Polonia ensalza o exemplo do Museo de Pontevedra na restitución dos cadros espoliados polos nazis

Como iniciativa para exercer presión de cara a outros países non colaboradores

Pontevedra | O Goberno de Polonia utilizará o exemplo do Museo de Pontevedra na restitución dos cadros espoliados polos nazis na II Guerra Mundial para presionar a outros países que teñen arte polaco roubado e poñen trabas para devolvelo. Así o confirmou hoxe o ministro de Cultura e Patrimonio Nacional Piort Glinski, quen salientou a profesionalidade do Museo pontevedrés, así como os valores compartidos coa Deputación de Pontevedra de “xustiza, solidariedade e respecto á tradición e o patrimonio”.

Estas palabras do representante polaco foron pronunciadas no acto oficial de restitución do díptico do Ecce Homo e a Dolorosa da escola de Dieric Bouts celebrado hoxe no museo público do castelo de Goluchow (Polonia), o seu lugar de orixe e onde de maneira definitiva serán expostos ao público. No acto estiveron presentes o vicepresidente e responsable do Museo César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a deputada de Memoria Histórica María Ortega e o deputado de Economía Carlos López Font.

O ministro de Cultura e Patrimonio Nacional, explicou que nos últimos oito anos recuperaron 600 obras e outras 150 están en trámite, pero que os problemas para levar os expedientes adiante son continuos e moi variados con moitos países como Alemania ou Gran Bretaña, nos que a lexislación non acompaña.

O caso de Pontevedra en concreto, destacou, será utilizado pola súa exemplaridade. “Utilizamos os exemplos positivos de restitución con frecuencia. A miúdo as restitucións positivas prodúcense por forzar aos países e insitucións de orixe, pero neste caso -de Pontevedra- non é así. Ás veces obras dunha casa de Londres ou Berlín, informamos que están nas nosas listas de perda de guerra, retíranas da exposicións, pero desaparecen”, subliñou.

O vicepresidente César Mosquera compartiu palabras semellantes na súa intervención na cerimonia. Escusou a ausencia da presidenta Carmela Silva e agradeceu a hospitalidade e cariño amosados en Polonia, ao tempo que destacou que a decisión da devolución dos cadros foi inmediata no momento que se coñeceron as circunstancias de orixe do díptico, incluso anterior da petición formal da restitución por parte do goberno polaco.

Os motivos que argumentou para proceder con dilixencia foron a “xustiza histórica” e a “coherencia política” por parte da Deputación de Pontevedra, xa que segundo argumentou, se a institución provincial está a traballar na restitución da memoria histórica no seu país, tamén debe colaborar na restitución da memoria histórica doutras nacións. Así mesmo, fixo fincapé en que “non estariamos tranquilos sabendo que vivimos con arte que ten como o orixe o espolio nazi”. “Foi unha decisión fácil, clara, nítida da que estamos orgullosísimos e que volveriamos repetir”.

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey destacou que o coñecemento o 20 de marzo de 2020 de que había obras con orixe no espolio nazi na institución supuso un “shock”. Dende entón, explicou, traballouse para aclarar como era posible non ter coñecemento dese feito e para intentar completar a historia do díptico dende a súa desaparición en 1944 ata a súa entrada no Museo, algo que non foi posible ata o de agora.

Rey destacou que os museos deben traballar a día de hoxe para traballar temas incómodos como os espolios e subliñou que a colaboración aberta co goberno polaco e o Museo Nacional de Poznan “abre ventás” para novas oportunidades de traballo conxunto.

No acto oficial do castelo de Goluchow tamén estiveron presentes a ministra polaca de Familia Marlena Malag, o embaixador español Ramiro Fernández, o director xeral de Patrimonio Cultural español Isaac Sastre, así como o director do Museo Nacional de Poznan  Tomasz Lecki, e o especialista Marius Wisiniewski, técnico que localizou os cadros en Pontevedra. Todos eles destacaron a necesidade de colaboración leal entre institucións para que as obras de arte espoliadas volvan ao seu lugar de orixe, “de onde nunca deberon saír”.

Entrevista a Marius Wisiniewski
Marius Wisniewski, o especialista xefe do Departamento de Restitución de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional, foi a persoa que localizou no Museo de Pontevedra dende Polonia o díptico da Ecce Homo e a Dolorosa elaborados na escola de Dieric Bouts. Traballa nun departamento prioritario para o goberno polaco, formado agora por catorce persoas -e en fase de crecemento-, que se dedican a buscar arredor do mundo o medio millón de obras desaparecidas en Polonia durante a II Guerra Mundial.

Como foi o proceso que levou á descuberta dos cadros en Pontevedra?
A busca de obras é unha acción planeada, non só o a do díptico. Houbo un cambio de estratexia do Ministerio na busca dos obxectos e obras de arte. Ata agora eran especialistas que facían unha busca individual, pero agora temos un sistema e eliximos centos de obras concretas, entre elas o díptico. Dende 2019 utilizamos métodos de mercado para buscar imaxes en internet e adaptámolos ás nosas necesidades. Rastrexamos en base a fotografías antigas e no momento de introducir as fotos aparecen centos de rastros. Do díptico hai moitas réplicas e restrinxiuse a busca a uns rastros. O primeiro que levantou sospeitas do díptico de Pontevedra foi unha pequena imaxe que había da Mater Dolorosa que vimos na web do Museo. Logo foi o Facebook.

Que sentiu no momento en que localizou o díptico?
O primeiro foi pensar que podía haber algo, no 2019. E en 2020, tras contactar do Museo que mandou foto enteira do díptico co marco incluído, é cando se confirma que é a pintura que se está a buscar… Ese sería o momento do Eureka pleno.

Que teñen eses marcos de especial?
O marco en si estaba nas fotos de antes da guerra. É moi característico e posterior ás táboas, feito á medida. Ten unha inscrición en latín, que é errónea, o que fixo saber que era a obra que buscábamos, porque a cita non é exacta.

E cal foi o sentimento de cando o Museo confirmou que o devolvía?
(Sorrí) Pois de moita satisfacción… e unha certa dose de dopamina! Estamos moi contentos co trato e temos moita alegría coa confirmación da restitución… Estamos moi satisfeitos coa Deputación e o Museo, e hai que mencionar tamén a colaboración do Ministerio de Cultura de España.

Que importancia teñen estas pezas na colección do Museo Público de Goluchow?
Son das máis importantes da colección. Aparecen no momento no que se constitúe e teñen un valor simbólico moi alto. Aparecen xa nas guías de Isabela Cartorezsky.

Como é o estado de conservación da obra?
O estado de conservación é bo. Confírmano estudos do Museo e tamén da recepción en Polonia. O díptico seguirase a estudar nos vindeiros anos e será obxecto de publicación futura polos estudos exhaustivos que se van facer agora que está en Goluchow.

Cantos cadros espoliados levan localizado?
A cuestión é que atopar un cadro non é algo raro, sobre todo con este método tan informatizado, co que saltan ata 100 rastros día. Pero temos que determinar que a obra existe e non sempre sabemos onde se atopa. É unha actividade que ten os seus froitos. Unha vez co rastro estúdianse posibilidades e probas pare centrarse nos casos máis manifestos para tirar do fío, saber onde están e intentar recuperalos.

Hai algunha outra obra en Galiza ou España xa localizada?
Confirmada ningunha. Este é o primeiro caso en España que puidemos recuperar e solicitar.

Que porcentaxe de obras son realmente restituídas?
Non é cuestión de porcentaxe. Se vemos que unha obra está nun sitio, non imos darnos por vencidos ata conseguila. Os procesos poden ser longos… Pode haber máis rapidez, pero ata que non a conseguimos, seguímola. Hai que dicir, que está a conciencia de que hai que devolver obras non so por perdas de guerra, senón tamén sacadas ou exportadas e obtidas de forma ilegal. Isto está a mellorar moito, sobre todo en países occidentais. A nivel xurídico, os marcos legais xa son máis paralelos e hai máis colaboración.

Charla sobre metalurxia en Tui
Este vindeiro mércores 22 de marzo un grupo de 100 alumnas e alumnos do IES San Paio de Tui asistirá a unha das conferencias incluídas no marco do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o CSIC-INCIPIT para a difusión, a protección e o fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia de Pontevedra.

A charla, no propio centro educativo, será impartida por Noemí Silva-Sánchez e centrarase na contaminación atmosférica por actividades mineiro-metalúrxicas prehistóricas e antigas rexistrada en turbeiras de Galicia e outras áreas do continente europeo. Silva-Sánchez é arqueóloga medioambiental especializada en Xeoquímica e Palinoloxía (disciplina da botánica dedicada ao estudo do pole e as esporas).

A actividade está incluída nun calendario máis amplo de conferencias, co que o coñecemento científico chega a un total de seis centros de ensino e outros dous espazos públicos da provincia. O ciclo comezou o pasado venres 10 de marzo coa conferencia “Arqueoloxía dunha aldea abandonada: As paredes vellas de Silvaescura”, a cargo de Cristina Incio del Río no IES Chano Piñeiro (Forcarei). A ela seguiulle, o 15 de marzo, a actividade “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe… ou non tanto” no IES de Coruxo (Vigo) para o alumnado de 2º bacharelato, impartida por César Parcero.

Tralo paso polo IES San Paio de Tui, as conferencias continuarán o 11 de abril ás 18:00 horas na sede da Deputación en Vigo, co título “Baixo terra: Investigando os conflitos do pasado contemporáneo” e a cargo de Laura Muñoz Encinar. A ela seguiralle, o 13 de abril, a conferencia de César Parcero “Vivindo no deserto 1000 anos atrás”, á que asistirán 40 alumnas e alumnos do segundo ciclo da ESO do IES Pazo da Mercé (As Neves). A continuación, o 17 de abril, será a quenda de “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” a cargo de Carlos Otero Vilariño para 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Vilalonga (Sanxenxo). O 9 de maio falarase sobre “Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro” nunha conferencia impartida por María G. Faro a 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Poio, e finalmente o ciclo rematará no mes de xuño cun relatorio a cargo de Xosé-Lois Armada no Pazo de Liñares (Lalín) sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos”.

O convenio entre Deputación e CSIC-INCIPIT, valorado en 270.000 euros, ten tres liñas primordiais de actuación. Ás charlas e conferencias súmanselle intervencións en oito espazos de interese arqueolóxico da provincia. Este ano actúase na Illa de San Sadurniño (Cambados), nas Torres de Oeste (Catoira), en Castrolandín (Cuntis) e nos Chozos do Alén (Fornelos), mentres que en 2024 farase no Castro de Garellas (Forcarei), nos Petróglifos de Gargamala (Mondariz), no Cano dos Mouros (Oia) e en Castro Alobre (Vilagarcía). O convenio inclúe tamén a recuperación de materiais recuperados das escavacións realizadas entre 2006 e 2007 no Castro de Bendoiro (Lalín) para a súa exposición no Pazo de Liñares.