Ponte…nas Ondas! lévase o Premio Especial do Xurado do aRi[t]mar Galiza e Portugal

No relativo á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona

Santiago de Compostela | O xurado do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal vén de decidir que a asociación Ponte… nas Ondas! será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022.

É un recoñecemento outorgado por medio de resolución directa do xurado e pretende salientar o traballo de todo aquel que contribúe a achegar as culturas galega e portuguesa. A resolución dáse a coñecer nas vésperas do 25 de abril, data da Revolución dos Caraveis.

Coa finalidade de promover a existencia dunha identidade común entre os pobos galego e portugués, Ponte… nas Ondas leva máis de vinte e cinco anos organizando actividades culturais e pedagóxicas na Galiza e na zona norte de Portugal. Creada en 1995, esta entidade naceu aproveitando a construción dunha ponte física entre as localidades de Monçao e Salvaterra de Miño e estabeleceu unha ponte comunicativa a través do medio radiofónico.

A primeira actividade desenvolvida pola entidade foi levada a cabo por alumnado de 16 escolas de amba as dúas beiras do Miño, utlizando os estudos Ecos da Raia de Monção e outros situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño. Foron numerosos os galardóns recibidos por esta iniciativa antes de obter o recoñecemento do aRi[t]mar galiza e portugal.

Entre os premios máis importantes cóntanse un Premio ONDAS, acadado no ano 2014 pola “mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués”, e o Premio Galicia de Comunicación, outorgado no 2005 pola Xunta.

As votacións para decidir a mellor poesía do ano seguen abertas
Desde o pasado 19 de abril, o público de aRi[t]mar pode votar na web do certame para elexir as mellores poesías do ano na Galiza e en Portugal. As poesías galegas finalistas son: Un coro de Carlos Callón, O acivro e o cristal de Daniel Salgado, (couza) de Inma Doval Porto, Anatomía dun home-peixe de Jorge Rodríguez Durán, REXISTRO CIVIL de Luís Rei Núñez, MAI de Manuel Rivas, A PARELLA de lavancos… de Marta Dacosta Alonso, ASULAGADAS de Suso Díaz, Medrei na arela desa pantasma de Teresa Ríos Noya e Anorak de pel de caribú de Lúa Mosquetera.

As poesías portuguesas finalistas son: A mesa de Ana Luísa Amaral, E se de Cecília Barreira, O poeta escreve de Diogo Costa Leal, O conhecimento da flor de José Tolentino de Mendonça,

Aos versos quero-os claros como auroras de Lídia Borges, Feira da ladra de Margarida Vale de Gato, Errei, como toda a gente de Pedro Eiras, Comprar um móvel com muitas gavetas de Raquel Serejo Martins, A cada degrau de Sérgio Godinho e E se eu fosse eu? de Wilma Vieira.