Para cando a cogestión de empresa?

Nestes momentos en que os representantes dos empresarios, co Sr. Garamendi á cabeza, están refugando a súa participación nas reunións que convoca o Ministerio de Traballo e Economía, convén refrescarlles a memoria e convidalos a ler a Constitución Española, esa que tanto lles gusta poñer sempre sobre a mesa, para que nos digan que pensan do artigo 192.2 cando di: “Os poderes públicos promoverán eficazmente as diversas formas de participación na empresa e fomentarán, mediante a lexislación adecuada, as sociedades cooperativas. Tamén establecerán os medios que faciliten o acceso dos traballadores á propiedade dos medios de produción”.

Non é unha idea nova. A participación dos traballadores na empresa xa figuraba na Constitución de 1931 que previa a súa presencia na dirección, na administración e nos beneficios empresariais. Nembargantes pese a figurar na Constitución vixente de 1978 no art. 129.2 apenas tivo desenvolvemento efectivo e segue sendo unha promesa constitucional. O informe presentado polo Ministerio analiza a situación e pon de relieve unha paradoxa evidente: mentres en España o debate parece novidoso, en gran parte de Europa a participación dos traballadores na gobernación empresarial é unha práctica consolidada dende fai décadas.

A Unión Europea leva anos promovendo este modelo. Diversas directivas e resolucións comunitarias recoñecen as súas vantaxas e recomendan aos Estados membros facilitar a súa implantación. En países como Alemaña, Austria, Francia, Suecia ou Países Baixos, os traballadores participan nos órganos de Administración ou vixianza das sociedades.

“A Unión Europea leva anos promovendo este modelo. Diversas directivas e resolucións comunitarias recoñecen as súas vantaxas e recomendan aos Estados membros facilitar a súa implantación”

A práctica financeira tamén está bastante estendida. En Francia ou Suecia os traballadores posúen participacións relevantes no capital de moitas empresas. Incluso, fora de Europa existen modelos consolidados coma o Sistema ESOP (coñecido como “Plan de Participación Accionaria para empregados”) É un programa que lles ofrece a oportunidade de converterse en accionistas da empresa na que traballan, permitíndolles adquirir unha parte da propiedade por medio de accións. Aínda que España non é completamente allea a esas experiencias, o seu desenvolvemento ten sido limitado.

A participación dos traballadores tense concentrado principalmente no ámbito da economía social: cooperativas, sociedades laborais e caixas de aforro. En determinados casos derivados da normativa europea.

Reforzar a participación dos traballadores non é só unha cuestión laboral. Pode contribuir a mellorar a innovación, a resiliencia empresarial, a calidade do emprego e a sostibilidade social.

Para debater todas estas cousas o Ministerio de Traballo convocou o pasado 12 de marzo á mesa de diálogo social.. Os sindicatos asistiron e destacaron a importancia de reforzar a democracia, en particular na empresa.

As organizacións empresariais, sen embargo, decidiron non asistir. Cualificaron a proposta, nos medios de comunicación, como un ataque populista ao mundo empresarial, un exercicio de intervencionismo ou incluso unha ameaza ao dereito de propiedade.

Numerosos estudios demostran que estes modelos non reducen a inversión; pola contra acostuma mellorar a produtividade, a innovación, a calidade da organización do traballo e a estabilidade a longo prazo das empresas.

Aquí tampouco se plantexa “regalar empresas” aos traballadores. O que se busca é que os convenios colectivos e os acordos de empresa poidan establecer mecanismos de participación das persoas traballadoras nas decisións estratéxicas e no capital.

En última instancia, o obxectivo e sinxelo: que as empresas españolas dispoñan de ferramentas semellantes as dos demais países europeos para afrontar os desafíos dunha economía baseada cada vez mais na innovación e nos activos intanxibles. Por iso sorprende que este debate non fora abordado pola patronal no espazo natural para facelo: o diálogo social.

Saían a tomar o sol pero teñan coidado coas insolacións. Pode ser peor o remedio que a enfermidade.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.