“Pasamos dunha Deputación con política do muro a unha de tender pontes”

Luís López Diéguez | Presidente da Deputación de Pontevedra

Alcalde de Rodeiro (2011-2023), presidente da Mancomunidade do Deza (2011-2019), Delegado da Xunta en Pontevedra (2021), deputado provincial e actualmente presidente do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Luís López Diéguez (Rodeiro, 1978), tamén popularmente coñecido como “o lugués”, asumiu en 2023 a presidencia da Deputación de Pontevedra tras oito anos de goberno bipartito PSdeG-BNG. Nesta entrevista fai balance da súa xestión xusto cando cumpre a metade do seu mandato.

Chega ao ecuador do seu mandato. Que balance pode ofrecernos nestes dous anos ao fronte da Deputación?
Por citar só algunhas cifras, investimos máis de 235M€ nun milleiro de obras para os Concellos, apoiamos a 800 colectivos da provincia (asociacións, colectivos veciñais….) que estaban completamente esquecidos polo bipartito; situamos Pontevedra como provincia do deporte con máis de 36M€ de investimento para acometer 215 renovacións de infraestruturas municipais e incrementamos un 50% o apoio a deportistas, ademais de completar a renovación de Balaídos; en turismo redefinimos o destino Rías Baixas para levalo a interior con campañas premiadas mundialmente, aliámonos coa cultura coa compra do Teatro Cine Fraga de Vigo en colaboración coa Xunta, recuperando a Bienal de Arte de Pontevedra tras 15 anos de ausencia e levando por primeira vez na historia a Gala dos premios Mestre Mateo ao rural, a Lalín.

“Situamos a Pontevedra como a provincia do deporte”

Tamén, desenvolvemos un proxecto que ademais de cambiar o fondo, cambiou as formas. Pasamos dunha Deputación do bipartito que era política do muro a unha Deputación de tender pontes. Todos os alcaldes foron recibidos no Pazo provincial, regresamos ao Parlamento de Galicia, colaboramos coa FEMP… A ninguén, colectivo ou persoa individual se lle pecha a porta nesta casa.

Resultou complicado o cambio na Deputación tras oito anos de goberno de Carmela Silva?
Todo o contrario. Na provincia había un clamor, en todos os estamentos da sociedade había un cansazo dese xeito de gobernar marcado polo sectarismo e a crispación. Era moi necesario un cambio de rumbo, agora as portas da Deputación están abertas para todo o mundo e a Deputación está máis presente ca nunca. Estamos na rúa, en todos os Concellos, escoitando a todos os colectivos, entendéndoos para despois atendelos.

“Nunca antes a Deputación fóra unha presenza tan activa, constante e familiar como con este goberno”

Como mostra, en dous anos celebramos 4.530 actos (un 83% máis que o bipartito no mesmo período), 1.200 dos cales foron presididos por min; realizamos 395 visitas a Concellos e convocamos 222 conferencias de prensa. Nunca antes a Deputación fóra unha presenza tan activa, constante e familiar como con este goberno.

En decembro pasado anunciou o “orzamento máis grande na historia da Deputación”, con 209M€. O estado das contas sempre foron “miradas con lupa” dende a oposición. Que nos pode comentar sobre a saúde financeira da entidade provincial e cales son as prioridades de gasto?
Malia que ao chegar en xullo de 2023 fixemos un esforzo xestor importante porque atopámonos co orzamento practicamente liquidado, a Deputación cumpre con todas as súas obrigas orzamentarias e de control de gasto sen deixar de bater récords en investimentos municipalistas e axuda aos colectivos. Con todo, seguiremos vixiantes para que o Goberno central deixe de penalizar ás administracións que fan os deberes e nos permita poder investir os aforros.

O programa +Provincia, ten similitudes co seu antecesor, Plan Concellos. É unha continuidade ou estamos ante unha iniciativa máis ambiciosa?
O Plan +Provincia é o Plan de Obras e Servizos que teñen todas as Deputacións, xa existía antes do Plan Concellos. Despois, cada goberno ten o seu proxecto e non todos os plans son iguais. Hai moitas diferenzas entre o +Provincia e o Plan Concellos. O primeiro é o orzamento: o +Provincia é o plan de obras e servizos máis alto de historia desta Deputación con 48,2M€. Uns recursos que se reparten de acordo a uns criterios obxectivos que por primeira vez ten en conta o reto demográfico para favorecer aqueles Concellos con poboación máis envellecida, máis dispersa ou que máis habitantes perderon.

“O noso Plan +Provincia non ten as cláusulas ‘Anti-Xunta’ que figuraban en anteriores plans”

Outro aspecto característico que incorporamos este ano é a posibilidade de realizar investimentos plurianuais, o que lle confire máis flexibilidade e planificación aos Concellos. E, finalmente, unha cuestión fundamental: o plan +Provincia non ten as cláusulas “Anti-Xunta” que figuraban en anteriores plans do bipartito. Antes, se un Concello conseguía unha subvención doutra administración, automaticamente se lle reducía a achega da Deputación. Agora todo o contrario, animamos e incentivamos aos Concellos a buscar máis financiamento noutras institucións.

O turismo e a visibilidade do patrimonio están entre os sinais de identidade da súa xestión. Que novos proxectos se agardan proximamente para a promoción provincial?
Hai en marcha unha nova estratexia para a promoción do turismo na provincia: a Estratexia Turismo Rías Baixas 61, un plan que busca a promoción dos atractivos turísticos dos 61 Concellos da provincia. Unha folla de ruta coa que estamos a consolidar un modelo de turismo sustentable que fuxe de masificacións e que promove a desestacionalización e descentralización das visitas ao longo de todo o ano e en todos os recunchos da provincia.

“A Estratexia Turismo Rías Baixas 61 é unha folla de ruta coa que estamos a consolidar un modelo de turismo sustentable”

Recursos como as distintas variantes do Camiño de Santiago, a ruta da camelia, o enoturismo ou a organización de toda clase de eventos deportivos e culturais son o camiño a seguir e unha fórmula que está a demostrar o seu éxito porque cada mes o destino Rías Baixas bate récords de visitantes, capta un maior turismo internacional e segue a acaparar titulares e premios en todo o mundo.

Cando asumiu o seu mandato prometeu unha maior difusión do galego dentro da administración provincial. Como está avanzando neste aspecto?
Eu son galegofalante en todas as facetas da miña vida e tamén, por suposto, no exercicio das miñas funcións como presidente da Deputación de Pontevedra. Ademais, tomei a decisión de que o Servizo de Normalización Lingüística desta Administración forme parte, desde que tomamos posesión de goberno, das miñas competencias específicas como Presidente. Ao longo destes dous anos non só empregamos a lingua galega como idioma vehicular en todas as nosas accións, senón que fomentamos a promoción do galego con máis axudas e máis recursos para promover as publicacións en galego.

“Eu son galegofalante en todas as facetas da miña vida. Dende a Deputación fomentamos a promoción do galego con máis axudas e máis recursos”

Sen ir máis lonxe, no pasado mes de xullo, aprobamos as axudas para que entidades sen ánimo de lucro editen obras en galego cun importe total de 100.000€, unha suba de 10.000€ con respecto ao ano 2024, no que tamén subimos o orzamento con respecto ao ano anterior. Pero temos máis: puxemos en marcha unha xira de contacontos en galego centrada na poesía popular das cantareiras con motivo do Día das Letras Galegas; convocamos o primeiro certame dos Premios Castelao para promover a creación de obras teatrais en galego; colaboramos con 150.000€ para a normalización do galego en 41 Concellos da provincia e moitas outras iniciativas para seguir poñendo en valor a nosa lingua e animando a toda a veciñanza a falar en galego.

Nos últimos anos estamos observando a nivel estatal un debate sobre a utilidade política e administrativa das Deputacións; incluso algúns defenden a súa supresión. Como analiza este debate? Cre que pode ter incidencia no futuro?
Como municipalista convencido que son, ex Alcalde dun Concello pequeno e presidente da Deputación de Pontevedra son un firme defensor da utilidade e do necesarias que son as Deputacións. Cos problemas de financiamento e de falta de medios técnicos e humanos que teñen moitos Concellos, coa dispersión de poboación que teñen provincias coma a de Pontevedra e cos miles de quilómetros de estradas que vertebran o noso territorio, o labor da Deputación de Pontevedra, como unha administración que presta unha valiosísima asistencia aos Concellos, que promove a igualdade entre territorios, que impulsa proxectos para modernizar infraestruturas e servizos e que destina ducias de millóns de euros a manter a seguridade nas estradas e a potenciar a conexión entre vilas, está máis que xustificada. Somos coherentes: defendemos as Deputacións porque acreditamos que teñen utilidade. Outros partidos piden a súa desaparición agás cando teñen que cobrar delas ou gobernalas.

Con Vde. ao fronte, o PP recuperou o control político na provincia de Pontevedra, toda vez mantén a súa hexemonía na Xunta de Galicia. Pensando de cara ás eleccións municipais 2027 e autonómicas 2028, observa con optimismo a continuidade destes bos resultados?
Independentemente do escenario electoral, o Partido Popular de Pontevedra nunca deixa de traballar polo benestar da veciñanza. Por suposto, o PP sae a gañar as eleccións nos 61 Concellos da provincia pero non pensamos nos resultados, senón en traballar a diario, que é o que estamos a facer. Somos o único partido con representación en todos os partidos xudiciais da provincia. E iso danos unha foto fixa e en tempo real de todo o que pasa na nosa provincia. Pero nunca se pode dar nada por feito. Teño visto tanto derrotas como vitorias que non se esperaban.

“O PP é o único partido con representación en todos os partidos xudiciais da provincia”

Tras ser Alcalde de Rodeiro e agora presidente da Deputación, ten outras aspiracións políticas futuras?
Eu débome á veciñanza da provincia e ao meu partido. Non penso noutra cousa.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.