“Para distinguir o bo xornalismo habería que comezar por distinguir o mal xornalismo”

Guillermo Rodríguez Fernández | Director de Novas do Eixo Atlántico

Guillermo Rodríguez, director do xornal Novas do Eixo Atlántico, leva décadas impulsando un proxecto que conecta Galiza e Portugal a través da información. A súa traxectoria reflicte unha defensa firme dun xornalismo crítico, independente e de proximidade.

Que lugar ocupa Novas do Eixo Atlántico no ecosistema mediático galego/portugués actual?
Novas do Eixo Atlántico tenta ser un altofalante entre as dúas bandas do río Miño, o denominado Alto Minho portugués. Obviamente non o consegue da maneira en que a nós nos gustaría pero, a falta de algo mellor, tentamos manter o tipo.

“Novas do Eixo Atlántico tenta ser un altofalante entre as dúas bandas do río Miño”

Por que é importante a perspectiva do Eixo Atlántico para o noso xornalismo?
Se aceptamos que o galego/portugués segue sendo unha lingua común inda con variantes cada vez máis pronunciadas, aceptaremos que Galiza debera contar cun instrumento informativo suficiente para que a deriva non siga afondando. Claro que aquí entran en conflito intereses económicos e políticos. De aí que dos moitos intentos que se levan feito, ninguén fose quen de pór nas mans de galegos e portugueses un medio de comunicación serio, solvente e comprometido. Nós facemos o que podemos, que resulta insuficiente, claro está.

Como mudou o xornalismo nas últimas décadas?
No xornalismo lévase décadas traballando pro domo sua, que dicían os latinos. Aquí non importa a verdade, senón que os intereses duns cantos se presenten como tal, á marxe da información. Con botar unha ollada aos Consellos de Administración das distintas cabeceiras da Galiza e do resto do Estado xa temos suficiente para saber por que temos que sufrir tantos abusos informativos e tantas mentiras descaradas sen que ninguén se poña colorado. Ante isto, non vexo solución a curto prazo. A esquerda española non se decata da súa impotencia para chegar ao público xeral ao non dispor de medios de información serios e comprometidos. Nas monarquías dos séculos pasados, os ricos tiñan os xornais; logo pasaron a ser as empresas controlando os Consellos de Administración. Hoxe seguen sendo os mesmos: algúns descendentes daqueles monárquicos dos que ninguén se lembra, pero eles ben se lembran de seguir sendo os donos da torrada.

“No xornalismo lévase décadas traballando pro domo sua, que dicían os latinos”

Nun mundo saturado de información, que distingue hoxe o bo xornalismo?
Para distinguir o bo xornalismo habería que comezar por distinguir o mal xornalismo. E coa información e formación que ten a poboación xeral como se vai distinguir cal é bo ou mal xornalismo? Nas escolas ou nos institutos non se ensina a ler un xornal de maneira crítica e obxectiva. Iso déixase para a dereita, que dispón de centos de voceiros chamados “medios alternativos”. E arriman a brasa á súa sardiña, obviamente.

Que retos afronta hoxe a información de proximidade?
A información de proximidade atópase co eterno problema: a ninguén lle interesa que se fale mal do seu alcalde ou alcaldesa porque en calquera momento pode axudalo a resolver un problema particular, aínda que non sexa moi honesto. O caciquismo de guante branco segue tan presente como cando Bugallal dominaba media Galiza Sur. Logo, quen escriba algo que non guste ao poder local, xa é un inimigo. Os xornais de ámbito local só poden resistir coas migallas da publicidade que deixan os grandes rotativos e non poden estirar a perna máis do que dea a manta, porque o constipado esta¬ría asegurado.

Entrevista realizada por Sergio Casal para Nós Diario.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.