Outono de lecer en Tui

Con teatro, andainas e a II Feira da Cabaza

Tui | O outono ofrece en Tui múltiples propostas para gozar do tempo de lecer vinculadas á cultura, ao patrimonio histórico ou natural.

Así, por unha banda, mañá sábado e o domingo celébrase a II Feira da Cabaza no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Este evento enxalza este produto típico do outono a través da exposición e venda, pero tamén coa súa preparación a través de obradoiros infantís de cociña, e demostracións e degustacións de diferentes pratos coa cabaza coma ingrediente principal, maridados con viños da zona e mesmo con cervexa de cabaza.

No plano cultural o outono ofrece tamén distintos espectáculos no Teatro Municipal. Deles, tres van destinados a público familiar. Hoxe mesmo, ás 19.30 h, Tanxarina Títeres presenta o espectáculo “A cazola de Lola”. No mesmo horario o venres 4 de novembro actuará Da.Te Danza con “Natanam”, e o venres 18 Os Náufragos con “Hugo”. Pero, amais, o venres 11 ás 21.30 h proxectarase o filme “Cuñados”, e o venres 25 Contraproducións levará a escena “Cigarreiras”. As entradas están á venda en tui.gal.

No mesmo edificio Francisco Sánchez, onde está ubicado o teatro tudense, pode visitarse a exposición «Castelao grafista (facsímile)» de Abanca e Afundación até o  20 de novembro, e o próximo xoves 3 de novembro inaugurarase a mostra fotográfica “En un Lugar Cualquiera” de ACCEM.

No ámbito deportivo o sábado 5 de novembro, ás 10 h, sairá da igrexa de Malvas a andaina por Malvas e Pexegueiro que forma parte do circuíto de Andainas e Caminhadas Saudables da Eurocidade Tui-Valença. A inscrición está aberta en andatui.es. Mentres, o sábado 26 de novembro, celebrarase a Urban Trail Ninght Eurocidade, cun percorrido nocturno entre Tui e Valença do que se pode ampliar a información en urbantrailnight.com.

A Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira, ofrece a tudenses e visitantes a información sobre todas estas citas, pero tamén sobre os atractivos que o municipio ofrece nesta época do ano.

Así é cita obrigada achegarse até o Parque Natural do Monte Aloia, no que foi o primeiro espazo protexido de Galicia, para gozar das cores marróns, ocres, verdes que inundan a paisaxe.

No Aloia hai diferentes rutas establecidas coma da Rego da Auga, Senda Botánica, Cabana-Cabaciña, ou Castro do Alto dos Cubos. En plena natureza e no mesmo parque natural podemos visitar a senda dos Muíños do Tripes ou dos Muíños do Deique, que tras as últimas choivas permiten ver fervenzas ou levadas ateigadas de auga.

Cruzar andando pola vella Ponte Internacional permite pór un pé en España e outro en Portugal, pero tamén gozar da paisaxe outonal nas rúas beiras do Miño. Igualmente o Camiño de Santiago ofrece percorridos de gran beleza paisaxística, natural e patrimonial, dende a propia entrada a Galicia, o conxunto histórico, San Domingos, San Bartolomeu ou a Ponte das Febres en Ribadelouro.

Perderse polas rúas da cidade histórica é outra das propostas para este outono, ben deixándose levar polos pasos a través das rúas empedradas, ou seguindo as rutas histórica ou xudía a través da plataforma turismotui.mobi que permiten realizar un percorrido autoguiado e xeolocalizado. Do mesmo xeito na Oficina Municipal de Turismo, que abre de luns a domingo de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h, pódense recoller os impresos das rutas autoguiadas para público familiar para descubrir o tesouro de Salomón ou o túnel de Dona Urraca.