Paz, xustiza e liberdade.

Os tiranos queren escravo/as necesitan da escravitude e son inimigos da paz, da xustiza e da liberdade. Todos están por riba da lei e non responden dos seus actos ante a xustiza. Arrodéanse de aduladores e reprimen as críticas. Unha boa oración para rezar nas cerimonias relixiosas de Galiza sería esta: “Líbranos, Señor da opresión española. Protéxenos da súa cobiza, do seu odio e da súa ruindade. Axúdanos, ilumina o noso camiño e danos forza para resistir. Amén”. O misterio da vida segue a ser un misterio.

E ese misterio, ese principio vital, esa consciencia cósmica é a que eu chamo Deus. Sede xustos, sede bos pero non lle vendades vosa alma galega aos españois. E rezade, rezade para que iso non vos acarree consecuencias irreparábeis a vós e ás vosas familias… Os bos españolistas como Zapatero queren a paz e pagan un prezo por isto, pero para ser xustos hai que defender a soberanía e liberdade das nacións oprimidas polo Estado español (e de Galiza en especial). Pois sen soberanía e liberdade para estas nacións non hai xustiza territorial posíbel; porque sempre deciden en Madrid sobre nós á súa comenencia.

“O nacionalismo galego loita, xeralmente, sen excesos; porén sempre mantén a man tendida a un acordo xusto”

O nacionalismo galego loita, xeralmente, sen excesos; porén sempre mantén a man tendida a un acordo xusto, a un compromiso que preserve a paz. Esperanza até agora, xeralmente, inútil. Pois marxinan ou perseguen o noso idioma. Terxiversan a nosa Historia, menten, falsifican. Case nunca xogan limpo e queren silenciarnos ou borrarnos do mapa. Están destruíndo Galiza, privándonos do nosos dereitos.

Os portugueses, que se independizaron dúas veces da opresión española, teñen un dito moi bo: “De Espanha nem bom vento nem bom casamento”. E agora que me acusen de delito de odio… En canto á xustiza social, direi que os Borbóns defenden os intereses das oligarquías corruptas; polo que hai que escoller: ou Borbóns ou xustiza social. Ou Borbóns ou Galiza. Ou Borbóns ou democracia real. A paz non é ausencia de conflito; é xestionar o conflito en paz. Algo moi difícil se vence o PP e VOX, pois son o bando da guerra español.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.