“Peneirar” a nosa acción exterior.

Especial 40 anos da Peneira

Ben certo é que A Peneira naceu en 1984 como un medio de difusión principalmente enfocado nas comarcas. Pero outros eidos non lle son alleos. O mundo, tan complexo, diverso, amplo, contraditorio, tivo e ten tamén lugar nas súas páxinas e no seu salto ao mundo dixital.

Visto así, debemos lembrar que Galicia é unha “célula de universalidade no mundo” e que a acción exterior galega precisa tamén dunha reflexión, de ser “peneirada”. Así como o tempo de vida que ten este xornal, son 40 anos de acción exterior de Galicia, que coinciden practicamente coa asunción do seu estatuto de autonomía (1980) Por tanto, e como nos casos catalán e vasco, a acción exterior galega debeu concebirse dentro dese carácter de autonomía política e territorial a nivel estatal pero, se me permiten a reflexión, con resultados menos tanxibles que nos dous casos anteriormente expostos.

Para unha nación, un pobo con ánimos de expresión de independencia, de autonomía, de “ser no mundo”, a acción exterior debe ser unha sinal de identidade estratéxica, propia. Non sempre foi así no caso galego, cando menos se o comparamos con outras expresións similares como son Catalunya, Euskadi ou Quebec. Pobo emigrante que nunca deixou de emigrar, Galicia ten na súa diáspora un activo estratéxico non sempre ben aproveitado polos seus poderes públicos autonómicos e institucionais.

“Para unha nación, un pobo con ánimos de expresión de independencia, de autonomía, de ‘ser no mundo’, a acción exterior debe ser unha sinal de identidade estratéxica”

Pero Galicia tamén ten sido, nestas catro décadas, receptora de inmigración, non só dos xa coñecidos como ‘retornados’ descendentes de galegos emigrantes. O son tamén daqueles lugares das Américas, de África, de Asia, de Europa, de Eurasia e de Oriente Medio que fixeron da nosa Comunidade o seu novo fogar. E que desenvolven aquí as súas vidas, as súas linguas, as súas culturas e tradicións, as súas formas de ver o mundo.

Foron varias as expresións dende a sociedade civil (IGADI, IGESIP, SGEP, entre outros) que se concentraron estas catro décadas en reflexionar e achegar ideas e iniciativas para impulsar esa acción exterior galega, para ilustrar esas potencialidades que ten Galicia de ser un suxeito no mundo. Ideas que acompañaron os vertixinosos cambios acaecidos no sistema internacional nestas últimas décadas. Expresións que tiveron o seu peso para achegar unha visión do mundo dende Galicia.

O problema sempre foi a falta de apoio institucional, a instrumentalización destas iniciativas en políticas públicas eficientes que serviran para o desenvolvemento dunha sociedade, a galega, que non sempre comprendeu ben que é iso da acción exterior, de que “gañamos con iso”, como seguramente nalgún momento alguén comentou. A acción exterior non é nin debe ser un vehículo de calado electoral. A diáspora non ten que ser un receptor de asistencialismo moitas veces ‘electoralista’ e oportunista, tamizado moitas veces por expresións repletas de emocionalidade.

A acción exterior ten que ser unha aposta por xerar iniciativas, por establecer sinerxias de ida e volta. Non son unicamente os centros galegos, a denominada “Galicia Exterior” ou os lectorados en universidade estranxeiras. Son tamén as oportunidades que se abren nun mundo globalizado (ou quizáis cada vez máis ‘desglobalizado’ ou ‘postglobalizado’) que implique apostar por vías de cooperación, de entendemento, de desenvolvemento. E de coñecemento de que Galicia tamén existe no mundo.

‘Peneirar’ a acción exterior de Galicia é quizáis unha materia aínda pendente. E tamén, penso, unha aposta que coincide co ethos deste xornal. Noraboa á Peneira por estes corenta anos de resiliencia, de aposta polo seu, de iniciativas tan importantes como necesaria é reflexión de cal é o lugar de Galicia no mundo e de que sentido ten a súa acción exterior.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.