Ourense organiza oito actos para celebrar os 50 anos en liberdade

Serán desde o 15 de novembro ao 6 de decembro

Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, presentou hoxe a programación impulsada pola Subdelegación do Goberno e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. Está composta por oito actos que terán lugar do 15 de novembro ao 6 de decembro e que invitan á reflexión sobre a ditadura e os avances vividos no país en medio século.

O subdelegado explicou que o programa está composto por un ciclo de debate, unha obra de teatro e o acto de entrega de premios do 41º Concurso da Constitución. “Esta iniciativa nace ca vontade de dar a coñecer o noso pasado recente; reflexionar sobre o camiño percorrido nestes 50 anos de liberdade e celebrar todo o que construímos como sociedade”, destacou.

O ciclo de debate está composto por catro mesas redondas e dúas conferencias, que terán lugar no centro cultural José Ángel Valente, con relatores de primeiro nivel como Diego López Garrido, Xosé Luis Barreiro Rivas, Anabel Díaz, Ramón Jáuregui, Ana Pardo de Vera, Fernanda Tabarés, Carmen Calvo, Juan Tallón, Pilar García Negro, Manuel Bragado e Dores Tembrás.

Pola súa parte, a comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, Carmina Gustrán, asegura que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país”. “España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso, ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e aporte a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”, resaltou.

Programación
–  A Transición. Historia dun éxito colectivo. (Sábado, 15 de novembro. 12:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente). Diego López Garrido, Xosé Luis Barreiro Rivas e Anabel Díaz.

– Dez claves sobre a Transición. (Martes, 18 de novembro. 19:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente). Ramón Jáuregui.

– Os medios de comunicación social na España democrática. (Mércores, 19 de novembro. 19:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente). Ana Pardo de Vera e Fernanda Tabarés.

– 50 anos de feminismo, 50 anos de liberdade. (Venres, 28 de novembro. 19:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente). Carmen Calvo.

– Lingua, educación e liberdade, o galego na construción da democracia. (Luns, 1 de decembro. 19:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente) Juan Tallón, Pilar García Negro, Manuel Bragado e Dores Tembrás.

– Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense. (Xoves, 4 de decembro. 19:00 horas. Centro Cultural José Ángel Valente).

– Representación teatral Flores de España de Los Sueños de Fausto. (Venres, 5 de decembro. 21:00 horas. Teatro Lauro Olmo. O Barco).

– Gala de entrega de premios do 41º Concurso da Constitución (Sábado, 6 de decembro. 12:00 horas. Auditorio Municipal de Ourense)

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.