A Carta-Circular do Xeneral Xefe da IV Zona da Guardia Civil en Catalunya dirixida a todos os efectivos do corpo policial o 28 de febreiro de 1989 foi un feito transcendental naqueles anos. Na súa redación o alto mando militar, alertado polos conflitos que se viñan producindo nas relacións entre a cidadanía e as Unidades do Corpo, expresaba que tales feitos “en nada favorecen a imaxe do Corpo. Cómpre que todo o persoal coñeza persfectamente a normativa que regulamenta o uso das distintas linguas propias das Comunidades Autónomas nas relación entre particulares e a Administración do Estado”. A circular dirixida a todos os mandos e membros da Garda Civil constituíu no seu tempo un acto de audacia pedagóxica pouco común naqueles anos nos que era escasa a lexislación promulgada para defender os dereitos lingÚísticos. Para o xeneral o artigo terceiro da Constitución española era definitorio.
Daquela, a Orde 35/1987 do Ministerio de Defensa dispuña que “os documentos e certificacións redatadas na lingua oficial dunha Comunidade Autónomas que se dirixan á Administración Militar por particulares, serán atendidas e terán plena validez e eficacia”. E no que fai ás relacións verbais o seu alcance era claro e preciso: “Nas comunidades autónomas con lingua propia, os primeiros serán atendido, a súa elección, en castelán ou na lingua da Comunidade; e se a denuncia se presenta por escrito deberá remitirse sen máis trámite ao xulgado, sen que sexa necesario, neste caso, a comprobación do feito. Calquera denuncia que se presente en lingua catalá por escrito, deberá ser atendida sen ningunha obxección para a súa remisión á autoridade xudicial”.
A Irmande Xurídica Galega está mantendo unha rolda de conversas cos mandos das forzas e corpos de seguridade en Galicia para que sexan parte activa deste proceso de sintonía lingüística, falando e escribindo en galego, idioma maioritario do país; sabendo ademais que o 98% dos policías e gardas civís son galegofalantes,ou coñecedores da nosa gramática. O documento elaborado pola Irmandade busca un consenso básico ao abeiro da lexislación vixente. Pero tamén apela á pedagoxía galeguizadora que deben aplicar os políticos que dirixen as administracións públicas. O obxectivo que se persegue é derrubar as barreiras lingüística que identifican o exercicio da autoridade cun idioma -o castelán- en detrimento do outro -o galego. Este comportamento diglósico tolle a harmonización cultural e lingüística e contribúe a manter unha inexplicable desvertebración cultural por mor do conflito lingüístico.
“No ano 2007 a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promovera co conxunto das forzas e corpos de seguridade a iniciativa ‘En galego con toda seguridade”
Cómpre lembrar que xa no ano 2007 a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promovera co conxunto das forzas e corpos de seguridade a iniciativa “En galego con toda seguridade”, que fora un éxito por non ter precedentes na historia da lingua galega. Agora é a Irmandade Xurídica Galega a que retoma aquela proposta para facer posible que a xudicatura e as policías, que manteñen a cotío unha estreita relación, se retroalimenten na ampliación do uso da lingua galega neses espazos institucionais.
Para que este proceso avance é imprescindible a cooperación das administracións central, autonómica e local. De aí que a boa disposición da Delegación do Goberno en Galicia e a Xunta de Galicia sexan determinantes nesta oferta positiva de incorporar os máis de 11.000 axentes de policía que ten Galicia a este proxecto. As dúas primeiras roldas de entrevista foi coas direccións do CNP e GC. No próximo mes serán convocados a Policía Autonómica, Servizo de Vixianza Aduaneira, Fegamp (para dinamizar o uso da lingua galegas nas policias locais que nos últimos anos é moi deficitario), e a Escola de Seguridade Pública da Xunta de Galicia onde se forman os policias locais. Hai moitos contidos do curriculum académico que revisar.
Falemos de cífras. En Galicia a Garda Civil ten 5.300 axentes; o CNP, 3.500; a Policía Autonómica 358, e as policías locais en xunto, rondan os 2.500. En total son máis de 11.000 axentes que malia seren galegofalantes, desempeñan as súas funcións profesionais en castelán. Os uniformes son para os cidadáns prendas coercitivas que actúan como como barreiras lingüísticas. Cómpre unha acción pedagóxica coordinada destas forzas policiais para que a comunicación oral e escrita sexan en galego, e que as actividades procedimentais que se remiten aos xulgados produzan contaxios lingüísticos.
Falar de policías de proximidade é falar de axentes da autoridade que se expresen no idioma maioritario de Galicia. Os conceptos de proximidade e seguridade deben levar tamén implícita a defensa do patrimonio lingüístico. Os alcaldes e alcaldesas teñen moito que dicir nesa mudanza de comportamentos para que contribúan a crear un país no que a lingua debe ser decisiva na vertebración cultural. Traballamos na escenificación dese gran acordo lingüístico que terá lugar na próxima asemblea da Irmandade Xurídica Galega no mes de xuño. Estamos convencidos de que a proposta será posible e as concreción das medidas empecen a notarse progresivamente.
Xosé González Martínez. Irmandade Xurídica Galega.





