Pedro Sánchez e a OTAN.

A crise ucraína está igualmente repercutindo na política española, en particular dentro do goberno de coalición PSOE-UP. Pódese dicir que, tras bambalinas, Ucraína ingresou de súpeto na política española. A isto debe engadirse un factor igualmente clave: entre o 29 e 30 de xuño de 2022, Madrid celebrará o Cumio da OTAN.

Coa tensión militar en Ucraína in crescendo, Pedro Sánchez tentou abrir unha xanela para “agradar” a Biden afirmando a súa pretensión de converterse en “socio preferente” para a OTAN nesta crise con Rusia. Esa actitude de agradar como sexa a Biden semella obsesiva, tanto como o fora a de Aznar con Bush por Iraq en 2003. Sánchez enviou ao Mar Negro á fragata Blas de Lezo e o cazaminas Meteoro, toda vez barallou a posibilidade de enviar caza bombarderos a Bulgaria.

Nos despachos do Ministerio de Exteriores español interpretan que a aposta de Sánchez pola OTAN pretende que Washington apoie as demandas españolas en crises mediterráneas como a que ten permanentemente con Marrocos. En perspectiva: hoxe Ucraína, mañá Marrocos.

“A aposta “OTANista” de Sánchez contrasta coa férrea oposición do seu socio Unidas Podemos, agora co retorno de Pablo Iglesias á escea mediática resucitando o famoso ‘Non á guerra”

A aposta “OTANista” de Sánchez contrasta coa férrea oposición do seu socio Unidas Podemos, agora co retorno de Pablo Iglesias á escea mediática resucitando o famoso “Non á guerra” utilizado en 2003 pola oposición (entón liderada polo socialista Zapatero) contra o goberno de Aznar polo seu apoio á guerra en Iraq.

O malestar en UP e o silencio da vicepresidenta Yolanda Díaz polo apoio de Sánchez á OTAN corre paralelo coas expectativas (incertas) de posible erosión da coalición na Moncloa, toda vez o calendario electoral está á volta da esquina cando o vindeiro 13 de febreiro haberá comicios autonómicos en Castela e León.

Pola súa banda, o líder do PP, Pablo Casado, fixo fronte común con Sánchez a favor da OTAN. Incluso esixiu a VOX que “aclarara a súa posición” sobre a crise ucraína, instando a que se sumara á Alianza Atlántica. Entre liñas, a esixencia de Casado cara VOX ten máis pretensións electoralistas (eleccións en Castela e León e Andalucía; presión por adianto de eleccións xerais) que de carácter de seguridade europea.

VOX mantén unha posición ambigüa. Esixiu a Sánchez que o tema ucraíno fora discutido a nivel parlamentario antes de dar ese paso unilateral de envío de fragatas. Non obstante, o seu líder Santiago Abascal sempre observou a Putin a un referente. Toda vez, mentres subían os decibelios pola crise ucraína, VOX celebrou en Madrid un cumio “conservador” agrupando a coñecidos aliados de Putin como o húngaro Viktor Orban, con outros detractores como o polaco Mateusz Morawiecki. O cumio acordou unha “fronte común europea” moi crítica con Bruxelas pero tamén acusatoria contra Moscova neste crise ucraína. A posición de VOX deslízase así sen claridade.

“Agora ben, fixo ben Sánchez en apoiar á OTAN? Quizáis houbera sido mais acadado manter un grao de neutralidade”

Agora ben, fixo ben Sánchez en apoiar á OTAN? Quizáis houbera sido mais acadado manter un grao de neutralidade. A política exterior española non ten especial incidencia no conflito ucraíno, pero o post-conflito pode ser traumático para as relacións ruso-españolas se finalmente Putin logra reducir a tensión e selar algún tipo de acordo, cousa altamente probable. O Kremlin seguramente tomará nota da posición española e especialmente do envío da fragata Blas de Lezo ao Mar Negro.

En clara contraposición coa actitude de Sánchez, a neutralidade predominou no eixe franco-alemá dentro da UE á hora de apostar por abrir canais diplomáticos de negociación con Putin, negándose a suscribir integramente os designios xeopolíticos da OTAN en Ucraína. París e Berlín saben que o de Ucraína é moito mais complexo do que os medios e os políticos explican, e que o mesmo denota dependencias enerxéticas con Rusia, provedor de case o 40% do consumo de gas natural europeo.

Quizáis Sánchez debeu antes consultar cos seus socios europeos Macron e Schölz á hora de trazar unha especie de “política común europea” en Ucraína, nunha UE cada vez máis irrelevante na política global. Debe destacarse que Macron e Schölz tentan precisamente reivindicar o papel da UE neste conflito nas súas fronteiras, e non deseñar unha arquitectura de seguridade monopolizada pola OTAN dende Washington. Apostan por “apaciguar” a Putin, pero con resultados incertos precisamente polo imprevisible que é o líder ruso.

Tampouco deixa de ser relevante que UP resucitara un “Non á Guerra” que levemente lembra ecos pasados. Busca así retomar a iniciativa política nun momento en que as enquisas non lle son exactamente favorables. pero axitar a rúa neste mundo da post-pandemia ten efectos políticos relativso.

UP sabe que as mobilizacións que entón se fixeron en 2003 por Iraq non se farán agora por Ucraína. Pero tenta recuperar protagonismo, cando menos mediaticamente. E Pedro Sánchez interpreta que o de Ucraína é un apéndice de éxito (tamén relativo) de cara ao seu cumio da OTAN en Madrid. Con Ucraína no foco, habemus ruptura de facto na coalición da Moncloa?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.