Parlamento galego aproba proposta socialista de protección xudicial dos menores

A través da creación das "Salas Gesell" nos xulgados das cidades galegas
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro.

Santiago de Compostela/PSdeG | O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposta socialista para crear salas Gesell nos xulgados das 7 cidades galegas “para garantir a protección dos menores” ante procesos xudiciais. Fíxoo na Comisión de Xustiza da Cámara galega, logo de que os tres grupos parlamentarios votasen a favor dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.

“Ninguén pode entender que sexa axeitado nin moralmente defendible que unha nena ou neno teña que relatar nun xuízo unha agresión sexual separado só por un biombo do seu agresor”

“Ninguén pode entender que sexa axeitado nin moralmente defendible que unha nena ou neno teña que relatar nun xuízo unha agresión sexual separado só por un biombo do seu agresor”, reivindicou a vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, quen incidiu en que non é só unha cuestión de “medo, vergoña ou dor”, senón tamén “por como isto pode condicionar o seu relato”.

Ao fío disto, a responsable socialista incidiu en que a persoa menor “é vítima cada vez que ten que contar a súa historia, cando a repite na casa, máis tarde á Policía, aos médicos forenses, ao maxistrado instrutor e, unha vez máis, tras un par de anos, no acto do xuízo”.

Así, Castro lembrou que o Estatuto das Vítimas, que entrou en vigor en 2015, ofrece, “por primeira vez”, un marco de protección para a vítima, comezando polas persoas menores e discapacitadas, de xeito que “permite evitar esa repetición de enunciados, preconstruíndo a proba”.

Complementando este regulamento, sinalou, aparecen as salas Gessel “ao ser un espazo cómodo e próximo ao menor” que permiten que sexan psicólogos ou asistentes sociais do Imelga quen pregunten ás e aos menores, en vez do xuíz ou xuíza, que observan as respostas por videoconferencia.

“Aparecen as salas Gessel ‘ao ser un espazo cómodo e próximo ao menor’ que permiten que sexan psicólogos ou asistentes sociais do Imelga quen pregunten ás e aos menores, en vez do xuíz ou xuíza”

Malia que “o custo das salas Gesell non é elevado”, lamentou a voceira de Xustiza do Grupo Socialista, en Galicia “só o edificio xudicial de Ourense dispón desta instalación”, o que “deixa en clara desprotección ás persoas menores e ás máis vulnerables que se enfrontan a un procedemento xudicial”, o que supón unha “clara vulneración” á normativa existente para a protección das vítimas.

Con todo, Castro denunciou que, a pesar de que no 2019, o vicepresidente da Xunta anunciou que as instalacións xudiciais de Galicia nas que habitualmente declaran menores e vítimas de violencia de xénero ían ser dotadas de salas Gesell e cando pasaron dous anos dende entón, “non hai nin rastro desta promesa, nunha actitude á que a Xunta xa nos ten acostumados, anuncios moitos, pero que logo non se levan á práctica”.

“Os tristes acontecementos destes días nos volven a sacar as cores e a demostrar que, a día de hoxe, as e os menores seguen a ser os máis desprotexidos, polo tanto cremos que é o mellor momento para acadar un consenso nesta iniciativa que demostre o compromiso de todos os grupos coa protección das persoas que máis o necesitan”, concluíu a vicevoceira socialista.