Ponteareas acolle a presentación dun libro sobre os milicianos republicanos en Francia

O autor é o investigador coruñés Juan Galán

Ponteareas | Este mércores 18, ás 19:30, no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, o investigador Juan Galán presentará o seu libro “Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés. 1939-1945” (Galaxia, 2025), no que narra a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal, emigrado ao País Vasco na década de 1920, que loitou como miliciano no Exército de Euskadi.

Tras exiliarse en Francia foi internado en campos de concentración e forzado a traballar en compañías de traballo de estranxeiros. Trala ocupación alemana de Francia foi obrigado a traballar na Organización Todt para a construción do Muro Atlántico. É unha obra de grande interese pola información que nos proporciona sobre eses miles de republicanos (os Rotspanier) que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.

Juan Galán (A Coruña, 1961) estudou Filoloxía Inglesa na USC e exerceu como profesor de inglés na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Na súa faceta de escritor publicou obras de ficción como “Romanza de los naranjos en flor” (2021), “El eco de tu voz” (2022) e “Las tribulaciones de Bruno Lamas” (2023). É investigador da memoria republicana de Galicia e vogal da xunta directiva da Asociación de Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra. Colabora en diversas revistas e no Diario de Ferrol, onde conta cunha sección dedicada á memoria histórica democrática. Rotspanier é o seu primeiro traballo de investigación histórica.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.