Plataforma SOS Fonte de Troncoso denuncia “silencio administrativo” sobre o estado do Hotel Roma

Considera que a Xunta e o Concello de Mondariz Balneario ignoran as peticións da Valedora do Pobo

Mondariz Balneario | A Plataforma SOS Fonte de Troncoso denunciou que a Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario ignoran á Valedora do Pobo, quen insta a informar sobre o estado do Hotel Roma. Este edificio protexido, que se derrubou en 2017 por falta de mantemento, forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

“Segundo a lexislación vixente corresponde aos Concellos a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012, de Vivenda de Galicia”

Segundo a lexislación vixente corresponde aos Concellos a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012, de Vivenda de Galicia, así como as ordes de execución que obriguen as persoas propietarias de bens inmobles a realizaren as actuacións necesarias para dar cumprimento a este deber, de acordo co artigo 136 da Lei 2/2016, do Solo de Galicia.

Ademais, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 25:

“1.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.

2.- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento
do Patrimonio Cultural de Galicia.”

O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario recolle o Hotel Roma como ben cultural obxecto de protección. Inaugurado no ano 1907, este antigo hotel sitúase no centro da vila balnearia e o seu lamentable estado de conservación chama a atención de todos os visitantes polo seu estado de ruína.

Na publicidade do s. XX os seus propietarios promocionaban o hotel “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”

Silencio administrativo
En outubro de 2019 a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso deste ben protexido, pero non obtivemos resposta, de aí que decidíramos presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo.

“En outubro de 2019 a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso deste ben protexido, pero non obtivemos resposta”

Unha vez que estudou a nosa queixa, á que xuntamos abundante documentación complementaria, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, comunicounos o 11.01.2021 que “dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.”

Desde a súa admisión a trámite, María Dolores Galiño reiterou os requirimentos de información o 11.02.2021, o 16.03.2021 e o 28.05.2021, pero o Concello de Mondariz Balneario e a Consellería de Cultura seguen sen cumprir coa súa obriga legal de informar a SOS Fonte de Troncoso, á Valedora do Pobo e, sobre todo, á veciñanza de Mondariz Balneario.