Pedro Sánchez na XII Festa Socialista de Galicia

Pediu "abrir unha nova etapa de cambio"

Oroso/PSdeG-PSOE | O presidente do goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ratificou hoxe o seu apoio para impulsar o cambio de goberno en Galicia. Sánchez interveu na XII Festa Socialista de Galicia xunto co secretario xeral do PSdeG, Valentín Gónzalez Formoso e a presidenta do partido, Carmela Silva, diante de máis de 2.500 militantes reunidos en Oroso.

Sánchez subliñou o apoio do PSOE para “darnos o gusto de rematar co goberno do PP e abrir unha nova época de cambio e avance en Galicia” grazas ao PSdeG e “mal que lle pese á dereita”. Sinalou que a de Galicia será a segunda etapa do horizonte político que se abre en setembro e que comezará coa consolidación do goberno progresista en España.

O responsable socialista cargou hoxe contra o “dislate” de Feijóo e a manifestación contra o futuro goberno progresista convocada “por indicación de Aznar” e mesmo antes de que se celebre a súa propia” investidura. Lamentou que o candidato do PP “non se presenta para ser xefe do Goberno, senón para ser xefe da oposición”, o que será, dixo, unha “magnifica noticia para España”.

Criticou a súa designación como candidato dera paso a unha “descomunal perda de tempo da investidura de Feijóo e da súa mentira”. Sinalou neste sentido que “España non se rompe: España bosteza”, e reclamou “tarxeta vermella por perda deliberada de tempo dun candidato do PP que, dixo, “pensabamos que daba para máis”.

Censurou os bandazos do ex presidente da Xunta, que despois de ser designado pasou de pactar con Vox a intentar o acordo co PNV e ata co propio PSOE para derrogar o sanchismo. Amosou a súa sorpresa logo de confirmar que “despois de criticar que falemos con Junts descubrimos que eles mesmos estiveran falando con Junts ás agochadas”.

En definitiva, avogou por que Feijóo pase á oposición, o que permitirá un goberno “que siga catro anos máis subindo as pensións e o SMI, que continúe dignificando aos traballadores e traballadoras, que estea comprometido co feminismo e coa emerxencia climática e que garanta o avance dos dereitos e liberdades”.

Apoio pechado
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interveu en nome dos socialistas galegos para ratificar o apoio pechado ao candidato socialista, a quen lle dixo que “fai o que teñas que facer” para reeditar o goberno progresista. Fixo unha chamada a apostar por “dialogar e construír”, polo que recordou que “a xente votou que quere diálogo, non confrontación”.

O tamén alcalde de As Pontes subliñou que a pesares de que “todos os poderosos buscaban que Pedro -Sánchez- non gobernara, a xente ten voz propia” e entende que “o espírito da transición é perdoar, é sentarse co que pensa diferente para deseñar un país mellor”.

“Se fora polos mesmos que din que se rompe España, Zapatero non tería rematado co terrorismo coa súa valentía”, apuntou Formoso, para engadir que son as actuais xeracións de políticos os que teñen “a obriga de escribir as novas páxinas na historia, non podemos vivir do pasado”. Polo que sinalou que “todos e cada un dos de nós somos felipistas, zapateristas e pedristas, pero sobre todo somo socialistas, por iso fai o que teñas que facer en nome deste país, desta sociedade que ten toda a esperanza posta en ti”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, deu a benvida a toda a militancia socialista, así como a un Pedro Sánchez ao que agradeceu especialmente o seu impulso a que se empregue o galego de xeito oficial nas Cortes Xerais e no Parlamento Europeo. Formoso definiu a Galicia como “un país con identidade propia, con cultura propia e cun símbolo que é a lingua galega”. Así mesmo, advertiu a Rueda de que “a historia o vai a xulgar” por frear o impulso do galego.

O líder dos socialistas galegos reivindicou a importancia desta celebración que se realiza por duodécima vez, na que se reúne a militancia de toda Galicia nun evento “imprescindible para mandar unha sinal de esperanza á sociedade galega”. Xa que remarcou que “precisamos vernos, estar unidos ante unha dereita que quere acabar cos avances”.

Unha dereita do PP que ve asimilada coa extrema dereita en Galicia. Para Formoso, o principal obxectivo dos populares galegos é evitar que entre Vox na comunidade autónoma, o que lles leva a ter o mesmo discurso ca eles. Por elo, o mandatario socialista lembrou que “no goberno de Galicia hai xente que nega a violencia de xénero, o cambio climático” e que poñían en dúbida as vacinas contra a covid, “hai xente no goberno de Galicia de extrema dereita”, apuntou.

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, comezou a súa intervención reprochando “un tal Feijóo” que coincidiu en Galicia durante a xornada do domingo, ao que reprochou que “teñen a desvergonza de gobernar con Vox, que negan a liberdade das mulleres e a existencia da violencia contra elas”.

Silva agradeceu tamén a Pedro Sánchez o seu traballo á fronte do goberno, “ninguén fixo tanto por Vigo, Lugo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense, Meis, Silleda, nunca ninguén fixo tanto por Galicia”. “Que orgullo ser socialista, ter escrito as mellor páxinas da historia de Galicia e de España que imos seguir escribindo”, apuntou a socialista.

Aprobación parlamentaria para o CHUS
A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa socialista para emprazar á Xunta o reforzo dos recursos na área de oncoloxía pediátrica do CHUS. O portavoz de Sanidade, Julio Torrado, presentou esta iniciativa que foi aprobada logo de ser transaccionada cunha proposta do BNG e unha emenda do PP.

Torrado emprazou á Xunta a dotar á area de oncoloxía pediátrica do centro dunha maior capacidade auto-organizativa que permita aos profesionais ter máis autonomía e capacidade de acción.

O representante socialista apuntou que nos últimos tempos esta área foi perdendo capacidade de funcionamento debido a que o diagnóstico de patoloxías de oncoloxía pediátrica ven aumentando e que os facultativos que atenden esta unidade no CHUS son 2, cando apenas poucos anos atrás eran 5, o que reduce a súa capacidade de acción e tamén provoca problemas de saturación e dificultade para organizar o propio funcionamento da atención.

Polo tanto, o deputado instou ao goberno galego a cubrir coa máxima axilidade as vacantes que se poidan xerar por xubilacións ou traslados a través de contratacións co máximo nivel de estabilidade posible.

Insistiu na importancia de recoñecer a labor que están a facer os profesionais de oncoloxía pediátrica de Galicia, e a necesidade de reforzar a súa estrutura e capacidade organizativa dentro do conxunto do funcionamento dos centros sanitarios dos que forman parte, contribuíndo así á mellora dun funcionamento “integral, homoxéneo e coordinado” da Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia.

Engadiu que algúns problemas de funcionamento e organización do servizo teñen que ver coa dificultade para ter posibilidades de formación específica por parte do persoal, que desenvolve esta labor por iniciativa propia, a custe propio e auto-organizándose para manterse en constante actualización o que, ao fin, repercute nunha maior e mellor asistencia sanitaria a pacientes e familias.

O portavoz de Sanidade destacou que a falta de maior volume de persoal afecta tamén a outras labores como a perda de capacidade investigadora, que agora é imposible por parte do persoal propio do servizo pola dedicación absoluta ás labores asistenciais. “A situación do conxunto de oncoloxía pediátrica neste centro podería optimizarse no caso de poder mellorar en autonomía e entidade dentro da estrutura organizativa do centro”, concluíu.

O responsable socialista lembrou que no 2019 a Consellería de Sanidade comprometeuse a dotar a xefatura de oncoloxía de autonomía suficiente respecto aos outros servizos, ademais dun despacho directo neste departamento da Xunta e un plan de formación continuado para traballadores. Sen embargo, salientou, as familias e profesionais deste plano asistencial alertan do seu incumprimento.