Plataforma en Defensa Sanidade Pública Sanxenxo denuncia “inacción” por parte da Xunta

Ante a situación de sobrecarga asistencia sanitaria nesa localidade

Sanxenxo | A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo queremos facer constar públicamente a inacción por parte da Consellería de Sanidade, da Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e do propio alcalde de Sanxenxo ante a situación de sobrecarga asistencial dos Centros de Saúde e Consultorios periféricos do noso concello.

Foron varias as persoas traballadoras, tanto do Centro de Baltar como dos consultorios de Vilalonga, as que se puxeron en contacto coas distintas administracións cara solicitar reforzos nos centros do noso concello sen que houbese resposta de ningún tipo, nin mostraran un mínimo de interés cando, tal como era esperado dada a gran mobilidade que existe no concello, Sanxenxo se convertíu no epicentro de transmisión comunitaria de Covid, cun índice de casos activos que sobrepasaron os 2.300 por cada 100.000 habitantes; o que supuxo unha situación de risco tanto para traballadores como para pacientes.

No caso específico de Vilalonga, cuxa situación é coñecida pola Xerencia de Área tanto médica como de enfermaría e tamén polo Sr. Alcalde de Sanxenxo, o Sr. Telmo Martín, xa que o propio persoal do centro lle fixo entrega dunha escrita mediante rexistro de entrada na sede electrónica a principios do mes de agosto.

Onde, ademais, se lle solicitaba a súa intermediación coa Consellería de Sanidade, para a procura de recursos necesarios cara garantir a adecuada prestación de servizos tanto a persoas residentes como a foráneos.

Neste centro, a situación complicouse a partires do 16/08/2021 , data desde a que unha das enfermeiras está desfrutando das súas vacacións regulamentarias (tampouco sustituida); de forma que están traballando un médico e un enfermeiro, onde deberían estar traballando dous médicos e dúas enfermeiras.

Isto deriva en que cando o enfermeiro sae a atender os pacientes que están encamados (ulceras, controis de patoloxía crónica, etc., e programados con antelación) o centro quédase cun só médico sen ningún apoio de enfermaría, co risco que isto supón se aparece unha emerxencia que haxa que abordar, ben no propio centro ou fóra del, na que se requira a actuación conxunta de médico e enfermeiro, poñendo en risco a saúde da poboación.

Todo isto provoca un incremento do estrés laboral dado o exceso de horas traballadas, o agotamento acumulado e, por ende, o aumento de posibilidades de cometer un erro diagnóstico derivado da situación diaria de ter que levar a cabo máis traballo do habitual coa metade do persoal.

A día de hoxe, nin a responsable da Xerencia de Área nin o Sr. Alcalde de Sanxenxo tiveron sequera o detalle de atender a solicitude de reforzo, nin tampouco de pórse en contacto co persoal do Centro de Saúde de Vilalonga.