Ponte…nas Ondas! recibe o I Premio María Xosé Rodríguez Valcárcel

Promovido pola EPAPU polo seu activismo en prol da lingua galega

Lugo | A EPAPU (Centro Público de Educación Permanente de Adultos) Albeiros de Lugo celebrou este venres 20 de xuño o remate do curso coa entrega do I Premio María Xosé Rodríguez Valcarcel á Asociación Ponte… nas ondas!

Segundo recordou a actual directora do centro, Amalia Vázquez, na súa lembranza da finada autora e docente, PNO! representa o espírito de tender pontes que María Xosé Rodríguez Valcárcel defendía e reivindicaba, e é por este motivo que o centro considerou a asociación merecedora de iniciar a andaina do galardón.

Os promotores do premio subliñaron que PNO! realiza un labor desinteresado e solidario cos centros educativos, “asemade de realizalo en lingua galega e, neste caso, arrequentado co idioma irmán portugués. Ponte máis que solidaria”. A EPAPU Albeiros considera así que Ponte…nas ondas! constitúe o mellor exemplo para a iniciar este premio que honra a memoria dunha persoa que se distinguiu polo seu coñecemento, polo amor á docencia e á cultura.

María Xosé Rodríguez Valcárcel, vida de cultura e compromiso
Nun evento no que asistiron tamén a nai e a irmá de , lembrouse a intensa vida de compromiso desta profesora de lingua galega, doutora, investigadora, políglota e tradutora, ávida lectora e tamén directora deste centro de Adultos. Moi coñecida no mundo da docencia e da cultura da cidade de Lugo así coma nas asociacións en defensa da lingua galega, María Xosé foi autora de diferentes publicacións sobre sociolingüística e en 1996 gañou a décima edición do Premio literario Ánxel Fole, co libro ‘Aureliano J. Pereira no rexurdimento galego’.

No acto lembrouse tamén o seu labor como tradutora, especialmente o volume ‘Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO’.

Na defensa da ponte do patrimonio galego-portugués
Ao escritor e investigador do patrimonio cultural Antonio Reigosa, quen foi colaborador de diversos proxectos da Asociación e tamén xurado dos certames de recolla da tradición oral galego-portuguesa, correspondeulle o labor de facer breve resumo da traxectoria de PNO! ao longo destes 30 anos de actividade. Reigosa lembrou especialmente o traballo e a repercusión no seu momento da presentación da candidatura á UNESCO do patrimonio oral galego-portugués, e destacou que PNO! é un modelo en todos os sentidos “nun momento no que a creación de pontes entre Galicia e Portugal é máis necesaria que nunca” para superar os impedimentos a esa relación natural que ten que haber entre os dous pobos.

Interviron por último o presidente de PNO!, Santiago Veloso, quen aproveitou para recordar o recente e magnífico evento celebrado pola comunidade educativa luguesa no auditorio Fuxan os Ventos para a celebración do 30 aniversario de PNO!, e a secretaria de PNO!, Chus Álvarez, quen falou da realidade conseguida á fin da rede de centros modelo de boas prácticas co patrimonio inmaterial, convidando os centros lugueses a unírense ao proxecto.

Unha traxectoria chea de recoñecementos para alumnado e docentes
Este 2025, PNO! celebra tres décadas a difundir, preservar e valorizar o PCI de Galiza e Portugal, a través da dinamización de programas radiofónicos, actividades e proxectos desenvolvidos, quer en contextos educativos, quer en contextos informais, xunto das comunidades portadoras.

PNO! foi considerada pola UNESCO, en 2022, como un “Modelo de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”, nunha candidatura presentada por parte de Portugal e España que deu na primeira inscrición nesta lista para Portugal e Galicia.

PNO! recibiu tamén en anos recentes o Premio da Cultura Galega 2023, na categoría de Lingua; o Premio Especial do Xurado aRi[t]mar á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona e a Medalla Municipal ao Mérito outorgada pola Câmara Municipal de Valença, en 2022; o Premio Meendinho, en 2021 ou o Premio Lois Peña Novo, en 2017. Anteriormente, PNO! acadou tamén entre outros recoñecementos, o Premio Ondas (2014), o Premio “Bos e Xenerosos” da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2005) ou o Premio Galicia de Comunicación (2005).

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.