertendo Ponteareas nun referente galego e internacional deste deporte.
Premios:
Clasificación xeral:
– 1º – 75 € + trofeo
– 2º – 50 € + trofeo
– 3º – 25 € + trofeo
4º ao 8º – Subscrición gratuíta á aplicación Chess Openings PROMASTER
9º e 10º – Inscrición gratuíta para o X Torneo Internacional Sub-2200 de Xadrez Ponteareas
Premios especiais:
– Mellor xogador Sub-2000 – Trofeo
– Mellor xogador Sub-1700 – Trofeo
– Mellor veterano (nado en 1975 ou anteriores) – Trofeo
– Mellor Sub-16 (nado en 2009 ou posteriores) – Trofeo
– Mellor Sub-14 (nado en 2011 ou posteriores) – Trofeo
– Mellor Sub-12 (nado en 2013 ou posteriores) – Trofeo
– Mellor Sub-10 (nado en 2015 ou posteriores) – Trofeo
– Mellor Sub-8 (nado en 2017 ou posteriores) – Trofeo




