Pedroooooooo!

Los Ángeles, ano 2000. Quedou gravado na memoria colectiva do cinema o berro de Penélope Cruz ao abrir o sobre no que aparecía unha tarxeta cun nome: Almodóvar.

A película: Todo sobre mi madre.
O berro: Pedrooooooooo!

Gustoume tanto o filme que, ao saír do cine, pedinlle ao encargado se podía gardarme o cartel. Aquel que logo penduraría na miña habitación cor rosa no Reino Unido. Reserveino porque ese retrato lembroume Antonia San Juan (Agrado no filme) a que fora camioneira en París antes de poñerse tetas e que logo deixou o camión para facerse puta.

Curiosamente, recordei máis ese Pedroooo! interminable ca o propio filme. Aquela explosión de felicidade, esa vogal prolongada que atravesou a tectónica de placas dende o fondo do Pacífico. Podería ter ido polo camiño curto, pero escolleu o longo: cruzou Asia, atrasou a súa chegada ata 2017 e entrou na Península polo Guadalquivir. Chegou a Dos Hermanas, onde o esperaba un Peugeot 407. E os seus ecos seguen resoando ata hoxe.

Nos momentos de trincheira e barricada, que o berro de Penélope funcione como escudo, como tapia que impida a saída da escura caverna da indignidade, da falsidade, dos sementadores de odio, dos hipócritas, mentireiros e amorais que nunca faltan a unha procesión.

“Nos momentos de trincheira e barricada, que o berro de Penélope funcione como escudo, como tapia que impida a saída da escura caverna da indignidade”

Mentres, que tomen como exemplo a Penélope de Ítaca, símbolo da paciencia. E tamén da astucia e a intelixencia, aínda que estas últimas non mariden ben co eles. Que o berro de Penélope sirva para seguir parando as bestas.

As mesmas bestas que aseguran que ETA vai asaltar o País Vasco e Navarra.
Que din que os 7.291 anciáns das residencias ían morrer igual.
Que que culpan a Sánchez da desgraza da DANA.
Que amasan cartos durante unha pandemia.
Que queren cavar fosas para enterrar ao goberno.

Os que alí onde xestionan, arden os montes, os mares tínguense de negro e a xente afógase. Pero cando máis apestan é cando se lavan as mans e, sen o máis mínimo rubor, botan a culpa aos demais. Non lles importa facer dano á xente íntegra con tal de escorrer o bulto. Niso, hai que recoñecelo, son superdotados.

O arte da mentira: mentir con seriedade, con aplomo, sen pestanexar, mirando á cámara, con solemnidade e rictus impertérrito.
ETA matou máis de duascentas persoas en Atocha.
A culpa dos 7.291 mortos é de Pablo Iglesias.
Os que non tiveron reparo en entregarlle mesturados os restos dos militares do YAK-42 ás súas familias.
Os que se relacionan con narcotraficantes.
Os que se pasean en Maserati e mercan áticos con cartos obtidos vendendo máscaras a xente aterrorizada porque pensaba que ía morrer.

Os que subornan a policías para fabricar delitos inexistentes: que Podemos se financiaba con cocaína, con cartos de Maduro.
Os do non:
non ao divorcio,
non ao aborto,
non ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo,
non á eutanasia,
non á condena do franquismo.
E os do si:
si a Altri,
si á celulosa,
si a Audasa,
si a arrastrar vellos ata as urnas.

Pois si, Pedro!. A día de hoxe non hai outra opción que non pase por ti á fronte do executivo español, aínda que ás veces haxa que poñerse pinzas no nariz.

Se todos eles se deixasen macerar nunha cuba, o residuo máis depurado sería unha figura á maneira de Tony Cantó: aquel travestí en Todo sobre mi madre, do que a súa exmuller dicía que reunía o peor dun home e o peor dunha muller. Unha imaxe exacta do travestismo ético, político e moral.

Non só Os Simpson adiviñan o futuro.
Almodóvar tamén.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.