Palestinos e saharauís dous pobos baixo ocupación.

Os conflitos saharauí e palestino son dous conflitos con orixe nunha ocupación ilegal, vítimas do colonialismos sionista e marroquí. Unha ocupación militar en clara violación do Dereito Internacional e en contra dos pronunciamentos das Nacións Unidas.

Son dúas causas con denominadores comúns como son a represión, a ocupación, o colonialismo e cunha importante poboación exiliada vivindo en calidade de refuxiados en países veciños, como tamén nos territorios ocupados, onde padecen restricións civís e políticas.

En ambos os casos a Potencia ocupante estendeu a súa xurisdición, administración e lexislación a territorios anexados ilegalmente, practicando unha política de inserir colonos nos territorios ocupados, en clara vulneración do art. 49 do IV Convenio de Xenebra que sinala que “A Potencia ocupante non poderá proceder á evacuación ou transferencia de parte da súa propia poboación civil ao territorio por ela ocupado”.

Tanto Israel como Marrocos, como potencias ocupantes, son culpables da comisión de graves violacións ao dereito Internacional Humanitario e do Dereito Internacional nos territorios ocupados coa práctica dunha política de represión perante calquera manifestación ou mostra de rexeitamento contra a ocupación dos seus territorios con torturas e malos tratos físicos, en aberta contradición ao Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e os art. 31 e 32 da IV Convención de Xenebra, detención de persoas sen acusación formal por períodos superiores aos establecidos no art. 78 da Convención de Xenebra, condicións denigrantes de detención (art. 81,85, 89 e 135 da IV Convención), interferencias á liberdade de prensa e prácticas que vulneran o acceso á información e o impedimento por parte de forzas de ocupación do acceso a manifestantes feridos a recibir atención médica adecuadas (art. 55 da IV Convención), entre outras.

A pesar de ser dous conflitos con grandes similitudes atopámonos, tamén, que son dous conflitos con grandes diferenzas.

Unha das maiores diferenzas pódese atopar no seguimento mediático de ambas as causas co seu correspondente coñecemento destas por parte da poboación a nivel mundial. En Palestina e Israel miles de xornalistas, locais e internacionais, ofrécennos ao minuto informacións sobre o conflito. Sobre os territorios ocupados do Sáhara Occidental ningún medio pode ter acceso aos mesmos sen o permiso da potencia ocupante, o que conleva que a información sempre é sesgada e controlada polo ocupante marroquí, e os medios locais teñen que traballar na clandestinidade con escaseza tanto de medios técnicos como humanos e coa constante ameaza de ser detidos e encarcerados.

No que se refire ao número de habitantes tamén nos atopamos aquí cunha importante diferenza. Segundo a axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina ( UNRWA), hai 5,1 millóns de refuxiados palestinos, que supoñen unha terceira parte de todos os refuxiados do mundo. Con respecto aos saharauís as asociacións de axuda internacional estiman que a poboación refuxiada saharauí suma ao redor de 200.000 persoas e fontes da Fronte Polisario calculan que a poboación en territorios ocupados rolda os 750.000. Os refuxiados palestinos distribúense numerosos campos de refuxiados anexionados ás cidades palestinas onde realizan o seu traballo in situ numerosas organizacións internacionais contando mesmo con colexios das Nacións Unidas. Pola súa parte os refuxiados saharauís distribúense en cinco campamentos situados todos eles en Tinduf, Alxeria, desde hai máis de 40 anos, onde a idea sobre as precarias condicións de vida dun refuxiado cobra aquí a súa máxima expresión vivindo case exclusivamente da axuda internacional, na súa maioría proveniente de Alxeria, aínda que tamén de Europa, Cuba e Venezuela, a educación e a sanidade foron levantadas polas mulleres saharauís mentres os homes loitaban na guerra contra o ocupante marroquí.

Outro dos factores diferenciais dos dous casos é que o 31 de outubro de 2011, Palestina foi elixida membro número 195 da UNESCO, admitíndoo como membro de pleno dereito e o 29 de novembro, Palestina, por medio da Resolución 67/19 da Asemblea Xeral, pasa a ser considerar como «estado».

O traballo diplomático de ambos conseguiu que un importante número de países recoñezan ao Sáhara Occidental e Palestina como estados.

En ambos os conflitos os cárceres están cheas de presos políticos. A asociación palestina Addameer asegura que hai 7.000 prisioneiros políticos en cárceres israelís, case 500 deles con cadea perpetua. Nos cárceres marroquís hai decenas de presos políticos saharauís sometidos ás torturas máis vexatorias e a asociación saharauí Afapredesa estima en 400 os desaparecidos, de quen non se sabe o seu paradoiro: “pode ser un cárcere ou pode ser un foxo baixo terra”.

Que Israel e Marrocos cesen nas súas agresións ao pobo palestino e saharauí depende de que perdan o apoio económico e político dos seus padriños occidentais.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org

Outros artigos