Pablo Graña, novo presidente local en Xunqueira de Espadanedo

”Necesitamos moitas persoas coma el: activos, dinámicos e co interese real de defender a súa terra", dixo Luís Menor

Xunqueira de Espadanedo | O Partido Popular en Xunqueira de Espadanedo celebrou o seu congreso local, onde Pablo Graña Rodríguez (X. de Espadanedo, 1992) foi elixido como novo presidente, nomeamento que oficializa un relevo que comezou a fraguarse en setembro do pasado ano, cando Graña asumiu a Alcaldía do municipio.

“Hoxe comezamos a construír unha nova etapa sobre os cimentos que vos puxestes”, dixo Pablo Graña en referencia ás persoas que lideraron o partido con anterioridade. Agradecido ao presidente provincial pola confianza, resumiu o seu programa de intencións afirmando que “aquí tedes a alguén que traballa por e para Xunqueira de Espadanedo, o sono da miña vida”.

Lembrou que en setembro do pasado ano, Carlos Gómez deulle a confianza para rexer o concello, “e hoxe tomo as rendas para liderar a agrupación local do PP coa enerxía que me caracteriza”. Prometeu fomentar a “unión” como unha das claves do seu proxecto político, “traballando para todos porque Xunqueira ten moito que dicir e estamos aquí para que a nosa voz escóitese ben forte”.

Na clausura do congreso, que tamén contou coa presenza da vicepresidenta do PP, Marta Nóvoa, e da secretaria xeral, Sandra Quintas, o presidente provincial, Luís Menor, puxo en valor o “paso firme e decidido” dos populares de Xunqueira que ofrecen así a imaxe dunha formación “viva, unida e con futuro”. Dirixíndose ao novo presidente local, Menor lembroulle que “os teus acertos serán os éxitos do Partido Popular, non só aquí, senón tamén na provincia, en Galicia e en España, porque cada voto neste concello suma para o proxecto común”.

Menor destacou o modelo de “relevo natural” do PP, no que Pablo Graña confirma que en Xunqueira hai proxecto e sabe o que precisa e merece o concello”. “Necesitamos moitas persoas coma el: activos, dinámicos e co interese real de defender a súa terra e traballar polo territorio”.

Un dos momentos máis emotivos do congreso foi o recoñecemento a Carlos Gómez polos seus catorce anos de “servizo público impecable”. Menor destacou o seu compromiso cos veciños, avalado polas sucesivas maiorías absolutas desde 2011, e agradeceu especialmente a súa calidade humana e política: “É unha persoa de partido que soubo dar un paso ao lado para abrir novas etapas, demostrando unha ampla xenerosidade ao seguir formando parte do grupo municipal e traballando polo futuro do municipio desde outra posición”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.