Outono cultural en Tui

Cunha variedade de actividades para o público infantil e adulto

Tui | Oito espectáculos conforman a programación de outono que do 6 de outubro ao 24 de novembro se poderá gozar no Teatro Municipal de Tui. Teatro, música, maxia e cinema centran esta proposta cultural.

A programación foi presentada esta mañá na casa do concello de Tui pola concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, e a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, xunto a Alba Caneda, actriz, Antela Cid, produtora, e Fran Peleteiro, produtor da Compañía Humana, e Laura De Gabriel Alberti, produtora e cantante de Uxía Lambona, dúas das compañías que actuarán no Teatro Municipal este outono.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención que “o Teatro Municipal de Tui goza de moi boa saúde, conta cun público estable”. Salientaba que grazas á pertenza á Rede Galega de Teatro e Auditorios podemos gozar dunha programación ampla “na que se este concello vai seguir implicado e participando porque é aposta que imos seguir facendo ”. Destacou a colaboración do AGADIC a través e o compromiso e implicación do concello. Salientou coma se oferta unha proposta para todos os públicos cunha programación moi variada.

Pola súa a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, aludiu tamén a aposta clara que o Concello de Tui fai polo mundo da cultura nas distintas programacións que se realizan ao longo do ano, cunha selección para todos os públicos e presentando distintos xéneros. “Tui destaca pola súa cultura” afirmaba a concelleira.

Dos oito espectáculos previstos catro son para público infantil e familiar e catro para público adulto.

A Compañía Humana será a encargada de abrir esta programación o próximo venres 6 de outubro con “Iphixenia”, unha revisión contemporánea do clásico de Eurípides. Sara Rey dirixe esta obra interpretada por Alba Caneda. Tal e coma explicaba hoxe actriz protagonista salientaba que esta é “unha obra necesaria” na que denuncia os recortes, principalmente no ámbito da sanidade, pero se abordan tamén sociais. Antela Cid e Fran Peleteiro, actores que agora contan coa súa propia compañía Humana, salientaban que “este é un texto que conecta con moito público e coa xuventude” e aludían a que esta é a primeira vez que este texto galardoado noutros países se presenta en galego nunha revisión contemporánea na que “Iphixenia se sacrifica polo ben da sociedade”.

Talía Teatro representará o venres 20 de outubro “Unha inimiga do pobo”, unha adaptación do clásico de Ipsen dirixido por Tito Asorey e interpretado por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala. Unha prestixiosa médica que volve á súa vila para emprender novos proxectos é a protagonista desta historia na que loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos.

Outra historia protagonizada por unha muller chegará coa proxección da película “Matria” de Álvaro Gago. María Vázquez obtivo o Premio á mellor actriz no Festival de Málaga pola interpretación de Ramona. A cita será o venres 10 de novembro.

Pechará esta programación o 24 de novembro Redrum Teatro con “Hamelin”. Alex Sampayo dirixe esta obra baseada no texto de Juan Mayorga e interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto e Fran Lareu. De forma sutil aborda as diversas formas de violencia sobre nenos e nenas nunha cidade Hamelin, que podería ser calquera cidade.

O público infantil e familiar contará tamén con catro espectáculo. O ilusionista Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo de maxia “Degustación de imposibles” o venres 13 de outubro.

Unha revisión do clásico “Pedro e o lobo” chegará ao Teatro Municipal o venres, 27 de outubro, con Fantoches Baj. Inacio Viñariño é o director e tamén actor xunto a Larraitz Urruzola, e Luchi Iglesias desta obra na que empregan marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e acompañadas coa música do clásico de Prokofiev.

“Un soño é…” é o novo espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona que estará en Tui o venres, 3 de novembro. O fío conductor do espectáculo son os soños de cada un dos integrantes da banda, Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía, tal e coma hoxe explicaba Laura De Gabriel. Sinalaba que este non será “un concerto ao uso” xa que terá unha gran parte de animación. Laura De Gabriel animaba “á rapazada a cantar e bailar con nós” nas versións que fan de cancións galegas e temas propios.

O venres, 17 de novembro, Baobab Teatro representará “Ás para Álex”. Andrea Bayer e Óscar Ferreira dirixen a Cora Velasco e Xose Esperante neste espectáculo protagonizado por Alex, un neno de 8 anos, ao que Laura lle ensina a cambiar a mirada logo de ter que renunciar a todo o que lle gustaba tras perder a mobilidade.

A cita será cada venres ás 19.30 h para os espectáculos infantís e ás 21.30 h no caso dos dirixidos a público adulto. As entradas están á venda dende hoxe en tui.gal con prezos que oscilan entre os 3€ e os 10€ en función do espectáculo, e os descontos establecidos. Pódense adquirir até quince minutos antes do inicio da función.

Programación
Compañía Humana – Iphixenia na porta do súper
Venres, 6 outubro, ás 21.30 h
Xénero Monólogo teatro
Publico +12 anos
Joshua Kenneth con “Degustación de Imposibles”

Venres, 13 outubro, ás 19.30 h
Xénero Maxia familiar
Publico Todos os públicos
Talía con “Unha inimiga do pobo”

Venres, 20 outubro, ás 21.30 h
Xénero drama
Publico adulto +14 anos
Fantoches Baj con “Pedro e o lobo”
Venres, 27 outubro, ás 19.30 h
Xénero monicreques
Público +4 anos
Uxía Lambona e a banda molona con “Un soño é…”

Venres, 3 novembro, ás 19.30 h
Xénero musica infantil
Público Todos os públicos
Cinema Matria

Venres, 10 novembro, ás 21.30 h
Xénero cine
Publico +12 anos
Baobab Teatro con “Ás para Álex”

Venres, 17 novembro, ás 19.30 h
Xénero infantil familiar
Publico +5 anos
Redrum Teatro con “Hamelin”

Venres 24 novembro, ás 21:30 h
Publico adulto +14 anos

Turismo Verde
A xornada “Oportunidades de Turismo Verde en Tui” celebrada onte no Edificio Francisco Sánchez destinada a reflexionar sobre a sostibilidade turística con representantes de proxectos de boas prácticas de diferentes puntos de Galicia serviu para poñer en valor aquelas iniciativas que nacen da iniciativa local e contan coa colaboración das asociacións ou as administracións nas que se desenvolven.

De feito todas as persoas participantes coincidiron en destacar que os proxectos que nacen de abaixo arriba aínda que son máis complexos deixan un maior retorno social no territorio. Outra das cuestións que reivindicaron é unha maior coordinación entre os diferentes entes que operan nun destino tanto públicos (administracións) como privados (asociacións ou representantes do sector) para que exista unha xestión ordenada do destino Galicia e daqueles espazos de maior tracción turística.

Por outra banda, na rolda de intervención expuxéronse diferentes preocupacións ou retos que se deben afrontar.

María Abuín da empresa Máis que Románico que opera na Ribeira Sacra defendeu que a sostibilidade dos territorios do rural e dos espazos naturais depende tamén de primar a calidade sobre a cantidade e no mesmo sentido se manifestaron Leticia Castro e Andrea Menéndez que desde a súa experiencia de artesanía e creatividade colaborativa en O Grove manifestaron a súa preocupación polo turismo de consumo rápido e barato e defenderon un modelo no que as persoas visitantes disfruten da paisaxe, da tradición local, dos recursos culturais e consuman nas vilas que visitan.

Diego Chapela, da Fundación Juan XXIII fixo fincapé na defensa do ocio e turismo inclusivo no que as persoas con discapacidade poidan desenvolverse profesionalmente nas diferentes actividades (guías, hostelería, atención ao público, etc) e explicou o proxecto de formación dual e recuperación do entorno do Lago de Castiñeiras para uso turístico que está a realizar a asociación.

A visión local sobre as oportunidades de turismo verde dérona Ricardo Da Silva e Alberto Romer da Asociación de Muiñeiros do río Tripes que explicaron as diferentes actividades que realizan con visitas escolares e eventos culturais e destacaron a importancia de coidar o patrimonio etnográfico e o entorno natural de Tui para poñelo ao servizo do desenvolvemento sostible.

Por último todas as entidades destacaron o potencial que ten o municipio de Tui para o desenvolvemento turístico do destino a través do río Miño, as diferentes sendas e os espazos naturais como recursos complementarios da potencial dun patrimonio histórico e cultural de referencia en Galicia. Neste senso a concelleira de Turismo, Ana Núñez, que pechou a xornada, destacou “o esforzo na captación de recursos para conservar e embelecer toda a zona monumental e para poñer en valor todos os recursos fluviais que serven para disfrute da cidadanía local e tamén para diversificar e desestacionalizar a oferta turística”. Ademais anunciou que se realizarán mesas de traballo e novas xornadas no ano 2024 co sector turístico e o comercio da cidade.