Pasado e presente no coñecemento das primeiras ocupacións humanas de Galicia

O Instituto de Estudos Miñoráns organiou o pasado venres 30 de xuño o faladoiro "Pasado e presente no coñecemento das primeiras ocupacións humanas de Galicia" por Eduardo Méndez Quintas, arqueólogo e doutor en Evolución Humana e membro do IEM

primeiras ocupacións humanas da Galiza

Gondomar | O coñecemento sobre o “cando” e o “como” da orixe do poboamento humano do que hoxe coñecemos como Galicia sufriu un forte retraso na investigación con respecto a outros períodos da nosa Prehistoria. É máis as escasas nocións que se tiñan sobre este período esbozaban unha imaxe de atraso e de conservadorismo anacrónico, que sustentaban o a decimonónica idea do “atraso secular e Galicia”.

Na actualidade as investigacións desenvoltas en diferentes puntos de Galicia, nomeadamente na bacía do rio Miño permite ter unha idea totalmente diferente desta época.Estes traballos permítennos falar do intre no que os primeiros grupos humanos establécense na rexión fai algo máis de 300.000 anos. As mostras das actividades destes primeiros galegos as podemos observar en xacementos tan representativos como as Gándaras de Budiño, O Cabrón ou Porto Maior. En Porto Maior temos as primeiras mostras seguras de presenza humana en Galicia, datadas en cerca de 300.000 anos.

Tamén atopamos un escenario de ocupación, caracterizado por unha grande acumulación de útiles, a cal non atopa paralelo estrito en todo o continente europeo. Gándaras de Budiño e O Cabrón nos falan dos últimos grupos que empregan unha forma de traballar a pedra que chegou de África miles de anos antes. Os humanos que habitaban estes dous xacementos son dos últimos exemplos das xentes que usaban esta tecnoloxía e xa son coetáneos doutra especia humana diferente, os neandertais.Todos este datos falan de que Galicia non era unha área marxinada e residual dentro do desenvolvemento do poboamento paleolítico de Europa. En cambio nos indica que era unha área dinámica e que funcionaría como zona de tránsito dentro dos grandes movementos de poboación dende o Sur da Península ao resto de Europa. É máis algúns dos datos obtidos fan do Paleolítico galego un compoñente fundamental para entender o proceso de evolución e cambio cultural durante boa parte do Paleolítico europeo.

Eduardo Méndez Quintas (Nigrán, 1982). Arqueólogo e doutor en Evolución Humana. Centra as súas investigacións no campo da Prehistoria antiga da península Ibérica, nomeadamente no estudo das primeiras ocupacións humanas con tecnoloxía achelense. A súa tese de doutoramento “Caracterización y variabilidad tecnomorfológica de las industrias achelenses de la cuenca baja del río Miño” centrouse no estudo do poboamento humanos con esta tecnoloxía lítica na bacía do río Miño. Participou na escavación dos principais xacementos desta cronoloxía a escala peninsular: Ambrona e Torralba (Soria), Cuesta de la Bajada (Teruel), Atapuerca (Burgos), Puente Pino (Toledo), Pinilla del Valle (Madrid)… En Galicia e Portugal desenvolve traballos de escavación nos xacementos paleolíticos de O Cabrón (Arbo), Porto Maior (As Neves), As Pedreiras (Monção) e As Veigas (Melgaço). Na actualidade forma parte do equipo de investigación do proxecto internacional Minho-Miño: Estudo das ocupações plistocenicas da cunca baixa do río Minho
e recentemente do TOPPP: The Olduvai Paleoanthropology and Paleoecology Project. Asemade forma parta da xunta de goberno do Instituto de Estudos Miñoráns, do Clube Espeleolóxico Maúxo e da asociación “ El Hombre y el Medio”.

Fóra da investigación do Paleolítico dirixiu diferentes traballos arqueolóxicos en xacementos de cronoloxía castrexa e romana e participou nas escavación de foxas da Guerra Civil en diferentes puntos de Galicia (O Rosal, Baiona e Vilarmaior). Tamén participou nos traballos de musealización e estudo das estación de arte rupestre de Outeiro dos Lameiros (Baiona) e na sinalización dalgúns dos principais fitos patrimoniais do concello de Nigrán. Asemade desenvolve traballos de didáctica da arqueoloxía no Museo do Mar de Galicia e no Museo “Quiñones de León” de Vigo, así como na exposición “Emporium. 1000 anos de comercio en Vigo”. Asesorou ou desenvolveu labores de comisariado en exposición como “Gallaecia Petrea”, “Galicia Mare Nostrum” ou na exposición permanente de arqueoloxía do Museo de Pontevedra.

Autor/editor de varias monografías, ten artigos publicados nalgunhas das revistas máis importantes de Prehistoria e Arqueoloxía a nivel nacional e internacional, tales como Complutum, Zephyrus, Quaternary International ou en revistas rexionais como Gallaecia ou o Boletín da Real Academia Galega… facendo tamén de revisor dalgunha delas. Así mesmo participou en diferentes congresos nacionais e internacionais, como os Congresos de Cuaternario Ibérico, Xornadas de Quaternario Portugués, Congreso Ibérico de Arqueometría, European acheuleans: Northern vs Sourthern Europe: Hominins, technical behaviour chronological and environment context.