Ourense | Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, agradeceu desde o Centro de Coordinación Provincial de Ourense, onde está constituído o CECOP, todo o traballo que están realizando os numerosos efectivos que loitan contra os incendios forestais en Galicia, e chama a extremar as precaucións.
Rueda, acudiu ao centro de coordinación acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para facer desde alí o seguimento da situación dos lumes e dos medios terrestres e aéreos, e tamén da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e do resto de forzas e seguridade do Estado que se están empregando nas tarefas de control e extinción. Tamén quixo enviar un desexo de pronta recuperación para os tres bombeiros da brigada municipal de Oímbra feridos no lume rexistrado neste concello, mentres realizaban o seu traballo.
Lembrou que está declarada, desde esta mañá, a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, co obxectivo de poder actuar con maior axilidade. “Imos seguir traballando o tempo que faga falta”, afirmou, e fixo un chamamento a extremar as precaucións porque “a climatoloxía que estamos tendo non axuda nada, altas temperaturas e refachos de vento moi fortes”, advertiu.
Ademais, lamentou que “moitos dos incendios que se están producindo agora mesmo son provocados”, polo que “perseguiremos ata o final e intentaremos dar con todos aqueles que están provocando incendios coas consecuencias que estamos vendo”, concluíu
Situación dos lumes
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe mércores.
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Permanece activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 95 brigadas, 51 motobombas, 10 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Chandrexa de Queixa-Parafita
Segue tamén activo o incendio forestal do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parafita, que se iniciou ás 17.45 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 1.500 hectáreas, parte delas no limítrofe municipio de Manzaneda.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 4 técnicos, 14 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda-Santiso
Desde as 03.13 horas de onte martes está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 1.700 hectáreas, parte delas no veciño concello de Montederramo. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 25 axentes, 34 brigadas, 18 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 1.500 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei.
O lume iniciouse ás 14.39 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 8 técnicos, 16 axentes, 23 brigadas, 1 unidade técnica de apoio, 19 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas de onte martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 1.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 12 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 1 tractor, 3 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas de hoxe está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas de onte martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro
Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas.
Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 30 axentes, 53 brigadas, 37 motobombas, 6 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 23.37 horas do luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 5 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Moialde
Continúa estabilizado desde as 10.02 de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, este lume, que se iniciou ás 16.05 horas do luns, afecta arredor de 40 hectáreas e polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 8 axentes, 15 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 6 avións.
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.