Parece que seguimos furtivamente.

Pois así é, nin máis nin menos. Nesta democracia de baixo custo e -de escaso creto, porque perde clientela- non se poden dicir certas verbas, non se poden amosar certas cores. Hai que gardarse. Nin sequera amosar lazos ou corazóns, nada! Estamos na liquidación final, hannos prohibir as primaveras dos toxos e das xestas, mesmo a flor dos nabos.

A min, como a moita xente, que non sabemos vivir sen esas flores, váisenos facer difícil. Pero xa saben, estamos no enredo, na impostura, na comedia, na argallada que nos leva ao misterio inexplicable que nos culpa de algo que non sabemos. E despois chegamos ao descontrol e á enorme sorpresa de non sabernos libres. Mandan por nós unhas persoas que nin coñecemos nin fan aquilo que quedaron de facer.

Acabouse a feira e non sabemos que pasou nela, nin quen manda calar con tanto entusiasmo para dirixir silencios. A partir de aquí, nin palabras nin protesta, fóra abortos e violencia de xénero. Seica iso non existe. Nin autonomías, nin sanidade, nin educación públicas. Cada quen que se lamba as súas feridas, por non dicilo en claro. Aquilo das pensións e dos servizos públicos de atención social, fóra. Hai que facer muros, para protexernos das avalanchas. Ah, e hai que protexer o castelán neste apartheid lingüístico.

“Acabouse a feira e non sabemos que pasou nela, nin quen manda calar con tanto entusiasmo para dirixir silencios”

Non sei que pretenden estes nacionalistas separatistas e golfos, tolos, que ousan advertir o galego para Galiza! O nunca visto! Pensan en parvadas, na suposta dignidade de ser, cando habería que atender o primordial, conxelar gastos e sanear a economía a base de privarnos de orzamentos e privatizar servizos. Eles mandan e deciden, os incendios teñen remedio: fóra árbores!

A partir de aquí non se gasta tampouco en seguridade, cada un que colla o que poida para defenderse. Tamén, que son moi certeiros, déronse conta que hai que facer unha discriminación fiscal para protexer ricos, seica están pasándoo moi mal, deben querer levar algo máis e debe ser malo de levar este trago. E todo iso farase por decreto, sen máis explicacións! Que lle importa á xente, os que mandamos somos nós e punto!

Pola forza ou desde unha oposición de mangoneo, interrompen e molestan xa desde a Xunta Electoral, que para iso está e onde xa se sabe, oportunamente gardan a verdadeira perspectiva de liberdade nunhas eleccións que se poideran presumir quentes e ambiguas. Ten que ser, din eles, unha convocatoria limpa de “palabros”, sen ofender ou mediatizar.

Xa o vimos. Son capaces de variar o voto dos que somos tan incautos. Atenden así o prurito dunha forza emerxente escorada á dereita máis rancia e que se proe da pluralidade única deles mesmos. Iso si, seguen a dicir para xustificarse na súa argumentación, que vulneramos a neutralidade informativa.

Ousan dicir isto nun tempo como este, sabedores de que todas as informacións están tocadas de “patrocinadores” e subvencionadas en calquera dos formatos, para corear as máximas ideolóxicas de quen paga.

Se, por unha parte, presumen de gardar principios de neutralidade, que garden o dereito a discrepar, a liberdade de opinión e tamén aquel principio que falaba de algo así como a proporcionalidade e a razón. Por iso eu, neste noso día, proclamo para sempre que en Galiza, en galego! E todo o ano!

Que a Memoria é fundamento para abrir camiños novos, e recibímolo en herdo e honra, que nós somos donos de nós e do noso, que temos dereito a decidir, e despois xa falaremos! E se os pobos teñen dereito a ser quen son, nós debemos ter ese dereito que obriga a respectarnos e respectar a nosa fortuna recibida en herdo. Antes que calquera outra cousa!.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.