Santiago de Compostela | A celebración do ano das Letras Galegas 2025 é unha oportunidade para reivindicar o patrimonio oral galego-portugués, un patrimonio compartido coa lusofonía e que Ponte…nas ondas! vén divulgando e transmitindo ás novas xeracións.
Exemplo dese traballo divulgativo foi a recente multiemisión do 26 marzo desde 9 lugares de Galicia e Portugal coa que PNO! celebrou o seu 30 aniversario. Un evento onde puideron visibilizarse diversas actividades propostas polas escolas co foco na transmisión do cancioneiro tradicional ás novas xeracións.
Con ese espírito xorde a foliada do 23 de maio, que vai xuntar en Compostela a grupos de música, baile e pandeireteiras de 15 centros educativos de Galicia e Portugal nunha romaría das Letras Galego-Portuguesas.
Foliada “Agora cantamos nós!”
A literatura oral popular e o cancioneiro tradicional, que se celebran este ano nas Letras Galegas, son un patrimonio compartido con Portugal e cos demais países de lingua portuguesa.
Ponte…nas ondas! como ONG consultora da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial, única entidade acreditada en Galicia, pretende dar a coñecer este cancioneiro común ás novas xeracións de ambos territorios. Unha tarefa que enfía a Recomendación sobre a Salvagarda da Cultura Tradicional e Popular, adoptada pola UNESCO o 15 de novembro de 1989.
O documento afirma que “a literatura oral tradicional e popular fai parte do patrimonio cultural da humanidade e merece ser recoñecida, valorizada e preservada”. E conclúe que “ a literatura oral tradicional e recoñecida como unha forma esencial da cultura popular que debe ser salvagardada como patrimonio cultural inmaterial da humanidade debido ao seu papel fundamental na preseervación da identidade, historia e valores das comunidades”.
Unhas letras que son un patrimonio compartido e que fan da literatura galega unha expresión universal que non só aprenden e coñecen as novas xeracións de Galicia e Portugal, senón que tamén outras persoas doutros lugares cantan e bailan coas mesmas palabras.
A Foliada das Letras Galego-Portuguesas é así unha celebración para que o alumnado comparta un día de festa con outros grupos de escolas galegas e portuguesas. Ao mesmo tempo, grupos de música profesionais e persoas portadoras da tradición oral intervirán na foliada para que se produza a necesaria transmisión dos seus saberes aos asistentes.
Está prevista a asistencia de centros de toda a xeografía galega e do Norte de Portugal estimando a asistencia de 500 mozos e mozas. O Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación de A Coruña colaboran e apoian a celebración desta Foliada e a edición do Cancioneiro galego-portugués.
Programa
10.15 h. Presentación e benvida
10.30 h. a 13.20 h. Bloque 1:
CEIP López Ferreiro. Compostela
IES de Ames
IES Barra. Ponteareas
CEIP Cardenal Quiroga. Compostela
IES Eduardo Pondal. Ponteceso
CEIP Seis do Nadal. Vigo
CEIP Petelos.Mos
Escola Nadir Afonso. Chaves
CEP Altamira. Salceda de Caselas
CEP Carlos Casares. Salvaterra de Miño
13.20 h. a 13.50 h. Actuación DE VACAS
13.50 h. a 14.20 h. Xantar e actuacion de OS FONDAOS DO PÍNFARO
14.20 h. a 15.20 h. Bloque 2:
IES de Salvaterra de Miño
Escola Profissional de Celorico de Basto
IES Alexandre Bóveda. Vigo
IES San Clemente. Compostela
CEIP A Ramallosa. Teo
O cancioneiro galego-portugués
Ponte…nas ondas! promove a publicación dun cancioneiro tradicional galego-portugués cunha escolma de cantigas comúns a Galicia e Portugal e que tamén se espallaron polos países de lingua portuguesa.
Este cancioneiro que mostrará as afinidades entre as letras das cantigas chegará aos centros educativos no outono e vaise divulgar tamén en Portugal.
Xunta de Galicia agradece o traballo de PNO! no reforzo de lazos coa lusofonía
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da foliada das letras galego-portuguesas Agora cantamos nós. Trátase dunha iniciativa que organiza Ponte… nas ondas!, a quen agradeceu o seu traballo no reforzo dos lazos coa lusofonía.
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o labor desta entidade que celebrará, por primeira vez, esta foliada na que participarán 15 centros educativos de Galicia e Portugal, o vindeiro venres 23 en Santiago de Compostela. Neste senso, resaltou a importancia de reivindicar o patrimonio oral galego-portugués, “do mesmo xeito que levamos feito estes últimos días coas diferentes propostas ao abeiro do Día das Letras Galegas que este ano homenaxeou ás cantareiras”.
No marco desta presentación, o secretario xeral da Lingua salientou que o proxecto Ponte… nas ondas! xa está considerado un modelo para o mundo ao ter sido incluído no Rexistro de Boas Prácticas da Unesco polo seu valor pedagóxico e cultural.
Neste senso, fixo fincapé na importancia desta iniciativa pola sensibilización co patrimonio desde a infancia e o achegamento da cultura e lingua ao alumnado de toda a comunidade galega e tamén á do país veciño. Ademais, tamén aproveitou a ocasión para felicitar á organización que este ano celebra tres décadas de traballo.
Propostas musicais con preto de 500 mozos e mozas
A foliada Agora cantamos nós! xuntará no parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela a grupos de música, baile, pandeireteiras e preto de 500 mozos e mozas de centros educativos de Galicia e Portugal. Da provincia da Coruña estarán o instituto de Ames, o instituto Eduardo Pondal, de Ponteceso; o colexio a Ramallosa, de Teo, e o colexio López Ferreiro, o colexio Cardenal Quiroga e o instituto San Clemente, de Santiago de Compostela.
Da provincia de Pontevedra participarán o instituto do Barral, de Ponteareas; o colexio Petelos, de Mos; o colexio Carlos Casares e o instituto, de Salvaterra de Miño; o colexio Altamira, de Salceda de Caselas, e o colexio Seis do Nadal e o instituto Alexandre Bóveda, de Vigo. Pola súa banda, de Portugal estarán a escola Nadir Afonso, de Chaves, e a escola Profissional Agrícola, de Celorico de Basto.