O patrimonio da auga no Carballiño.

Cando falamos da comarca de O Carballiño, aparte de referírmonos ó concello que porta ese nome, incluímos a Beariz, Boborás, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Situada na provincia de Ourense, presenta un espazo privilexiado sobre a visualización do patrimonio cultural, dado os legados que se conservan por parte da súa sociedade. Ó falarmos da materialidade do patrimonio cultural, atopámonos cunha gran relevancia de moitas infraestruturas antigas, como o Mosteiro de Oseira que data do S. XII, a ponte medieval de Mandrás ou máis actuais como o templo ou igrexa da Vera Cruz, do arquitecto galego Antonio Palacios. Destaca tamén o Parque Etnográfico do Arenteiro onde, ademais de gozar do sendeirismo, se observan muíños recuperados. Tampouco nos debemos esquecer da torre do Reloxo, os pazos señoriais de Pazos de Arenteiro e dun dos castros máis importantes do territorio galego: o Castro de San Cibrao de Las. Habitado dende o S. II a.c., non so presenta grandes achados que o público pode contemplar. Dentro do maxín popular garda tamén unha rica tradición oral na que historias sobre mouros, pasadizos con trabes ou a existencia dunha serpe, están presentes nas fantasías de diversas narracións orais que trascorreron de boca en boca durante anos.

Ó longo do territorio galego, dende a antigüidade e aínda no presente desta comarca, preséntasenos a auga como posuínte de propiedades e poderes. Chama especialmente a atención, a cantidade de historias que circulan sobre ela, crenzas, supersticións ou capacidades veraces que rodean ás augas, ás fontes e ó termalismo. Características das que os romanos, deixaron a súa impronta ó longo do noso espazo xeográfico, crentes das propiedades mineromedicinais das augas, como canle para conseguir a curación ou como terapia contra males.

Preséntasenos desta forma a importancia da auga do balneario do Carballiño, boas para infeccións instestinais, gorxa… unha vez inxestada. O de Caldas de Partovia para tratamento de pel, reuma ou outros problemas de ósos. A fonte de Brués para trastornos dixestivos, pel e reumatismo. Incluso dende a tradición oral da que circulan moitos contos, lendas e mitos, móstrasenos como milagreira e curadora como é así a de Bañiño de Arcos, coñecida a raíz da máis que popular lenda do cazador e o can.

Noutras historias, aparecen tamén diversos personaxes mitolóxicos que gardan relación coas augas, como son: A Loureiriña de Beariz; en Cabanelas a aparición das lavandeiras a un veciño que con posteridade presentaba síntomas de fatiga de tanto axudarlle a lavala a roupa, liberándose desa carga grazas ó consello e intervención do sacerdote; os mouros coa construción e derrubo, ata que intervén o catolicismo, da Ponte de Ponteboa…

Nelas, é notable a presenza da relixión, que non só deixa a súa impronta nestas historias como liberadora do mal. Existen outras narracións como a de San Martiño do Lago ou a da Fonte de San Fagundo, da que é o elemento central e se observa a creación de auga por parte diviña. Desta forma, ante unha seca de auga, Fagundo por mor a chegar tarde el e mailo seu irmán a ouvir misa, implorou a Deus que brotase auga dun penedo para que bebesen seus bois; unha vez creados, nunca se secaron eses regos.